A nova cruzada

Poucos meses tralo seu nomeamento como pontífice, o Papa León XIV xa publicou a súa primeira encíclica papal. O tema? A intelixencia artificial, ou IA. Facendo un chamamento á doutrina social do seu predecesor, o Papa compara a IA coa torre de Babel, aquela historia bíblica na cal o desexo de alcanzar un ideal humano exclusivo remata causando máis dispersión entre os pobos da Terra.

Nos derradeiros anos, a IA invadiu, de xeito lento pero seguro, os diversos aspectos da vida cotiá. Hoxe en día, ao buscar algo en Google, o primeiro que aparece é o resumo da IA. Os institutos, colexios e universidades non dan feito para evitar que os alumnos fagan todos os traballos co ChatGPT, ao que moitas veces lle fan as preguntas directamente, sen pasar sequera polo buscador normal.

A IA da plataforma X é coñecida polas súas respostas. Xa son varias as empresas americanas substituíron os seus traballadores pola IA. Millóns e millóns de dólares foron investidos nesta nova tecnoloxía. A IA está sendo utilizada para detectar cancros, analizar datos e facilitar moitos procesos tediosos de administracións e empresas.

O problema que ten o Papa coa IA (e eu tamén) non ten que ver con estes usos nin moito menos. O problema baséase na IA xerativa: a que substitúe os traballadores, a que pretende trocar a creatividade e orixinalidade humana pola súa copia barata. A IA xerativa non soamente ameaza con substituír o factor humano por un robótico, senon que tamén constitúe un perigo na vida política; estas IAs non as controlan os gobernos ou os axentes internacionais; non, contrólanas empresas privadas con intereses privados que poden programar estas máquinas que pretneden pensar por nós para dicir o que máis lles conveña.

Isto último non o digo sen motivo. Téñense realizado estudos sobre este tema recentemente, e as conclusións indican que o uso prolongado da IA xerativa para realizar tarefas que requiren o uso do cerebro implica unha perda das capacidades cognitivas de ata un 40%. Non podo evitar lembrarme da Neolingua do Partido na novela 1984, de George Orwell, que tiña por obxectivo a redución do pensamento humano a partir da redución da lingua e do vocabulario. Se a IA pensa por nós tempo abondo, chegará un momento no cal non poidamos facelo nós sós.

Ademais, os centros de datos que estas máquinas precisan son enormes, caros, e requiren unha cantidade inxente de auga fresca. Estes centros son extremadamente destrutivos para o medio ambiente e consomen a auga potable que bebemos nós e a que beben os animais cos que compartimos o planeta. Cando o avance humano, por efectivo, eficiente, produtivo e útil que sexa, afecta ao medio desta maneira, é importante lembrar sempre o dito: cando a derradeira árbore sexa talada, o derradeiro peixe pescado, e o derradeiro río tóxico… Só nese momento nos decataremos de que os cartos non se poden comer.

A IA, coma toda ferramenta en mans humanas, ten a capacidade para facer moito ben e para facer moito mal. De nós depende esixir que sexa regularizada para axudar o ser humano, e non para dividilo, controlalo ou substituílo. A creatividade, a orixinalidade, e o pensamento independente son algunhas das cualidades máis importantes e características da nosa especie. Sen elas, non teriamos inventores, músicos, escritores, poetas, ou científicos. Non podemos permitir que a IA tome o lugar da humanidade nestes campos e que nos relegue a un papel secundario na nosa propia evolución.

Creamos ou non na alma, é innegable que as creacións humanas teñen algo que a IA nunca poderá imitar: unha chispa, un brillo, unha apelación á propia esencia da humanidade; ese reflexo de nós mesmos que vemos na arte, na literatura, na poesía. A IA é inhumana, é un instrumento, unha sombra do verdadeiro espírito humano que pode ser de moita axuda para alcanzar os nosos soños sempre que lembremos que os únicos que temos a capacidade de soñar somos nós.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail