Un traballador da TVG leva ao ente a xuízo por acoso laboral homófobo

«A miña orientación sexual limitou o as miñas oportunidades laborais e fixo que me estancara profesionalmente; pódese dicir que cortaron a miña carreira profesional», afirma Fito Ferreiro, exconcelleiro do PSOE na Coruña.

O traballador da Televisión de Galicia (TVG), exconcelleiro no Concello da Coruña polo PSOE, Fito Ferreiro, vén de interpoñer unha demanda no Xulgado do Social número 2 de Santiago «pola situación de acoso que leva sufrindo desde hai anos pola súa actividade sindical e política e, de forma especial, por ser homosexual». Así o anunciou onte o propio traballador nunha nota de prensa conxunta coa Federación de Servizos de CCOO Galicia, a Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans e Bisexuais (FELGTB) e da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (ALAS).

«Fago pública esta situación de acoso, mobbing e LGTBIfobia para visibilizar a acoso que sufrimos as persoas LGTBI na nosa contorna laboral. E para animar a todas as persoas que sofren acoso por LGTBIfobia no traballo a que visibilicen o seu problema», explica Ferreiro, quen lembra que un 70% das persoas LGTBI «sufriu situacións de acoso dentro do ámbito laboral e un 60% viuse rexeitado polos seus compañeiros e compañeiras, pero só un 10% se atreve a denuncialo», segundo un informe publicado por UXT en 2019.

Ferreiro, quen subliña que antes de denunciar o seu caso nos tribunais xa se dirixiu por escrito á Dirección de Recursos Hunmanos da TVG e elevara unha denuncia previa á Comisión de Acoso da CRTVG, engade que a situación de acoso comezou no ano 2005, cando se aprobou a lei que normalizou o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

«Eu levaba no activismo LGTBI desde 1998, pero foi ese ano cando dei un salto como activista, pasando a ser entrevistado por medios locais, galegos e nacionais». A partir de entón, engade o reporteiro gráfico na nota de prensa, a TVG deixou de envialo a facer «reportaxes, viaxes e eventos» que eran o seu labor máis frecuente, e destinouno ao informativo do mediodía, con horario de 7.30 a 15.00. Ademais, a partir dese momento asignóuselle a cobertura de «informacións secundarias» e deixaron de encargarlle substitucións por enfermidade e vacacións na delegación da Coruña da TVG, traballos que viña realizando desde finais dos anos noventa.

Instalacións da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) en San Marcos / Foto: CRTVG.

A isto engádese que Ferreiro tramitou varias peticións de traslado urxente á delegación coruñesa nos últimos anos para poder coidar o seu pai, «cunha dependencia do 69%», asegura, sen que obtivese resposta. Mentres tanto, explica a nota, «oito reporteiros gráficos coma el foron asignados a esta delegación en comisión de servizo e outros compañeiros realizan substitucións de forma habitual».

O reporteiro gráfico sinala que sentiu «discriminación para realizar novos proxectos ou traballos de nivel profesional superior» na TVG. «A miña orientación sexual limitou as miñas oportunidades laborais e fixo que me estancara profesionalmente; pódese dicir que cortaron a miña carreira», afirma. «Todas as persoas temos dereito a unha vida digna, libre de discriminación e violencia, e o ámbito laboral debe ser un espazo no que poidamos desenvolver a nosa personalidade plenamente, sen medo á discriminación nin ao rexeitamento», reivindica.

A presidenta de ALAS A Coruña, Ana G. Fernández, lembra no comunicado de prensa que cando se fala de non discriminación no ámbito laboral fálase «de dereitos humanos» e que «nin para ben, nin para mal» a condición sexual pode ser un obstáculo «para o desenvolvemento profesional da persoa». A portavoz de ALAS engade que, segundo datos da Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea, un 30% das persoas LGTBI en España non se visibiliza como tal no ámbito laboral por medo a represalias, e que o 40% teñen dificultades máis ou menos graves para chegar a fin de mes.

Pola súa banda, o coordinador do Grupo de Laboral de FELGTB, David Senabre, afirma que as persoas LGTBI seguen tendo que enfrontarse a este tipo de situacións e que a LGTBIfobia é unha discriminación que xera importantes riscos psicosociais a quen a sofre. Por esta razón, defende que a prevención do acoso laboral motivado pola orientación sexual ou a identidade de xénero debería formar parte das políticas de prevención de riscos laborais das empresas. Senabre convida a calquera persoa que sufra LGTBIfobia a seguir os pasos de Ferreiro e a denunciar o seu caso «para acabar co acoso laboral nas empresas».

Do mesmo xeito, Mary Rodríguez, da Federación de Servizos de CCOO Galicia, asegura: «Non imos permitir que se menoscaben os dereitos de ningunha persoa nin a discriminación, o acoso, o rexeitamento directo ou indirecto nin a violencia para as persoas LGTBI, especialmente no ámbito laboral». «Reivindicamos e defendemos os dereitos do colectivo LGTBI, e loitaremos e denunciaremos os actos e actitudes LGTBIfóbicas, veñan de onde veñan, co obxectivo de que os Dereitos Humanos sexan valorados e respectados».

A vista oral pola denuncia interposta por Ferreiro celebrarase o próximo 15 de xuño ás 13.15 horas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail