Sol Gallego-Díaz: «Que todo o mundo diga o mesmo e que un diga moitas burradas non é liberdade de prensa»

No número 141 de Luzes, publicabamos unha reportaxe, Bulocracia Times, na que Miguel Mora entrevistaba aos exdirectores de El País, Jesús Ceberio e Soledad Gallego-Díaz; á directora adxunta de CTXT, Vanesa Jiménez; á reporteira Olga Rodríguez e ao xornalista gazatí Mahmoud Mushtaha

Aquí reproducimos a entrevista con Sol Gallego-Díaz, falecida o martes 5 de maio.

Soledad Gallego-Díaz é unha histórica de El País, onde transcorreu a maioría da súa traxectoria profesional e cando volveu para dirixilo, obtivo da redacción o maior respaldo dun candidato á dirección, o 97,2%.

A impresión é que o estado actual do xornalismo é grave, e ten mala solución. Na túa carreira coñeciches todo tipo de situacións. É este un dos peores momentos? O peor desde que chegou a democracia, sen dúbida. Pero ten en conta que eu empecei a traballar coa ditadura e aquilo era o peor do peor. Todo é mellor que unha ditadura. Porque segue habendo liberdade de expresión. Non hai nada que che impida escribir o que ti queres escribir. Deberiamos telo en conta. Os principios básicos que necesitas para poder exercer o xornalismo están en vigor. E ás veces esquecémolo.

Pero, como diría o ditador, unha cousa é a liberdade e outra a libertinaxe. Exacto. Estamos na libertinaxe de expresión. Un problema é que hai unha concentración moi grande de propiedade dos medios. E deberiamos ver a maneira de que iso non poida producirse. Por exemplo, controlando a publicidade institucional para que sexa neutral e non poida financiar soamente a medios afíns. Ese sería un primeiro paso para garantir a liberdade, a pluralidade e a diversidade dos medios. Porque o máis perigoso é a concentración. Que todo o mundo diga o mesmo e que un diga moitas burradas non é liberdade de prensa. Se hai outra serie de medios que din o contrario e se poden financiar, non pasa nada. O malo é cando a publicidade se dirixe soamente a uns, porque as institucións dedican unha cantidade de diñeiro impresionante a ese capítulo, e non hai equilibrio posible.

Non crees que os xornalistas estivemos, como diría Esperanza Aguirre, demasiado in-vixiantes estes anos? Contra a publicidade institucional que beneficia aos amigotes, contra a excesiva concentración do sector, contra os medios e submedios das cloacas, contra os investimentos ludópatas dalgúns CEOs… Somos un gremio covarde e sen conciencia democrática real? É verdade que estivemos moi pouco vixiantes. A transparencia dos medios debería ser unha cousa elemental en democracia. E en moitos países é así. En Inglaterra saben moi ben quen é exactamente o propietario de cada medio. Saben perfectamente a publicidade que reciben. Ou sexa, non é ningunha extravagancia. Poderíase conseguir? Claro que si. O que hai é que poñerse a iso.

Doutra banda, é verdade que sempre houbo tabloides e telelixo, iso non é novo. Non, ese fenómeno non é novo. O que quizais si sexa novo é a acumulación de noticias falsas. Ou sexa, a cantidade de medios e de xornalistas que se dedican neste momento a iso. Pero iso está propiciado tamén polas redes sociais. Ou sexa, as redes permiten unha manipulación da información moi superior á que permitían os medios cando non existían as redes, que era outra cousa. Existía a manipulación, pero nun nivel moi inferior, porque os medios técnicos non permitían unha manipulación a ese nivel tan, tan voluminoso. E os medios tradicionais non somos capaces de loitar contra iso. Lévannos do nariz en todo momento. Corremos detrás dos «bulos» como lebres. O outro día poñía a radio e estaban todos falando do mesmo. E eu pensaba, «pero é que non pasa nada neste país que non sexa o que di Feijóo, o que di Óscar López? Non pasa nada máis que o que din eles?».

E como saímos da espiral «eu publico un bulo», «e agora eu vou e desmíntoo»? Serve iso para algo? Ese non debería ser o labor dos medios. Os medios deberían ter a súa propia capacidade de decidir temas, pero iso desapareceu por completo. Se non temos ningunha capacidade de decidir temas que nos impoñen, impóñennolos todos. E creo que iso é o que fai que o xornalismo hoxe sexa tan extremadamente aburrido. Se están todos os medios falando de Begoña Gómez, entón habería que falar máis do caso da parella de Ayuso, non? Non. Do que habería que falar é doutra cousa. Non é buscar a outra cara da medalla. A iso, dedicarlle un minuto. E o que está a ocupar é horas e horas de dicir o mesmo 5.000 veces de diferente maneira. E chega un momento en que a xente ten que estar exasperada, que é o que no fondo quere o sector máis conservador, o sector máis besta da sociedade. Que a xente deixe de informarse porque está completamente exasperada, e diga, «mira, que lles dean por saco. Vou e voto á extrema dereita». O que pasou por exemplo no Alentejo, que foi sempre comunista e agora está a votar a Chega.

Ti conseguiches meter na axenda algún tema, como o dos abusos na Igrexa. Ou sexa, deixaches pistas de cousas que se poden facer sen caer na trampa das cloacas… Iso pensaba eu. Ten que haber outros temas. É imposible que non sexamos capaces de explicarlle á sociedade cousas que pasan que son máis interesantes que toda esta merda. E non digo que non se conte. Pero cóntaa en tres columnas. Non, cóntao en media páxina. Pero logo facían dúas páxinas.

Tamén está iso de «o máis lido». No periódico había un panel coa lista. Prohibino. Si, prohibino. Porque, claro, os xornalistas van ao máis lido e escriben diso. Por que? Porque cren que así teñen asegurado o posto de traballo. E eu digo «foder, que non é iso. Ti traes un bo tema e xa verás como consegues que se lea ben despois. Pero primeiro tes que expolo».

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail