A cidade padece desde hai decenios unha inestabilidade política endémica e un lento e sostido declive pola crise do sector naval ao que se unen agora a falta de carga de traballo nos estaleiros e os peches de grandes industrias
Non. En todas, non. En Ferrol, 67.121 habitantes segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), a trinta quilómetros en liña recta da sede de Inditex en Arteixo, non hai boutique de Zara. A última pechou no 2018, antes da crise sanitaria e de que o auxe das vendas en liña levasen á empresa de Amancio Ortega a reformularse o tamaño da súa rede comercial.
Todas as cidades padecen os seus mitos e etiquetas. Cada unha os seus, sempre esaxerados. Pero probablemente ningunha as soporta tanto como Ferrol: a vila de cuxo nome se apropiou un ditador; a cidade rancia habitada por militares ultraconservadores; a urbe fea e gris inmersa desde hai case medio século nun lento declive económico e social; o municipio norteño de clima antipático e sen nada que mereza realmente a pena visitar… Ou sexa, o sitio do que ata Zara marchou. Así repousa a capital de Ferrolterra no imaxinario colectivo da maioría de quen non son ferroláns, para desconsolo, claro, de quen si o son.

«Esta cidade é moi dinámica e ten unha conciencia moi crítica e reivindicativa, que pasa por esixir moito á súa clase política. Pero ten unha enorme dependencia económica do Estado. Cando hai problemas a nivel estatal, aquí teñen moitísima máis repercusión que noutros lugares», explica Ángel Mato, alcalde socialista da cidade desde maio do 2019. O seu pai era traballador de Navantia, a gran empresa pública dedicada á construción naval civil e militar e cuxos orixes se remontan ao século XVIII.
Ferrol foi durante séculos unha cidade puxante e ilustrada grazas á construción de barcos. En 1789, o ano da Revolución Francesa, fíxose aquí o Europa, unha das maiores naves de combate da época. Nas súas radas botáronse o primeiro buque de vapor de España, o primeiro de ferro, o primeiro acoirazado da Armada… Pero chegou a crise dos setenta, a competencia dos estaleiros asiáticos, o veto da Unión Europea ás axudas de Estado á industria naval, e todo veu abaixo. A principios dos oitenta Ferrol era a terceira cidade de Galicia, con máis de 90.000 habitantes. Hoxe é a sétima, porque perdeu case un terzo da súa poboación. É a urbe máis envellecida. E a que ten a maior taxa de paro, ao bordo do 20%. A taxa de emprego -o índice de poboación que traballa- supera o 48% en España, pero en Ferrol non chega ao 35%. A súa taxa de actividade -a porcentaxe de cidadáns que queren traballar en relación a quen está en idade de facelo- é a máis baixa de todo o Estado.

«O naval deunos para comer nos últimos dous séculos» di o alcalde. Mato admite que o «monocultivo» do sector obriga á cidade a seguir apostando polo que mellor sabe facer, é dicir barcos, pero advirte das enormes complicacións para atraer poboación activa a unha cidade moi mal comunicada coa súa contorna: «O tren á Coruña [50 quilómetros de distancia] tarda unha hora e dezaseis minutos. Un ciclista profesional pode cubrir ese traxecto en menos tempo», afirma o rexedor, quen alerta de que as conexións por estrada tamén son pésimas, desincentivan a mobilidade e lastran o transporte de mercadorías. Existe unha autoestrada, si, pero de pago: un traxecto de ida e volta ao aeroporto de Santiago en coche pola AP-9 son case 26 euros, e a ida e volta en camión a Vigo, 106 euros.
«Necesitamos unha rebaixa inmediata desas peaxes», reclama Ángel Mato, para quen a situación da cidade e a súa comarca é tan grave que nin sequera permite ao Concello pensar en proxectos a medio ou longo prazo, pois a obriga é centrarse en dar solucións de urxencia aos problemas máis graves. Entre eles, emprender a renovación do obsoleto trazado ferroviario, e dotar aos estaleiros dun dique cuberto, unha obra que podería ascender a 180 millóns de euros pero que permitiría a Navantia-Ferrol iniciar o proceso de dixitalización e robotización que xa emprenderon os seus competidores. Tamén, reconverter a aposta tecnolóxica para aproveitar as oportunidades da industria eólica mariña.
Sucedeulle a José Manuel Rey Varela, do Partido Popular, ex rexedor entre o 2011 e o 2015 e o único que logrou o cargo con maioría absoluta. Do 2015 ao 2018 exerceu de conselleiro de Política Social da Xunta de Alberto Núñez Feijóo, e no 2019 repetíu de candidato. Obtivo o 41,4% dos votos, pero non puido evitar que Mato, co 29%, se fixera coa Alcaldía con apoio do BNG (7,4%) e de Ferrol en Común, a marca de Unidas Podemos na cidade (10,7%).
«Ferrol vive unha situación de inestabilidade política desde hai corenta anos que vai acompañada dunha insatisfacción permanente coa clase política. E iso afecta moito á capacidade de acción dos gobernos municipais. Hai ausencia de proxecto de cidade, pero tamén da maioría estable necesaria para desenvolvelo», sinala Rey Varela, quen detalla que desde hai anos «o habitual é que non haxa maiorías para sacar adiante os orzamentos, para aprobar o plan de ordenación urbana [o actual data do ano 2000], que é a mellor ferramenta para atraer empresas e poboación, ou para emprender unha interlocución activa e eficaz co resto de administracións». «Agora parece que se vai a aprobar un orzamento, pero os únicos catro consecutivos que saíron adiante foron durante o meu mandato», conclúe.
