A xornalista que denunciou por acoso a cúpula da CRTVG recorre o arquivo da causa


A Coruña.- A xornalista que acusou por acoso a cúpula da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), incluído o seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, recorreu o arquivo da causa na Audiencia Provincial da Coruña. A muller alega que a xuíza que instruíu o sumario non tivo en conta na súa decisión testemuños e probas relevantes que, a xuízo do seu defensa, demostrarían a estratexia de persecución profesional e persoal que denunciou e que lle causou severos danos emocionais que afectaron ademais á súa contorna familiar e social.

Así figura no escrito presentado pola súa representación legal na a Audiencia , asinado o pasado luns, ao que tivo acceso Luzes-Público e que pide ao tribunal que revogue o auto da xuíza, ordene a continuación das actuacións e permita ás partes solicitar a apertura de xuízo oral contra Sánchez Izquierdo e os outros oito directivos e directivas, que foron imputadas na causa por un suposto delito contra os dereitos dos traballadores.

O pasado 22 de abril, a maxistrada Ana López-Suevos, titular do xulgado de Instrución Número 1 de Santiago, ordenou o sobresemento do proceso despois de case dous anos de investigacións, de tomar varias declaracións aos imputados e a numerosas testemuñas e de encargar unha peritaxe forense ao Instituto de Medicina Legal de Galicia. Tras esas actuacións, a xuíza considerou que non existen indicios suficientes de que nin Sánchez Izquierdo nin os seus directivos cometesen delito algún.

A xornalista acusáraos de participar nunha estratexia de descrédito, humillacións e decisións arbitrarias e inxustas, despois de que en 2018 ela denunciara nos xulgados do Social que fora trasladada desde o departamento comercial da televisión pública aos servizos informativos da radio por unha decisión sexista e discriminatoria. A traballadora perdeu aquel xuízo, cuxa sentenza foi ratificada posteriormente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Instrución longa e minuciosa

Tras coñecer o arquivo da causa, a CRTVG, que en ocasións anteriores non quixo pronunciarse sobre o asunto alegando que non lle compete porque non fora denunciada como empresa, fixo pública unha nota na que celebraba a decisión da xuíza, lembrando aqueles fallos desestimatorios e relatando que a instrución pola vía penal fora longa e minuciosa.

No seu recurso ante a Audiencia Provincial, a defensa da traballadora argumenta por contra que «si existen indicios máis que suficientes» para acordar que as actuacións penais sigan o seu curso e que os acusados e acusadas sexan procesados por un delito de acoso moral no ámbito laboral.

A xornalista, que desde 2019 pasou case catro anos de baixa por patoloxías derivadas dos feitos que denuncia, alega que a xuíza non tivo en conta un estudo pericial que o seu avogado presentou como proba e que recollía os informes de tres médicos –un psiquiatra do Servizo Galego de Saúde, outro privado e a médico da CRTVG– que consideraron que os síntomas que presentaba eran compatibles coa situación que denunciaba. A médica da empresa chegou a recomendar en dúas ocasións que fora recolocada no seu posto de traballo para que non tivese que sentar xusto fronte ao despacho dun dos acusados, pero a dirección fixo caso omiso da proposta.

O informe estaba asinado por un perito xudicial experto en recursos humanos e investigación de accidentes laborais ao que a xuíza tampouco chamou a declarar, a pesar da petición expresa da querellante de que se lle tomase testemuño durante a instrución para que puidese ratificar a súa análise e ser interrogado sobre as súas conclusións. Estas apuntaban a que a muller tería sido sometida a intimidación encuberta, desprestixio persoal e laboral e ao bloqueo e degradación do seu desenvolvemento profesional, que tamén lle provocaron varias crises de ansiedade polas que tivo que ser atendida de urxencia no hospital.

Situacións discriminatorias

O recurso tamén sinala que a xuíza non valorou como evidencias do acoso outras situacións discriminatorias, como que foi a única muller incluída nos servizos mínimos da folga feminista do 8 de marzo de 2019; ou que dous meses despois excluírona da cobertura das eleccións europeas e municipais de maio dese ano alegando que non conducía, cando si o fai e tiña e ten vehículo propio e permiso en vigor, que presentou durante a instrución.

A defensa da xornalista lembra ademais os testemuños prestados durante a mesma por outros compañeiros que confirmaron que se lle encargaban habitualmente pezas menores que moitas veces nin sequera chegaban a emitirse, como se demostrou coas escaletas dos informativos; que a empresa lle denegou o día libre que solicitou para acompañar o seu pai nonaxenario desde o hospital onde estaba ingresado a unha residencia; e que a dirección chegou a sancionala –aínda que logo revogou o castigo xusto antes do proceso xudicial derivado– por coller horas libres por razón de forza maior para poder asistir ao seu proxenitor, co aviso previo correspondente e cumprindo todos os requisitos legais.

Ademais, o recurso sinala que a traballadora seguiu todos os leitos regulamentarios para poñer a súa situación en coñecemento dos responsables de recursos humanos, que lle responderon de forma inadecuada e, cando a sancionaron, a trataron de maneira indigna. «Nos anos que levo na representación sindical nunca vin unha infantilización [así], era indignante», chegou a dicir a presidenta do comité de empresa durante a súa declaración diante a xuíza.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail