23º

24 pensamentos sobre o entrelazamento ciencia-literatura-sociopolítica-arte, a xeito de calendario de Advento de 2025. Homenaxeando tanto as 24 sekki ou microestacións do Calendario nipón (con 72 kō en total, procedentes de antigos tratados de astronomía chinesa), como os Mintireiros Verdadeiros e outros calendarios agrícolas da Galiza, coa súa curiosidade polos cambios sutís nas estacións. Porén, máis que Xeórxicas virxilianas, Uránicas da Urania, os ceos e as súas correlacións terrestres, pois somos un pouco fillas rosalianas do asombro.

21 de Nadal

Solsticio de Inverno. Fai, Terriña nosa, unha reverencia a ninguén nese minué elíptico que bailas co Sol até o ángulo máximo. Dános a Noite Máis Longa, o quilómetro cero da luz, onde o tempo se nos vitrifica nunha placa de Petri. Dinos que no val dese ángulo extremo, Terra querida, a física e a esperanza pactan: a partir de mañá, o día ha recuperar o territorio, palmo a palmo. Dinos que si, muller, que como sempre así será.

☉ O Sol: Hoxe é o día máis breve do ano. En Galiza, o astro rei sae ás 09:04 h e recóllese ás 18:02 h. Apenas 9 horas de luz, a economía é dos fotóns.

☾ A Lúa: Unha crecente finísima (3%), unlla de nácar no solpor.

🍂 Microestación Nipoa (24 Sekki / 72 Kō): no calendario microestacional do Xapón comeza Dōji (冬至), o solsticio, do 21 ao 26. É costume bañarse con yuzu (cítricos) para atraer a boa sorte e a lonxevidade. No calendario chinés comeza Dongzhi, vixésimo segundo dos 24 termos solares.

☪️ Estamos de estrea no Calendario Islámico:  é o 1 de Rajab de 1447. Comeza un dos catro meses sagrados. Tempo para a reflexión e o perdón. Como o solsticio, convídanos a pausar.

🇫🇷 Estreamos tamén mes no Calendario Revolucionario: é o 1 de Nivôse (o mes da Neve). Día da Turba (Tourbe). Materia vexetal que non sabe morrer completamente. Como quen escribe.

En Galiza, día de santos de nomes de fantasía como San Festo ou San Glicerio, levamos días comentando o de que os días medran ao ritmo dun «paso de pombiña».

🎨 O Pangalaicotone foi un invento deste Almanaque cando, nos primeiros días, comentara que o Pantone de 2026 era o Cloud White e que, nesa beigización (beixización?) da decoración de interiores, estabamos convertendo o interior dos nosos cranios en lugares aburridos e simétricos.

Así e todo, hoxe penso que, como día escuro, debemos renderlle ovación a outro branco, o Branco de Albedo (Albedo White). Un ton que, arredado do branco da pureza, é o branco da física da reflexión. Defínese como a capacidade dunha superficie para devolver a radiación ao espazo. É o branco da xenerosidade, non o do virtuosismo performativo senón do real, o que acontece mesmo se ninguén está a mirar. Representa tamén a nosa capacidade de rebote: canto máis fría e dura é a realidade, máis luz debemos reflectir para non ser absorbidos polo negro absoluto. É a cor das salinas abandonadas, da banquisa que resiste, a cor dos prismas de cuarzo no enxoval funerario dun dolmen.

Representación gráfica do solsticio de inverno.

23 °

POV: Dolmen de Dombate, ca. 3700 a. de C.

Nas tebras previas xa adiviño que hoxe non é un día calquera. Levo lúas vendo como a luz me tarda, como o ceo non se me dá aberto. Porén, hoxe vai distinto o Sol. Máis baixo, máis preciso, sabe ben onde buscarme.

Os fillos dos tataranetos de quen me construíron chegan sen ruído, con peles, con fachos. Chegan antes que o Sol, que asomará pola cicatriz da paisaxe bergantiñá e enfiará dereito polo meu corredor, 4 metros de raio tenso como unha vela de ouro que navegase entre alén e aquén. Colimador astronómico serei: un canalizador de luz, lanza de fotóns entre o granito, o primeiro brazo dunha primavera que aínda demorará varias lúas máis.

O Sol non nace polo leste, só o fai nos equinoccios, senón no punto máis meridional, cun acimut duns 128 °. Nin sei xa desde cando o sei. E sei que eles o saben. Erixíromme xusto con esa orientación. Non miro ao Norte, non miro ao Sur. Miro á miña Estrela nacer no día do Solsticio do Inverno.

A raxeira primeira entrará sen profanar, unha fecundación de luz rozando os ortóstatos. Escintilan os seixos leitosos que a miña mámoa cobre, eu son unha ubre de magma frío cun segredo no corazón. O segredo é que a vida coñece o camiño e o camiño son eu. Regrésame, Sol amigo, da túa longa viaxe ao Sur.

A vela de ouro ancora no recinto sagrado, ósos e cinzas — que hai máis sagrado?—, esperta os pigmentos vermellos, negros, cinabrio e carbón, que me dormen na pel interna. Os signos, as figuras, reviven logo, fan augas de ardentía e serpes de fulgor e sinto a presenza do vello dolmen anterior sobre o que me construíran. Dom. Dommm. Tocan e baten, mmmm, e baten. Sol. Dom.

As colleitas volverán, non vencerá o escuro. Cantan e me encantan. Sol. Domm. Tocan e baten. As colleitas volverán, non vencerá o escuro.

Son unha emperatriz canteira, unha ermida observatoria, doncela megalita e petrificada moura, batedora de cousa morta e cousa viva.

E logo pasa.

Réplica do interior do Dolmen de Dombate, Cabana de Bergantiños

A vela mingua, o corredor volve sombra e cos fachos fumegantes marchan sen voltar a cabeza —non se volve a cabeza ao sagrado, como non se olla o Sol de fronte—. Quedan os rastros, as ofrendas, o alento condensado na cámara. Os que nunca marchan de todo, eses quedan. Síntoos eu, que son o seu pazo tumba e o seu hórreo matriz, en min remata e comeza todo o que en ciclos recunca.

Fico agora cos días que medran. Cada lúa, un pasiño de pomba cara ao Norte no horizonte. O ciclo volverá; son o memorial de granito.

Poboadores anteriores a eles hai milenios perseguiran o cervo polo val de Anllóns. Os meus queridos enxeñeiros con rostros de pel morena e ollos avelá, estirpe anatolia — os mouros?— fálanme unha lingua que hoxe non me falas, ti nin xa ninguén. Desapareceu. Tamén o meu culto ha perderse un milleiro de anos despois, cando arrasen sen violencia os xinetes esteparios da cultura yamnaya que traerán o indoeuropeo na fala, o cabalo nas pernas, o carro, estatura, ollos claros, un brutal reemprazo xenético. E a mutación da tolerancia á lactosa, da que os meus arquitectos-agricultores carecen.

Entre o rostro das miñas astrónomas e o teu rostro ao outro lado desta páxina ou pantalla, un formateo de cinco mil setecentos anos. Os yamnaya. O bronce. Leite fresco. O ferro. A escrita. Roma. Prisciliano. Os suevos. Os normandos. O Camiño. Dona Urraca. A onda gravitatoria María Balteira. Os Reis Católicos e Pardo de Cela. Irmandiños. A pataca americana. Cantares 1863. Que din os rumorosos… Castelao. Os antibióticos. A cuántica. As galaxias. Os teus pais. A IA xeratriz. O clima que.

O tempo é para min outro Anllóns. Milleiros de anos despois deste momento haberá quen me cave, quen me mida, quen trate de me entender con palabras novas. Diranme catedral do Neolítico, patrimonio, xacemento. Verán as Perseidas estomballados onda min. Lerán a miña orientación con instrumentos por inventar e entenderán, ao fin, o que os meus construtores xa sabían con outro código: que recunca a luz. Que se acenden as cinzas.

Quedo feita un eco ao ceo. Domm. Domm. As colleitas volverán, non vencerá o escuro. Bate o corvo na pedra. Bate o escaravello e a píntega. Móstrate, Estrela, cos que antes que nós batían no peito.

Móstrate, Estrela, que eu che dea nome.

Milenios antes de comprender a xeometría dun solsticio.

Detalle de Decembro de ‘As moi ricas horas do Duque de Berry’ e prismas dicroicos. Imaxe persoal

A estacionalidade é unha marca do tempo anterior á linguaxe. Estacións como momentos nos que coller aire antes de cambiar de páxina, de colleita, de afecto. As marcas desas respiracións son os solsticios e os equinoccios. As estacións son a respiración da Terra. Unha inhalación de luz no verán, unha exhalación de sombra no inverno. No fondo do pulmón, o aire queda un segundo conxelado no solsticio invernal.

Se adoptamos a perspectiva cosmonauta — a perspectiva coa que literariamente traballo—,  se saímos fóra de nós, desorbitadas, o solsticio non é un evento meteorolóxico; é xeométrico. Non é que o Sol estea máis lonxe —de feito, estamos case no perihelio, o punto de maior proximidade física ao Sol na nosa órbita elíptica, que é o 3 de xaneiro en 2026 e 2027 —, é só que lle estamos a facer un pouco a cobra. O hemisferio norte evita o beixo mentres o sur se baña en fotóns. As nosas vivaldianas estacións, non idénticas en todo o planeta, son proba de que a distancia non importa tanto como a orientación. Podes estar moi preto de alguén e, de inclinares no ángulo preciso, sentir todo o frío do espazo.

Creo que xa escribín neste almanaque que sempre imaxinei a Carl Sagan espeluxado polo vento ártabro falando cosmos desde o meu enclave crush de Oleiros. Cuns arroaces no mar por detrás e uns pescadores de polbo co neopreno e o arpón meténdoselle no plano. A Sagan tanto lle ten, el tira para adiante contándonos que o punto azul clariño é ese píxel da imaxe da Voyager de 1994, o cal non é outra cousa que a nosa Terra, unha migalla suspendida no abismo. Nun reformateo mental vemos o mundo non como unha patria, senón como un corpo arredor dunha fogueira de hidróxeno, helio e furia termonuclear de clase G a 150 millóns de quilómetros. Xira ese corpo como un dervixe e como un dervixe se inclina.

23,4º de inclinación do eixo terrestre. 23.

Como o número de pares de cromosomas no núcleo das túas células. Un número primísimo perdido. 10²³, o número estimado de estrelas todas, de todas as que hai. E circulan listas cabalísticas do 23 pero non entro en magufadas.

A palabra solsticio revela o Sol-stitium: o Sol estático, que para no ceo, saúda e regresa por onde veu.

Os gregos chamaban tropos ao momento no que o Sol «dá a volta». Os trópicos son as marcas desa volta no planeta: Trópico de Cancro (+23° 26’ Norte) é a marca do solsticio de verán; Trópico de Capricornio (-23° 26’ Sur), a marca do solsticio de inverno. Quere dicir que, se navegásemos por ese paralelo Sur, o Sol chegaría hoxe ao cénit sobre as nosas cabezas e a partir de mañá volvería polo camiño inverso abaixo, porque alí comeza o verán: San Pedro de Atacama (Chile), Quebrada de Humahuaca (un saúdo á vaca estudiosa de María Elena Walsh), São Paulo, Namibia, Botswana, Mozambique, Madagascar, o Outback de Australia e, rozando o celme, Alice Springs.

Fenaquistiscopio. Ilusión óptica.

A xeometría está moi ben para os astronautas mais, que significa todo isto para o lique? Que lle importa a inclinación do eixo terrestre á garza branca que hoxe, no esteiro do Anllóns, busca unha pociña de auga que o xeo non garde baixo chave?

E a ti? Que farás ti coa escuridade? Porque hoxe é a festa da escuridade, digan o que digan os edís das vilas todas. Nese aspiracional verán eterno de luz artificial e aire acondicionado a 24°, unha especie de Ibiza mental permanente, como te levas ti coa contención fría, coa penumbra?

O solsticio dinos que a natureza non comparte a nosa ansia. Que ela obedece ao «Para un pouco, ho! — mu!— ». O monte practica unha «estética do baixo consumo». Todo o ruído da vida instagramazon queda reducido a unha seiva lenta, case imperceptíbel.

Días que non son de producir, nin de medrar, nin de brillar. Días de lique: persistir no frío, absorber a humidade do orballo cuántico e esperar. Parecen mundos diferentes ao noso.

Se volvemos ao fío do noso almanaque, ese que une as partículas coas estrelas no macramé total, decatámonos de que o solsticio é o maior exercicio de entrelazamento a escala macroscópica. Non somos entes illados; estamos conectadas ao Sol por un fío gravitatorio invisíbel, tamén por un bordado de necesidade biolóxica que non se resolve con vitamina D en ampoliñas.

O corpo recoñece que somos parte dun sistema que non se pode describir por separado. É un orgullo pertencer ao sistema solar no día do solsticio da invernía. Non es ti e mailo inverno; es ti sendo un punto orbital sobre o i do inverno.

O Sol traballa hoxe menos ca nós.

E que lle reprochar! Se nos fai auroras

e lunares a cambio. Non é por mal. Vai maduro.

Desde hai miles de anos fulxe así:

retírase cando máis

se necesita,

como esas persoas e esoutras certezas.

 

E mañá mesmo, todo canto desleu volverá a o ler.

Quen nos ía dicir que o sistema —o solar—

sabería nos compensar espera tanta.

Que aprenderiamos a saír de nós

en perspectiva.

Estíbaliz Espinosa, solsticio 2025

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail