Medo nas aulas

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

O PP do País Valencià da Comunidade Valenciana lánzase á nobre causa de que as nais e os pais participen máis activamente na vida educativa das súas crianzas. Os mércores, quedada coa titoría. O xoves, reunión da Anpa. O venres, denuncia do profesorado que adoutrina nas aulas aka que non pensan coma nós.

Os gaivoteiros levantinos presentaron en rolda de prensa a campaña «No más adoctrinamiento» que inclúe un sistema novidoso de denuncias ideolóxicas. O procedemento é ben sinxelo: a través dun formulario web para dummies, calquera persoa poderá sinalar aqueles docentes que, ao seu xuízo, polo que lle di o fillo ou por ouvidas, están facendo mal a docencia. As denuncias serán totalmente anónimas, por suposto, «para evitar represalias», din desde os instigadores, e porque non hai mellor deporte nacional, despois do sillonbol, que tirar a pedra e esconder a man.

Herdeiros da tradición Helen-Lovejoyana, «¡¿Es que nadie va a pensar en los niños?!», as denuncias-ehem-delacións servirán para que o PPCV realice as accións que considere máis oportunas en «defensa dos dereitos do alumnado», alén de obteren by the face unha relación xeitosa de docentes do mal. Un win-win en toda regra.

Para ilustrar as tropelías educativas que están perpetrando os docentes aos que é urxente pór cara, nome e apelidos, puxeron uns exemplos estarrecedores: a venda de boletos de Escola Valenciana, unha subversiva axenda co mapa lingüístico do catalán dos paises cataláns e, o que é peor, obrigar a determinadas lecturas. Se vostede non se conmove é que non ten alma.

Os obxectivos finais, «sacar a política das aulas», óle, «primar a liberdade», reóle, e que se deixe de «vulnerar a Constitución». Toda a Constitución, agás o artigo 20.1.c, supoñemos, este que garante o dereito de liberdade de cátedra, «unha proxección da liberdade ideolóxica e do dereito a difundir libremente os pensamentos, ideas e opinións dos docentes no exercicio da súa función», en palabras do Tribunal Constitucional.

Concluíron a rolda de prensa cunha frase á que só lle faltaba o Tubular Bells de Mike Oldfield de fondo: «Nestes momentos moitas persoas teñen medo».

Se eu fose docente valenciano, teríao, abofé.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail