Ocorreu o 22 de agosto de 1954. Ese día de verán, coa corte franquista instalada no pazo de Meirás, o xornal La Voz de Galicia apareceu cunha insólita información. Consistía nunha ducia de retratos da mesma e inconfundíbel persoa e co seguinte pé de páxina: «El alcalde de La Coruña, don Alfonso Molina, y la corporación municipal». Nada máis.
E nada menos.
A corporación municipal da Coruña estaba composta por doce concelleiros nomeados a dedo. Quen a presidía, Alfonso Molina, era un personaxe, na expresión enxebre, de «moito porqué». De casa grande, xa o seu avó fora alcalde e o pai, xefe do porto coruñés. Ocupara varios cargos no réxime, como o de procurador en Cortes, pero foi como rexedor dende 1947, naquela Coruña «capital de verán», cando se converteu na gran celebridade local. Naquel réxime malhumorado, trouxo un estilo populista, con sona trouleira de durmir de pé. Pero o que o sostiña de verdade era caerlle moi simpático á mellor madriña posíbel da época: Carmen Polo, a dona do ditador.
Alfonso Molina era un oxímoro: un Franco festeiro e carallán. Por iso faríalle chiste á tamén chamada Carmen «Collares», que non tiña precisamente a alegría na casa. Pero unha cousa non quitaba a outra. A de ser un Franco un totalitario. E iso era o que proclamaba, sen dicilo, aquela información da ducia de caras como caretas que tivo o efecto dun temporal no festivo verán. Cando se correu a nova, abanearon todos os quioscos da cidade. Quen estaba detrás daquela ousadía? Quen era o suicida? Daquela dirixía o xornal Pedro de Llano, «Bocelo». E el fora o da idea, o que aquel día de agosto de 1954 apostou a cabeza. Porque a directa a Molina non deixaba de ser unha indirecta ao «Caudillo». Unha ducia de molinas, unha ducia de francos. Todo o mundo deu por feito o churrasco de Pedro de Llano, mesmo o propio Bocelo. Pero foi o alcalde oxímoro o que resolveu o asunto fóra do patíbulo. Despois de remoer e remoer a noticia, tivo a intelixencia de celebrala como unha broma. E esa foi a versión que amansou o temporal. Mesmo o ministro Arias díxolle a Bocelo: «Es la noticia más simpática de las que se publicaron este año en España».
O Goberno galego está formado por unha ducia de feijóos. Por iso é polo que Feijóo sae 32 horas ao mes na TVG. E toda a propaganda xira arredor da mesma cara, da mesma careta
Na Galicia de hoxe non tería sentido facer semellante brincadeira. Estamos noutros tempos, e este verán vai haber eleccións autonómicas. Por exemplo, publicar unha primeira plana cunha ducia de retratos de Feijóo e o título: «O presidente da Xunta, don Alberto Núñez Feijóo, e os membros do Goberno galego». O que si tería sentido é facelo en serio. E aínda moito máis sentido tería que fose unha iniciativa da propia Xunta o publicala como publicidade.
Esa é a realidade que se nos traslada día tras día. Feijóo é a Xunta. O Goberno galego está formado por unha ducia de feijóos. Por iso é polo que Feijóo sae 32 horas ao mes na TVG. E toda a propaganda xira arredor da mesma cara, da mesma careta.
Significa iso que Feijóo traballe moito como gobernante? Non, todo o contrario. O traballo, dicía Oscar Wilde, é o refuxio dos que non teñen mellor cousa que facer. O señor Feijóo sae a todas horas en televisión e ocupa moitas páxinas dos xornais porque non goberna. Ten cousas mellores que facer!