«I don’t want to spoil the party so I’ll go».
The Beatles.
A esquerda galega leva tanto tempo remontando como o PP viaxando cara ao centro. Quero pensar que ambas son desas viaxes nas que o importante non é a meta, senón as experiencias adquiridas polo camiño, porque o contrario sería ben frustrante. Dicir, dez anos despois de que o PP volvese á Xunta tras o fugaz bipartito, que este é o momento dun cambio de ciclo demostra, sobre todo, ambición política: desta vez, as forzas da oposición non están dispostas a agardar a que a bioloxía –se non se substancia a sempre pendente oferta de Madrid– acabe cun presidente pseudovitalicio. Ata o domingo, semellaba que só o aburrimento podía derrotar a Feijóo. Agora, xa se sabe que é vulnerable, algo que de momento só demostrara Baltar, en clave orgánica, e sempre por candidato interposto: xusto o que era Pablo Casado.
De verdade pensa o PP que gobernaría tanto como gobernou se todo o que está á esquerda do PSOE tivese un ataque de posibilismo, entendese como funciona a disciplina interna, asumise que ás eleccións vaise a gañar e só a gañar e cambiase a pureza ideolóxica pola vontade de poder?
Ver chorar a dereita con argumentos tales como «a concentración do voto nun único partido teríanos dado a maioría absoluta» ten un aquel satisfactorio. De verdade pensa o PP que gobernaría tanto como gobernou se todo o que está á esquerda do PSOE tivese un ataque de posibilismo, entendese como funciona a disciplina interna, asumise que ás eleccións vaise a gañar e só a gañar e cambiase a pureza ideolóxica pola vontade de poder? Benvidos ao noso mundo, amiguiños! Tanta inxenuidade ata os fai entrañables por momentos. Logo lembras os neandertales, a decapitación de recén nacidos, os «si-si-si ata o final», as pistolas e ese considerar «clase media» a quen gaña 130.000 euros ao ano e xa se che pasa.
Todo isto preocúpame porque vexo moi crecida a nosa oposición parlamentaria polos resultados –históricos, iso non se pode negar– do 28A. A euforia socialista é comprensible. Nunca antes foran primeira forza en Galicia nunhas xerais. Por riba, todo indica que cando Gonzalo Caballero entre no Parlamento, tras as municipais, vaino facer como líder da oposición, pero só porque En Marea decidirá aplicar –once again– iso de que o rupturismo ben entendido empeza por un mesmo. O grupo mixto chama por Villares como o reverso tenebroso por Anakin Skywalker. Para a posteridade queda a súa análise da desfeita electoral da marca que nacera para darlle a volta ao sistema: «contribuímos» á vitoria do PSOE coa mensaxe de que había que parar a dereita. Guardiolismo puro: si, metéronnos cinco goles pero nós tivemos a posesión do balón… O Bloque tamén quedou fóra do Congreso pero iso non lles impide ler os resultados como se fose o EXM. «Dobramos o número de votos e esa tendencia vai mellorar nas municipais». Seguramente sexa verdade, pero postos a sacar peito, tamén poden argumentar que acadaron o dobre de deputados. E ninguén os acusará de mentir.
Todo indica que cando Gonzalo Caballero entre no Parlamento tras as municipais, vaino facer como líder da oposición, pero só porque En Marea decidirá aplicar iso de que o rupturismo ben entendido empeza por un mesmo
O seguinte capítulo do noso particular Xogo de Tronos pasa polas municipais, co voto urbano en xogo –decisivo en calquera tentativa sobre a Xunta– e esa combinación de norteños, inmaculados e dothrakis (que algún quedará) tentando manter as súas posicións e asediar o único bastión en pé do inimigo: Ourense, xunto con Vigo, a cidade de todo o Estado con máis voto para o PSOE. Claro que nas xerais non competía Jácome. Nin os de Pachi Vázquez. Nin…
Pero ollo con tanta festa, que xa dixo Arsenio «que te la quitan de los fuciños». Tamén semellaba que o Rei da Noite era o inimigo a bater ata que (ATENCIÓN, ESPÓILER) Arya Stark demostrou nun momento que non tiña nin media hostia. Un xiro de guión que aínda nos agarda aquí. A batalla definitiva para a esquerda galega non foi a do Winterfell de abril contra os camiñantes brancos da ultradereita. Como Cersei, Feijóo xa fixo o seu particular paseo da vergoña, pero de momento é el quen segue sentado no Trono de Ferro de San Caetano. E o PP, igual que os Lannister, sempre paga as súas débedas. Mesmo sen Bárcenas.
Que non o credes? Pois buscade as informacións sobre o Premio José Couso a Defende a Galega e xa me ides contando…