How the email finds us

Calquera protesta relacionada cunha mellora das condicións laborais sempre se atopa de fronte cun tipo de resistencia que adopta a mesma forma: a da suspicacia de quen ve detrás da intención de querer que o traballo non o drene unha excusa para (treme só de pensalo) Traballar Menos ou mesmo (maréase, tense que sentar) Non Traballar. Non. Traballar. Claro, empézase por pedir 35 horas laborables á semana, catro días, ter as vacacións pagas ou poder conciliar e acábase co teu pagador póndoche a lavadora e tendéndoche a roupa. Repetindo as palabras que un profesor da universidade lles dedicou á miña nai e aos seus compañeiros: «¡Las sillas se van a acabar subiendo a las mesas!». Non Traballar é para moita xente un escenario apocalíptico porque debuxa un horizonte no que quen se Esforza, se Sacrifica e é Constante, e quen non poden acadar o mesmo obxectivo, xa que parten da base de que o Esforzo e a Constancia levan inequívocamente ao éxito, signifique o que signifique esta palabra.

Foto da conta de twitter de @Betinaserrano.

Non teño tampouco moi claro como funcionaría un mundo tan afeito ao traballo asalariado como parte do contrato social se de repente este se eliminase pero, como asalariada que fala non pouco destes temas con outros asalariados, si sei que a cantidade de tarefas ás que nos enfrontamos cada un de nós é moita máis da que podemos asumir, independentemente do gremio. Por suposto, o meu estudo demoscópico está lonxe de ser significativo pero sérveme para saber que a comunidade arredor de min está farta. Farta de traballar por dous sabendo que hai unha persoa, probablemente sen percibir un salario, que estaría encantada de firmar un contrato para encargarse da parte que lle toca. Farta deste «choio-policing» levado a cabo moitas veces por outros tan afogados de responsabilidades laborais coma ti, que desconfían de que te queixas de ter que deseñar a vida arredor do traballo porque te fan sospeitosa de ser Unha Persoa Vaga. Farta de que as persoas vagas de verdade, as vagas de décima xeración, cunha árbore xenealóxica na que o noventa por cento dos integrantes se puideron permitir ser vagos non entren dentro do grupo de Xente Da Que Desconfiar. Claro, se teñen diñeiro será que o gañaron con Esforzo e Sacrificio e Constancia dos demais. Que outra cousa pode ser.

Nestes dous últimos anos, ademais, as condicións nas que tivemos que traballar foron especialmente nocivas. Independentemente de canto ou como che afectou a pandemia no persoal, foron anos obxectivamente duros. Mesmo no medio da treboada, mesmo cando non se podía saír do concello, mesmo cando non se podía saír da casa, seguiuse traballando. Levabamos un ano de pandemia e non paraban de sucederse as olas, escoitabamos coma unha letanía o número aterradoramente elevado de mortes día tras día, continuabamos sen poder tirar a máscara, só nos era permitido ir do traballo á casa e da casa ao traballo pero seguiamos producindo, a roda non podía parar. Ninguén sabía ben se o seguinte escenario nos ía levar ao desastre máis absoluto pero que nin se nos ocorrera deixar de fichar. Non mudamos a nosa rutina de 8-15 horas (no mellor dos casos), na que o tempo non nos pertencía, para, unha vez cumpridas as nosas responsabilidades, non dispoñer tampouco dunha liberdade de movementos. Durante dous anos caóticos non se nos concedeu nin unha tregua nesas oito horas diarias nas que nos debemos ao noso oficio, tiñamos que producir sen descanso porque parar un só día traería consecuencias terribles. Cales? Unhas terribles. Ah, de acordo, logo.

Pancarta cunha mensaxe que referencia o libro de Guy Aznar «Trabajar menos para trabajar todos» (1994).

Agora que o mundo parece que volve semellarse un pouco a aquel que quedou no 2019, parece que non está xa moi fóra de lugar falar de algo distinto á incidencia acumulada, as medidas de restricións ou as características das novas variantes. Podemos, se non é molestia, tratar outros temas. Estaría ben, por exemplo, discutir sobre as condicións nas que levamos dous anos levantando unha cantidade inxente de choio. De como facer do espazo (e do tempo) de traballo un lugar máis respirable. Non sobraría tampouco reflexionar sobre o baixos que son os salarios en relación ao caro que é vivir. Tamén se debería deixar claro que as horas extras ou se pagan ou se contrata a outra persoa. Que o que pasa é que non queremos traballar? Será.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail