A falta de persoal médico na sanidade galega agrávase por vacacións e sobrecarga a demanda asistencial

O servizo de saúde galego non cobre a totalidade dos postos ausentes de atención primaria no verán e os pacientes teñen que ser atendidos por outros compañeiros aumentando a súa cota e a súa carga diaria laboral.

Unhas semanas despois de que Alberto Núñez Feijóo renovase a súa cuarta maioría absoluta e desaparecese dos medios de comunicación galegos que adoitaba frecuentar en precampaña, a realidade do Servizo Galego de Saúde (Sergas) volve retratarse en vacacións de verán. Aínda que sexa un feito estrutural, a escaseza de persoal médico agudízase nos meses estivais. As ausencias de atención primaria non se suplantan e os doentes teñen que ser atendidos por outros doutores, chegando a consultar ata 50 ou 60 persoas por día.

A sobrecarga de traballo dos facultativos pode aumentar ata un 30% e é unha situación que se repite todos os anos. O presidente da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM), Ramón Barreiro, explica que a situación «empeora co paso do tempo» e que «en ningún momento se tomaron medidas». Segundo o doutor ao Sergas non lle «interesa» contratar por aforro económico, e quizais por unha baixa de dous meses elixe chamar a un substituto dúas veces por semana ou a ningún. Tamén inflúe a escasa oferta das prazas MIR dos últimos tempos -aínda que recoñece que este ano aumentaron ata 7.615- o que provoca que miles de profesionais graduados non poidan exercer no sistema público de saúde porque non se especializaron e existan por tanto menos facultativos dispoñibles.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

As condicións laborais no Sergas inducen a que moitos dos médicos formados abandonen o territorio galego e marchen a outras comunidades e a outros países na procura de contratos máis estables. «O sistema educativo gasta unha chea de diñeiro en formar graduados en medicina e despois emigran. Traballan noutros sitios onde son moi ben recibidos sen investir nada nesa formación», engade Barreiro.

O panorama que perfilan os expertos sanitarios para os próximos anos do Sergas non mellora respecto ao actual. As xubilacións non se repuxeron cos MIR e aínda este ano a Consellería de Sanidade pediu unha ampliación de prazas dentro do seu plan de atención primaria, algo que pode tardar ata catro anos. Mentres tanto, moitos profesionais de máis de 65 anos continúan exercendo pola ampliación da vida laboral do Executivo autonómico, nun principio propulsada para paliar ese déficit de médicos e médicas. Por iso, no próximos cinco anos espérase unha «avalancha de xubilacións» e como a bóla de neve segue crecendo o Sergas «non pode dar resposta», matiza o presidente de CESM Galicia.

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade comunica que o plan da Xunta é «cubrir as xubilacións que se vaian producindo». Espera que o Ministerio de Sanidade «homologue o título de diversas especialidades» para que médicos de fóra da Unión Europea poidan traballar no país e póidase resolver así o déficit actual. Da mesma maneira, sostén que «Galicia non é unha excepción» e que esta escaseza evidénciase no resto de comunidades como en pediatría, segundo respondeu a este medio. De feito, datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) reflicten que o servizo galego é o terceiro no que menos se incrementou a taxa de médicos colexiados en 2019. O mesmo con enfermería -un 1%-, por iso a cociente na comunidade é moito menor ao que recomenda a literatura científica. Un 5,3 por cada 1000 habitantes, moi lonxe da media europea, un 8,8%.

«O persoal daqueles lugares onde se produce un aumento significativo de poboación por culpa das vacacións está reforzado», prosegue a Consellería de Sanidade. Noutras non tan masificadas, como Os Rosales na Coruña, a carencia de facultativos xa prexudicou a un paciente. Alfonso Martínez é un xubilado operado do corazón e precisaba que a súa doutora lle renovase o medicamento diario porque prescribira na tarxeta sanitaria. Ao chegar ao centro de saúde decatouse de que a súa médica de cabeceira está de vacacións e non lle derivaron a outro profesional. Puxo unha reclamación e tentou liquidalo a través do sistema automático do Sergas, pero resultoulle «imposible». Feijóo anunciou en abril que a «sanidade do futuro» en Galicia basearase na atención telefónica para evitar aglomeracións. Preguntado sobre o que pode facer o usuario do servizo público nestes escenarios, o Sergas traslada que é unha «cuestión organizativa» entre o médico e o paciente.

A secretaria xeral de CIG- Saúde, María Abuín, postula que o que cabe nestas situacións é unha «denuncia pública» e que ese «cabreo xeneralizado» ten que materializarse. «A xente discute con administración, pero esas persoas non poden facer nada e ten que haber un coñecemento real». A actividade suspendida pola COVID-19 aínda non se recuperou e a cola eternízase.

Listas de espera dun ano

As listas de espera que traslada o Sergas só contabilizan ás persoas que posúen xa data fixa de atención e non aquel número de pacientes que aínda están a esperar a ser chamados para programar a súa cita, por iso CIG- Saúde sostén que os datos que achega o Executivo autonómico para laurear o servizo de saúde galego levan «trampas». Unha das consultas ás que tivo acceso Luzes reflicten como unha usuaria do Sergas que debería acudir a xinecoloxía en agosto de 2020 debe esperar un ano e dous meses para poder ser atendida.

Así mesmo, un neno de nove anos de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) con posible TDH non obterá os resultados finais sobre o seu caso ata abril de 2021, cando sexa estudado pola psiquiatra. «Supón moita incerteza porque non temos un diagnóstico e podiamos atallar un problema no terreo académico e persoal cunha atención especial. Podiamos mellorar a súa autoestima», conta a nai.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail