O xuízo pola propiedade do pazo comeza este luns no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña e durará unha semana.
A quen pertence o Pazo de Meirás, á familia Franco ou ao Estado? Esa cuestión discutirase a este luns no Xulgado número 1 da Coruña coa declaración de sete testemuñas nun xuízo que durará unha semana. O proceso foi iniciado pola Avogacía do Estado e tratará de recuperar o inmoble para convertelo en público, xa que a familia de Francisco Franco defende que o pazo é da súa propiedade e que a compra do ditador cumpriu a lei.
Na causa sobre a residencia estival do tirano figuran tamén como intervenientes e piden a recuperación da propiedade: a Xunta de Galicia, a Deputación coruñesa e os concellos de Sada (onde se sitúa o pazo) e A Coruña. Acudíronse a seis familiares de Franco e a unha sociedade mercantil. O Goberno bipartito do BNG e PSdeG-PSOE en 2008 declarouno ben de interese cultural (BIC). En 2017 o Parlamento galego pediu a creación dunha comisión de expertos para valorar a adhesión ao dominio público e despois fíxose unha apelación ao Goberno central para que se puxese ao choio para poder recuperalo.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
Desta maneira, a Avogacía do Estado defende que a compra do inmoble por parte do ditador Francisco Franco en 1941 sería hoxe un delito de falsidade en documento público. Ademais, o Goberno tamén postula que o Pazo de Meirás foi a residencia oficial do que era nese momento o Xefe do Estado e que as obras de rehabilitación realizáronse con fondos públicos. O Estado sostén que a compra por parte do ditador en 1941 foi «simulada» e «fraudulenta», segundo sostivo o avogado Javier Suárez, e que o título de 1941 fíxose para «emendar unha situación anterior» de 1938 con «pago ficticio».
Pola súa banda, a familia fundaméntanse en que a compra que levou a cabo Franco foi legal, que a propiedade lle pertence e que foron os donos «ata hoxe» de «boa fe» e con «xusto título». A solicitude presentouse hai un ano e a familia Franco di que se sentiu “acosada” pola demanda do Executivo. O avogado dos netos do ditador, Luís Felipe Utrera Molina, teme que o xuízo se poida politizar ao coincidir en semana electoral. Ademais, tamén cre que é unha «estratexia de acoso e derribo» por parte do Goberno de Pedro Sánchez e que o que se disputa no caso é unha «propiedade privada» e non de dominio público. Para defenderse ante o xuíz presentarán pólizas de seguro e declaracións da renda do ditador, documentos que segundo a súa versión xustifican que o inmoble era da súa propiedade.
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, espera que o Pazo de Meirás «volva ser de todos os españois» e cre na «reparación, a xustiza e a memoria» como fortalecedoras da democracia. Tamén considera que esta demanda está fundamentada nunha «gran documentación e nunha gran argumentación xurídica». «Esperamos que ao final volva ser de todos os españois o que sempre tivo que ser de todos os españois», manifestou Losada. Segundo a súa postura, a posesión da familia Franco a partir da morte do ditador «non lles permite adquirir a propiedade, porque o dominio público é imprescriptible».
O xuízo iníciase este luns coa declaración de sete testemuñas, entre eles, o garda hortelano do Pazo ata 1990 e veciños do municipio; un funcionario do Concello da Coruña; o secretario particular de Carmen Polo Martínez-Valdés e de Carmen Franco Polo; o exalcalde de Sada entre 1979 e 2007, Ramón Rodríguez Ares, e un achegado da familia Martínez Bordiú Franco, sogro tamén dunha das demandadas e que participou na rehabilitación do inmoble tras o incendio en 1978.
Millóns de euros públicos para Meirás
Foron máis de 3,5 millóns de euros os que desviou o ditador para investir en Meirás, antes propiedade da aristócrata e intelectual Emilia Pardo Bazán. Ese diñeiro provén de espoliacións a concellos e institucións públicas e tamén a veciños e traballadores de Coruña, a quen o franquismo enganou para que doasen diñeiro, roubando tamén varias hectáreas de leiras a labradores do lugar.
Así o revelan o historiador Manuel Pérez Lorenzo e o investigador Carlos Babío Urkidi, que publicaron hai dous anos Meirás. Un pazo. Un Caudillo. Un espolio.. Un volume que conta con máis de mil documentos históricos e múltiples testemuños orais en máis de 400 páxinas, froito dunha investigación de 21 anos. Nela sacan á luz como o ditador se apropiou de todo o que lle apetecía, como ocorreu tamén coas estatuas medievais da Catedral de Santiago que aínda reclama o Concello da capital galega.
Segundo revelan estes documentos Franco empezou a gastar diñeiro en Meirás en plena guerra e seguiu facéndoo nos anos posteriores cando España padecía a fame negra e así continuou todo o seu mandato. A partir de 1944 a familia ordenou obras destinadas á mellora do Pazo, que conta cunha superficie de máis de 2.000 metros cadrados e varias construcións. Franco foi engordando o seu patrimonio e o da súa familia polas relacións que ía construíndo á súa ao redor coas elites políticas, económicas e mediáticas da provincia coruñesa.
Antes da crise da COVID-19, catro días ao mes a familia impoñía visitas no Pazo de Meirás onde se enxalzaban a figura do ditador, pero de momento, as portas da viaxe á desmemoria permanecen pechadas.