O abrazo da vergoña: Rueda pecha filas co conselleiro acusado de agresión sexual e ignora a vítima

A Coruña.- O Partido Popular de Galicia pechou filas este xoves con Alfonso Villares, o xa exconselleiro do Mar da Xunta que o día anterior dimitiu do seu cargo tras coñecer que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o imputou por un delito de agresión sexual.

A oposición galega cre que o abrazo físico e metafórico que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lle regalou a Villares no acto de presentación da súa substituta desacredita e revictimiza a muller que o acusa, pois envía publicamente a mensaxe de que ela mente.

O xefe do Executivo galego, que admitiu que coñecía a denuncia desde febreiro pasado sen tomar medida algunha, prometeu recuperar o exconselleiro para a vida política cando «se faga xustiza» con el, sen mencionar a vítima.

Aforamento

O xulgado de Instrución Número 2 de Ferrol, que empezou a instruír a causa, elevouna ao TSXG tras ter coñecemento de que era deputado autonómico e de que, por tanto, estaba aforado. En febreiro, o tribunal reclamou ao Parlamento de Galicia que confirmase o seu aforamento para poder asumir o caso, e o pasado mércores envioulle a el notificación informándoo de que está a ser investigado como imputado.

Esa circunstancia non implica nin descarta que o TSXG apreciase indicios de delito, nin que solicitase ou non probas ou testemuños que confirmen ou desmintan os feitos. Pero si que Villares debe personarse diante o tribunal cun avogado e que non incorrerá nunha infracción penal engadida se falta á verdade ou se nega a declarar. O exconselleiro anunciou que renunciará á súa acta de deputado, co que o previsible é que o TSXG devolva a causa ao xulgado de Ferrol que a iniciou.

Rueda e o seu goberno, na toma de posesión da substituta de Alfonso Villares o pasado xoves en Santiago / Foto: Xunta

Fronte a esa vía xudicial, o PP galego dedicouse este xoves a escenificar o apoio sen fisuras a Villares. No acto de traspaso de poderes á súa substituta, Rueda saudouno e abrazouno, en presenza e entre os aplausos do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e de todos os conselleiros e conselleiras do seu Goberno, que acudiron a arroupalo. Varias das mulleres con cargos relevantes do PP autonómico manifestaron case ao unísono e usando as mesmas expresións o seu apoio explícito ao presunto agresor.

A nova conselleira do Mar, Marta Villaverde, ata o de agora directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro no equipo de Villares, subliñou no seu discurso de toma de posesión que o «honra» dimitir. A secretaria xeral autonómica do partido, Paula Prado, utilizou tamén ese verbo cando anunciou que o exconselleiro pediu a suspensión temporal de militancia. Villares era ata o de agora membro da súa executiva e presidía o seu comité electoral, pero Prado, segunda de Rueda no partido, sostén que, ao contrario que o seu presidente, ela non soubo do caso ata o mércores.

Presunción de inocencia

A vicepresidenta do Parlamento de Galicia e do PP de Lugo, Elena Candia, tamén se referiu á «honra» de Villares e  desexoulle «que poida demostrar a súa inocencia». Pouco despois, a deputada popular no Congreso por Ourense Ana Vázquez encomiou coas mesmas palabras a suposta honradez do exconxelleiro, defendeu que se lle debe respectar a presunción de inocencia e acusou de «estragar» esta a quen se solidarizou coa vítima.

Quen non falou foi a conselleira de Igualdade da Xunta, Fabiola García, que tampouco tivo mensaxe algún de apoio para a denunciante. Pero si afirmou na súa conta de Instagram que abandonar a Xunta e o seu escano é unha decisión que, de novo, «honra» a Villares.

Ana Pontón: «[Alfonso Rueda] está a enviar unha mensaxe moi perigosa ás mulleres e á sociedade en xeral, porque se puxo ao lado do agresor e porque implicitamente está a dicir que se trata dunha denuncia falsa»

Ademais dos danos derivados do amparo público que está a recibir o seu presunto agresor dalgúns dos cargos políticos máis poderosos e recoñecibles de Galicia, a muller que o denunciou xa empezou a sufrir unha campaña de descrédito na prensa sensacionalista, conservadora e próxima á ultradereita, similar á que padeceron outras vítimas que denunciaron abusos e agresións de políticos e personalidades con responsabilidades institucionais, como o exportavoz de Sumar Íñigo Errejón ou o expresidente da Federación Española de Fútbol Luis Rubiales.

Mentres tanto, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) trata de minimizar o caso, e o mesmo xoves abriu o telexornal de mediodía, o de maior audiencia da cadea, coa promesa da nova conselleira do Mar de dialogar co sector pesqueiro, nunha información que só citaba de pasada as causas da dimisión do seu antecesor e na que se ocultaron as imaxes do abrazo e os xestos de agarimo de Rueda a Villares. Esa decisión vai en liña coa estratexia da Xunta, que non proporcionou as fotografías institucionais que captaron eses momentos e que si ofreceron outros medios.

«Inconcibible» e «intolerable»

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que a súa formación pedirá explicacións a Rueda no Parlamento, e considerou «inconcibible» e «intolerable» que o presidente da Xunta ocultara durante tres meses a información que tiña sobre o caso sen tomar medida algunha.

Ademais, Pontón acusa a Rueda de usar as institucións públicas para protexer a Villares amparándoo en actos como o do xoves: «Está a enviar unha mensaxe moi perigosa ás mulleres e á sociedade en xeral, porque se puxo ao lado do agresor e porque implicitamente está a dicir que se trata dunha denuncia falsa». «Ese é o discurso da ultradereita», advertiu a líder nacionalista.

Pola súa banda, o PSOE esixe que se investigue por que se filtrou aos medios o nome da vítima xusto o día en que Villares recibiu a notificación da súa imputación por parte do TSXG, violando así o dereito fundamental á intimidade da muller que denunciou a sgresión e profundando na súa revictimización pola repercusión mediática da súa carreira laboral e as responsabilidades políticas que ocupaba o seu presunto agresor.

O secretario xeral do partido en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, pediu que se garanta a protección moral da vítima e advertiu a Rueda de que «non chega cunha dimisión» para pechar o caso politicamente.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail