O mércores 4 de xuño, ás seis da tarde, compareceu o conselleiro do Mar para anunciar a súa dimisión. Afirmou que o facía tras ser denunciado xudicialmente e iniciarse unha investigación contra el. Asegurou que era algo que correspondía estritamente á súa «esfera privada», mais decontado soubemos que fora denunciado por un presunto delito sexual. Rodeado de toda a Consellaría, Alfonso Villares marchou entre aplausos afirmando que o facía para poder defenderse.
Vendo a comparecencia é imposible non lembrar a Luís Rubiales aplaudido polo corpo da RFEF mentres denunciaba ser vítima dunha cacería. E menos mal que da súa agresión había imaxes!
A reacción do Partido Popular, a comezar polo presidente da Xunta e todo o Consello de Goberno, foi louvar a decisión de Villares coma se acabase de facer unha heroicidade e tratar o presunto agresor coma se fose el a vítima. Un home honorable que marcha para defenderse dunha falsa acusación. Basicamente, esta é a liña argumental do Partido Popular neste asunto.
Para ela, para a muller que presentou a denuncia no xulgado, non tiveron nin unha mísera palabra de apoio nin consideración. Máis ao contrario, a contorna do propio conselleiro dispúxose a facer saltar polos aires a súa privacidade filtrando á prensa a súa identidade. Ninguén na Xunta nin no Partido Popular amosou o máis mínimo respecto por ela, nin a nomearon sequera. Todas as declaracións públicas do executivo de Rueda van dirixidas a menoscabar a súa credibilidade porque para o PP neste asunto a vítima é el.
E iso é algo inadmisible porque lanza unha terrible mensaxe a todas as mulleres galegas que sofren, sufriron ou poidamos sufrir calquera forma de violencia machista, tamén sexual. O presidente da Xunta ocultou durante catro meses uns feitos gravísimos dos que el mesmo recoñeceu que tivo coñecemento en febreiro. Non só despediron entre aplausos un presunto agresor, senón que o recibiron entre aclamacións ao día seguinte na sede da Xunta, coma se quen entrase pola porta viñera de gañar a Champions League. E o que é máis grave: desde o primeiro minuto o Partido Popular está a deslizar a idea de que a denuncia é falsa; que neste asunto a única vítima é Villares.
Porén, o do xa exconselleiro do Mar non é a causa, senón máis ben un síntoma do enorme retroceso que estamos a vivir en materia de igualdade e do rearmamento dun machismo que non cesa. Nos últimos quince días rexistráronse en Galiza dous intentos de feminicidio –un en Valdeorras e outro en Verín– e un novo crime machista –o de Marisol en Campo Lameiro–, que a falta de confirmación formal elevaría a dúas as vítimas mortais de violencia machista no que vai de ano en Galiza.
Casos arrepiantes, cruentos, que poñen de novo en evidencia que as mulleres sufrimos unha violencia estrutural e extrema polo simple feito de sermos mulleres. Unha violencia que asasina, maltrata, viola e oprime cada día, a cada hora, en todos os espazos e a todas as mulleres independentemente da nosa condición.
Diante destes feitos cabería esperar que o goberno da Xunta de Galiza, o responsábel de nos protexer e garantir os nosos dereitos, dixese algo, fixese algunha reflexión sobre a espiral de violencia que vivimos. Cabería esperar que un goberno á altura da sociedade galega, realmente comprometido coa igualdade, avaliase os fallos que a todas luces ten o sistema de protección e impulsase novas medidas toda vez que estas mulleres denunciaran e solicitaran axuda previamente.
Pois non foi así. E tristemente, tampouco sorprende. Cómpre lembrar que o Partido Popular na Xunta de Galiza suprimiu a Secretaría Xeral de Igualdade dividindo as súas funcións entre dúas direccións xerais. Relegounas dentro da estrutura orgánica do goberno. O mesmo PP que abriu a veda a que empresas privadas fagan negocio en Galiza cos dereitos das mulleres. Aí están os catro centros de atención 24 horas a vítimas de violencia sexual creados con fondos públicos e entregados a empresas como EULEN polo módico prezo de 7 millóns de euros. Xa antes, na era Feijóo, recortaron as axudas a vítimas de violencia, suprimiron o Servizo Galego de Igualdade e lexislaron da man da antiabortista Red Madre.
O destes días demostra que, malia os enormes avances e conquistas do feminismo, as mulleres nunca podemos dar os nosos dereitos por conquistados, nin sequera que nos crean cando armándonos de valor decidimos denunciar unha agresión sexual.