Exercer o poder supón exercitar «a arte da fuxida», escribiu Zygmunt Bauman, o filósofo da «sociedade líquida». E explicábao así: «O poder é cada vez máis volúbel, escorregadizo, cambiante, evasivo e fuxitivo». ¶ Alberto Núñez Feijóo ben podería ser o prototipo do político «fuxitivo». Poderíase obxectar que esa afirmación entra en contradición co feito de que asuma a condición de dirixente estatal dos conservadores e de que se presente como candidato na carreira por acadar a presidencia do Goberno central. ¶ Mais neste caso, e neste contexto, a fuxida non é un xeito de afastarse da política, senón un programa político de seu. ¶ Cal é a herdanza de Feijóo en Galicia despois de presidir a Xunta con maioría absoluta dende 2009? ¶ A fuxida. A fuxida da realidade. ¶ Trátase dun balance obxectivo, non dunha análise destrutiva adrede. Dos doce indicadores que miden a radiografía económica e de benestar social dun país, neste período de Goberno Fuxitivo, Galicia foi a peor en seis indicadores fundamentais e en cinco mantívose estancada. Só mellorou nun indicador, o do PIB por habitante. Mais iso non foi efecto dunha transformación positiva, senón pola perda de poboación no que Albino Prada define con precisión «o país minguante». Tamén foi negativo o balance na sustentabilidade ambiental. E no eido da cultura e da lingua, un recurso de alto valor nas sociedades máis vivas e prósperas, o que vivimos foi unha neglixente regresión. En resumo, a sociedade galega é máis desigual e debería ser un clamor a construción dunha alternativa de rexurdimento. ¶ A política da fuxida non significa desentenderse do poder. Mesmo a desidia no gobernar, externalizando e privatizando moitas áreas de xestión, pode ir acompañada dun reforzo do poder como imaxe, por medio da propaganda. ¶ Un exemplo do que significa a política da fuxida é a resposta que deu Feijóo verbo dos ultras aos que xa abrazou en Castela e León: «Se a Vox lle molesta que lle chamemos extrema dereita, pois non llo chamamos». Fuxir do significado das palabras, ese é o primeiro paso para fuxir da realidade.