Andalucía, última estación

Na actual campaña electoral de Andalucía estanse a xogar moitas cousas, polo que é de esperar que a participación sexa elevada, algo que viría a reforzar o cambio de tendencia apuntado nas eleccións de Castela e León. Isto é importante por varios motivos. En primeiro lugar, pola saúde democrática. A baixa participación dos últimos tempos permiteu que a ultradereita medrase e que as esquerdas varias, carentes dun proxecto claro, chegasen mesmo a perder a representación.

Andalucía, que foi durante tantos anos o graneiro de votos do PSOE, podería confirmar unha viraxe aínda maior á ultradereita.

Asemade, onde hai unha maior participación os resultados adoitan ser mellores para a esquerda. A dereita e ultradereita nunca admitiron o resultado da primeira e única moción de censura exitosa da historia democrática. Levan instaladas desde aquela nun modo de mobilización permanente que lle está a producir bos resultados no contexto xeopolítico actual. A día de hoxe, malia que os resultados do 23-X non lle deron para gobernar, non ten motivos para renunciar. Ao cabo, por seguir esta estratexia tampouco deixou de obter bos resultados (á custa de que a crispación producira unha merma na participación).

Andalucía, que foi durante tantos anos o graneiro de votos do PSOE, podería confirmar unha viraxe aínda maior á ultradereita. Non esquezamos que foi alí onde Vox estreou uns resultados sorprendentes. Que dúas lexislaturas despois da irrupción da ultradereita en España isto poida condicionar a formación de maiorías é algo que contrasta fortemente con outros sistemas políticos, nos que a maduración do cordón sanitario amosa unha grande capacidade de resistencia.

A aposta do PP por aliarse con Vox non deixa lugar a outro escenario vindeiro (se a dereita gaña) que non sexa a dereitización do conxunto do sistema. A imaxe de líder moderado coa que Moreno Bonilla gañou no seu día (primeiro en 2018, en coalición con C’s, e logo en 2022, cunha maioría absoluta) verase liquidada nun paso máis da ultradereita, que está a xogar un papel de radicalización ante a situación actual. Queda por ver, por certo, ata que punto pesa o escándalo de corrupción en Almería, mesmo se apenas sae nos medios.

Isto contrasta cun PSOE que insiste en presentar candidaturas con relevantes figuras do  goberno estatal «en provincias»: antes Pilar Alegría para Aragón, agora María Jesús Montero. Oito anos despois do afundimento do PSOE (perda de 14 escanos e maioría absoluta en 2018), non semella que vaia recuperar forzas. Mesmo se algunhas voces anuncian unha desfeita, o que parece certo é que non semella que vaia haber unha remontada que devolva o partido aos seus anos dourados.

Na esquerda máis á esquerda é onde tamén ten lugar un debate entre dous proxectos discrepantes na estratexia: dun lado, temos o pactismo de Moncloa, encarnado por Maíllo (IU) á fronte dunha coalición múltiple (Por Andalucía), construída con moita negociación e descontento dun Podemos que non perde ocasión de facer ruido. Un candidato clásico da esquerda tradicional e subalterna que tenta enmendar sen moito éxito un PSOE que en Andalucía se atopa en horas baixas. Non semella que o labor no goberno central vaia empurrar a Maíllo, que lembra con orgullo unha IU doutros tempos, coma se a política da última década puidese ser esquecida sen máis.

Quen participamos un día naquel proceso que chegou das prazas ás institucións agardamos agora expectantes que o pobo de Andalucía volva dar o sinal.

Doutro lado, herdeira do primeiro Podemos, temos unha única formación, Adelante Andalucía, que encabeza o liderado renovado de José Ignacio García. Esta formación mantén unha liña de continuidade coa política que emerxeu logo do 15-M e anovou as formas cun novo contractualismo cidadán. Teresa Rodríguez soubo non perpetuarse no poder e facer a transición de xeito institucionalmente ordenado. De feito, nos estatutos figura a limitación de dous mandatos (que poderían ser tres co 80% de apoio puntual), non acumular cargos (salvo onde é obrigado por lei, como nas deputacións), un salario neto dun máximo de 2.000 euros coa cesión de todo o resto, non cobrar o plan privado de pensións…

Todo isto brinda unha alternativa institucionalmente moito máis clara que o resto do panorama de partidos. Que os seus resultados electorais melloren de xeito considerábel significaría que aínda queda un herdo activo do 15-M logo do fiasco da dirección de Pablo Iglesias. Quen sabe se o vindeiro 17 de maio poderiamos estar ante unha reactivación política do que se perdeu polo camiño. Hoxe esta alternativa é posíbel. Quen participamos un día naquel proceso que chegou das prazas ás institucións agardamos agora expectantes que o pobo de Andalucía (o primeiro co que Podemos se presentara a unhas autonómicas en marzo de 2015) volva dar o sinal.


[Imaxe de cabeceira: RTVE. Debate electoral das autonómicas de Andalucía, celebrado o 4 de maio de 2026]

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail