BRUXELAS.- O Ministerio de Transportes e Mobilidade, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF)e Renfe declinaron participar na conferencia sobre seguridade ferroviaria que organizou o Bloque Nacionalista Galego no Parlamento Europeo con motivo do décimo aniversario da traxedia de Angrois, e coa que quere tamén homenaxear ás vítimas.
As xornadas celebraranse este xoves na Eurocámara baixo o título «Temos seguridade ferroviaria?», e foron convocadas pola eurodeputada nacionalista Ana Miranda. Nelas participarán afectados polo sinistro e familiares de falecidos e feridos, expertos, portavoces sindicais, peritos e responsables da Comisión Europea, do Europarlamento e da Axencia Europea de Seguridade Ferroviaria da UE. As catro institucións españolas, con todo, declinaron a invitación aludindo motivos de axenda ou que non ven procedente acudir ao acto mentres segue en marcha en Galicia o procedemento xudicial sobre o accidente do Alvia.
O descarrilamento do tren que cubría o traxecto Madrid-Ferrol na curva da Grandeira, a poucos quilómetros de Santiago, causou 81 mortos e 144 feridos o 24 de xullo de 2013. Dez anos despois, as vítimas seguen reclamando responsabilidades políticas aos responsables políticos e técnicos dos Gobernos de PP e PSOE pola ausencia das medidas de seguridade que impedisen que por un descoido do maquinista o tren entrase na curva da Grandeira a 191 quilómetros por hora nun tramo con velocidade limitada a 80.
No xuízo, que se celebra desde o outono pasado en Santiago, só compareceron como acusados o maquinista, Francisco Garzón, e o exresponsable de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, ao que as defensas das vítimas consideran un dos principais responsables pero para quen o fiscal solicitou a absolución en coincidencia coa Avogacía do Estado e os avogados de Renfe e Adif.
«Lamentamos que estas entidades declinasen participar nunha conferencia obxectiva de alcance europeo», denunciou este mércores Ana Miranda, quen considera as súas escusas «inadmisibles» e unha falta de respecto cara ás vítimas. Ademais, lembrou que algunhas desas entidades si participaron na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo cando esta estudou o caso do accidente do metro de València.
Segundo informou o BNG na Eurocámara nun comunicado, Renfe indicou que non considera adecuado participar «en ningún tipo de acto relacionado cun tema sobre o que existe unha causa xudicial aberta». ADIF engadiu que a Plataforma de Vítimas reclamou unha nova investigación que o organismo, dependente do Ministerio de Transportes, non ve necesaria. O propio Ministerio alegou motivos de axenda do secretario de Estado de Transportes para non acudir. A CIAF, que, en teoría, debera ser un organismo independente, enviou a súa resposta nunha nota con membrete do mesmo Ministerio no que o seu presidente, Ignacio Barrón de Angoiti, asegura que non contempla «facer novas valoracións nin debates sobre o accidente».
«A resposta da CIAF é inadmisible xa que a Comisión Europea ten aberto desde xaneiro de 2019 un procedemento de infracción contra o Estado español por incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria», subliña Miranda, quen engade que o informe realizado pola Axencia de Seguridade Ferroviaria da UE sobre a investigación do sinistro por parte da CIAF, que se presentou precisamente o 6 de xullo de 2016, nin foi independente, porque nela participaron Adif e Renfe, nin abordaba aspectos clave sobre as causas do accidente.
O procedemento de infracción aberto contra España partiu dunha denuncia da eurodeputada galega, que alertou de que o Estado español incumpriu a súa obriga de efectuar unha avaliación de riscos nos sistemas de seguridade durante o deseño e a posta en marcha do tramo Ourense-Santiago e en particular na curva onde ocorreu a traxedia.