A Fiscalía denuncia a Jealsa, a maior conserveira de Galicia, por contaminar a ría de Arousa

Os mariscadores levan anos denunciando as verteduras de Jealsa-Rianxeira que matan o marisco e arrasan as praias sen que nin a Xunta nin o Seprona fixesen nada ata o de agora por resolver o problema

A Coruña.- A Fiscalía de Medio Ambiente ven de denunciar no xulgado á conserveira Jealsa-Rianxeira, a máis grande de Galicia, por un presunto delito continuado contra o medio ambiente por levar anos vertendo augas contaminadas por nitróxeno amoniacal e sólidos en suspensión ás augas que bañan os bancos marisqueiros e as praias da ría de Arousa.

A fiscal considera que a acumulación deses tóxicos «podería presentar a entidade suficiente para determinar unha alteración substancial da calidade das augas», e que a conduta dos xestores de Jealsa sería obxecto dun comportamento «doloso [a vontade de incorrer a propósito nunha falta ou un delito] dada a reiteración das verteduras e constatando a existencia dunha sanción previa así como a incoación de múltiples expedientes sancionadores».

Jesús Alonso, con traballadoras de Jealsa-Rianxeira / Foto:Jealsa Rianxeira

Jealsa é propiedade de Jesús Alonso, un coñecido empresario e político galego que fundou a compañía en 1958 e que durante oito anos foi alcalde de Boiro, a localidade coruñesa onde se sitúa a súa empresa, polo Partido Popular, en tempos de Manuel Fraga. Alonso está retirado desde hai algúns anos, pero os seus fillos, que xestionan agora a empresa, seguen a manter unha cordial e proveitosa relación coa Xunta e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, quen recurrentemente pon a Jealsa como exemplo das compañías puxantes de Galicia.

Na última ocasión, tras o incendio que sufriu unha das súas plantas en maio deste ano, Feijóo encomiou a traxectoria de Jesús Alonso e comprometeu o seu apoio ao proxecto polo que a compañía pretende captar 100 millóns de euros dos fondos Next Generation da UE, cuxo repartición na comunidade, precisamente, decidirá a Xunta. «Estamos a falar dunha empresa que se identifica co nome de Galicia», dixo entón o presidente.

Contaminación na praia de Abanqueiro, xunto á fábrica da conserveira Jealsa-Rianxeira / Foto: Plataforma en Defensa da Ría de Arousa

O certo é que o seu Goberno só impuxo a Jealsa unha sanción leve polas súas verteduras, a pesar de que os ecoloxistas e os mariscadores levan cinco anos denunciando que a contaminación da fábrica están a matar o marisco e arrasando as praias. Nin o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil nin Augas de Galicia, dependente da Administración autonómica, fixéronlles caso ata que recorreron á Fiscalía de Medio Ambiente en Madrid, grazas a que a empresa dun deles estaba residenciada alí. A Fiscalía ordenou abrir dilixencias sobre o caso á súa delegación na Coruña, que elevou agora denuncia ao xulgado de Ribeira. No escrito, a fiscal cuestiona a validez dos argumentos que permitiron que os expedientes abertos pola Xunta quedasen en nada, a pesar da evidente diminución da calidade das augas na contorna do emisario submarino polo que a conserveira verte residuos ao mar.

«A miña filla saíu desa praia con manchas na pel. Algunhas mariscadoras tamén. Pero case ninguén se atreve a denuncialo porque aquí todo o mundo ten a alguén traballando en Jealsa», di Uxío, un mariscador que explota en concesión unha parcela da ría na que se crían ameixas e berberechos. Participou na elaboración da denuncia e no proceso de recompilación do material documental e audiovisual que a acompaña, e que mostra montañas de bibalvos mortos, arroios tinguidos de azul e praias asolagadas de substancias oleaxinosas. Pero Uxío é un nome ficticio, porque el tamén ten parentes nas fábricas de Jealsa-Rianxeira e non quere expoñelos a represalias. As empresas dos Alonso dan emprego a máis de 2.000 persoas nun municipio que non supera os 19.000 habitantes.

Feijóo e Jesús Alonso / Foto: Xunta de Galicia

Ademais dos perigos evidentes para a saúde, Uxío advirte de que as verteduras da conserveira están a poñer en perigo a forma de vida de miles de familias que viven de pescar e mariscar en toda a ría de Arousa. «Levo 20 anos traballando aquí e vin neste tempo como as rocas deixaban de ter algas e mexilla -as crías de mexillón que se empregan logo para o seu cultivo en bateas-. Que non me falen logo do cambio climático: aquí están a matar ao mar con química», asegura. Tamén advirte de que a situación está agravándose: «Ao principio eran vertidos esporádicos, un ao mes, ou un cada varios meses. Pero agora son tres ao día».

A fiscal do caso advirte no seu auto que as recollidas de mostras indican «a superación do límite máximo permitido na vertedura de augas residuais industriais tratadas na depuradora da conserveira» en dous dos parámetros analizados -nitróxeno amoniacal e sólidos en suspensión-. Pero tamén fala doutras substancias «de indubidable natureza industrial» non identificadas, nas inmediacións do emisario da empresa conserveira: «escumas esbrancuxadas, manchas amareladas de graxa de procedencia industrial, cúmulos sólidos esbrancuxados, residuos graxentos…».

Arroio tinguido de azul / Foto: Plataforma en Defensa de Ría de Arousa

A denuncia dos mariscadores, na que participaron varias confrarías e asociacións de produtores, foi coordinada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, da que forman parte moitas delas. O seu portavoz, Xaquín Rubido, cre que houbo «unha complicidade explícita» entre os xestores de Jealsa-Rianxeira e as administracións que facían oídos xordos ás denuncias e advertencias que levan facendo desde o ano 2017.

«Chegamos a manter unha reunión cos alcaldes dos municipios afectados, coa empresa e coa Xunta. Dixémoslles que non iamos contra ninguén, que non se trataba de demonizar á compañía senón de atopar unha solución ao problema. Pero non serviu de nada. Todos na reunión sabiamos que as verteduras son de Jealsa-Rianxeira, pero eles limitáronse a negalo sen máis».

Feijóo con Jesús Alonso Escurís, o pasado mes de maio / Foto: Xunta de Galicia

O grupo Jealsa é un emporio industrial con intereses tamén no sector téxtil e no enerxético, con plantas de coxeración e parques eólicos. Luzdes-Público preguntou reiteradamente á compañía pola súa valoración da denuncia da Fiscalía, pero non obtivo resposta.

Con todo, tras a pubicación da primeira versión deste artigo, a dirección da compañía enviou unha nota interna aos seus traballadores na que asegura que a empresa «cumpre con todos os requisitos ambientais» e que conta cun equipo «que vela permanentemente por unha xestión de residuos consecuente co seu compromiso ambiental».

Ata o de agora Jealsa sempre negou que as verteduras fosen seus, pero nesta mensaxe ao seu persoal non o fai, e asegura que a dirección puxo «todos os medios e efectivos» dos que dispón «para dilucidar a orixe das verteduras detectadas coa maior celeridade posible». Con todo, hoxe mesmo produciuse outra vertedura máis.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail