Volver

Ilustración de Bianca Van Dijk

Hai un ano e case dous meses que non escribía unha columna para Luzes. Despois de publicar a última, o 10.5.22, caín nun lugar escuro, onde pensei que non tiña nada que dicir. É máis, daba igual o que dixera, porque era un burato tan fondo que sería inútil berrar ou tentar mandar mensaxes escritas en papiroflexias con formas de bichos alados. Tiven momentos nos que crin que soamente voando podería saír de alí. Non me creceron ás, pero a galerna química e hormonal que se desatou no meu cerebro e que se estendera por todo o meu corpo, foise calmando a base de terapia e unhas cápsulas moradas e outras azuis, pequerrechas, pero cunha forza Sansona.

O inmenso traballo que foi escalar polas paredes do burato negro ata ver a luz, tamén foi meu

Nese ano entretívenme en non facer absolutamente nada polo que puidese recibir un salario. Dediqueime a chorar, a pintar, a non falar coa miña familia e a terminar de escribir a terceira parte da miña triloxía antifascista, unha novela de cincocentas páxinas, que xa sairá algún día. Para a miña sorpresa, unhas cantas almas felices mercáronme uns cadros, o que me serviu para aprender a camiñar sobre areas movedizas. (O burato profundo estaba alfombrado desas areas das pelis de Tarzán que daban yuyu, e nas que se afundían sempre os malos brancos ou negros.)

Un día deixei de chorar e os ataques de ansiedade foron desaparecendo grazas á industria farmacéutica. Quen contaba que un dos meus inimigos máis odiados, a citada industria, acabaría por salvarme? Pero como di o meu terapeuta, o inmenso traballo que foi escalar polas paredes do burato ata ver a luz, tamén foi meu.

O malo de estar de volta ao chamado «mundo real» é que comecei a ler as noticias sobre este país. Resulta que recuperei a cordura, xusto a tempo, para presenciar como a miña querida Españita anda de puntillas, coqueteando outra vez co fascismo. Para os señores de VOX, eu non son ninguén. É máis, pertenzo ao balde do lixo e non teño dereitos. Son muller, son lesbiana, son bisexual, son queer, son trans, son negra, son pouco convencional, vístome como me dá a real gana, río da tolemia de crer que unha virxe puido parir, gústame pintar vulvas e penes, desconfío dos homes que visten sotana, dos homes que matan mulleres e estraño unha España republicana onde o único rei e raíña se atopen nos taboleiros de xadrez. Os señores de VOX son momias dun pasado violento, mafioso, matón e non da España do século XXI. Por moito que se empeñen en botar o diferente ao lixo, en censurar todo o que lles provoca medo e en apropiarse da bandeira dun país que nos pertence a todes, estes machitos non representan á sociedade multicultural, intelixente, solidaria e progresista da que deixei de ler hai apenas un ano. Fáganme o favor, quen quere volver vivir nun buraco tenebroso?

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail