Por se non estaba claro quen mandaba, o pasado Cumio da OTAN en Madrid deixouno claro: os de sempre, e cos modos de sempre, nada de ambigüidades. E se hai que gastar o que faga falta en armamento –norteamericano, por suposto– gástase, porque é por necesidade de seguridade. Contra quen? Non está claro de todo, nin nolo explican, pero de seguro que contra os rusos, que en canto se desatasquen en Ucraína, van seguir invadindo a feito, e contra China, que sin moitos máis e máis taimados. No podcast desta semana, Ana Luísa Bouza e Antón Losada tentan coma sempre ilustrarnos sobre a misteriosa política que sigue o Goberno de Pedro Sánchez a este respecto, mentres Xosé Manuel Pereiro, tamén coma sempre, líao todo. Afortunadamente, tamén está presente Xoán Ignacio Taibo, que ás súas coñecidas dotes como narrador xunta outras menos coñecidas como experto en asuntos militares. Un exemplo: dos 840 millóns de custa cada fragata que se está a construír, a meirande parte do investimento está destinado a armamento e sistemas electrónicos de navegación de fabricación estadounidense.