As empresas da contorna familiar de Feijóo cobraron 31 millóns en seis anos en contratos a dedo da Xunta

A Coruña.- As empresas vinculadas á contorna familiar do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, cobraron da Xunta máis de 31 millóns de euros en adxudicacións a dedo no últimos seis anos, a través de 1.638 contratos menores ou tramitados polo procedemento de emerxencia, fórmulas que permiten ás administracións asignalos sen concurso público. A maioría deles, por un valor de máis de 26 millóns de euros, executáronse cando Feijóo presidía a Xunta, algúns mesmo durante as dúas semanas nas que exerceu o seu cargo en funcións tras presentar a súa renuncia e asumir o liderado do partido.

O seu sucesor, Alfonso Rueda, ocultou boa parte desa documentación á comisión do Parlamento de Galicia que debía investigar esas adxudicacións. Rueda só facilitou á Cámara unha listaxe con referencias de contratos nos que nin sequera figuran todos os que a Xunta subscribiu con esas compañías, e eludiu responder a Público sobre as razóns da omisión de máis de 1.100 expedientes que afectaban á familia de Feijóo.

Entre Universal Support, o centro de telemárketing da Coruña que dirixe o seu cuñado Ignacio Cárdenas; as sociedades do Grupo Eulen, cuxa directora para o noroeste de España é a súa irmá, Micaela Núñez Feijóo; e Sargadelos, a firma de cerámicas que contratou como asesora á súa parella, Eva Cárdenas, facturaron á Xunta 31.300.697,82 euros en contratos a dedo entre o 1 de xaneiro de 2018 e outubro de 2024, o mes anterior a que o Parlamento de Galicia puxese en marcha a comisión de investigación que abriu a pedimento do BNG.

Recurso no Constitucional

Nela, o PP vetou tamén a comparecencia de Feijóo e dos seus familiares, que reclamaran tanto os nacionalistas como o PSdeG. A formación de Ana Pontón presentou un recurso diante o Tribunal Constitucional alegando que iso vulneraba o dereito das súas deputadas para exercer o seu labor de control do Executivo autonómico.

Na documentación á que tivo acceso Público figuran ademais outros 151 contratos menores por valor de 195.574 euros en favor de Allwork Vestiario Laboral, a metade de cuxo capital pertence a Antonio Illodo Otero, marido da secretaria xeral do Partido Popular en Galicia, Paula Prado. Segundo inforó no seu día o diario O Salto Galiza, esa compañía multiplicou a súa facturación cunha decena de consellerías, empresas públicas, fundacións e axencias dependentes do Goberno galego desde que Illodo adquiriu o 50% do seu capital.

A compañía vinculada á contorna de Feijóo que máis contratou coa Xunta a través de adxudicacións directas sen concurso é Universal Support, un centro de telemárketing filial da multinacional Konecta. A empresa, da que Cárdenas é director comercial, non traballara nunca para a Administración autonómica nin tiña experiencia nin persoal especializado en atención sanitaria, pero Feijóo asignoulle durante a epidemia de covid o rastrexo de casos e a atención telefónica a pacientes e usuarios.

Feijóo e Rueda, nunha imaze de arquivo / Foto: PP

Entre decembro de 2020 e maio de 2023, Universal Support obtivo do Servizo Galego de Saúde 46 contratos tramitados polo procedemento de emerxencia por un valor total de 24.280.486,04 euros. Segundo unha investigación de Público publicada en abril de 2024, os soldos do persoal destinado pola empresa de Cárdenas a cubrir o call center da covid da Xunta non superaban os 1,2 millóns de euros anuais.

As sociedades do Grupo Eulen, cuxa máxima directiva en Galicia é desde 2015 Micaela Núñez Feijóo, tamén se beneficiou das adxudicacións sen concurso dos Gobernos do seu irmán e de Alfonso Rueda que este oculta ao Parlamento galego. No seu caso foi mediante a modalidade dos contratos menores, que entre xaneiro de 2018 e outubro de 2024 reportáronlle 6.927.522,44.

60 millóns en 16 anos

Desde que Feijóo accedeu á Xunta en maio de 2009 ata a actualidade, e sumando os contratos convencionais aos que si se someteu á competencia doutras empresas pero en cuxos expedientes existen evidencias de información privilexiada e trato de favor tanto durante os mandatos do seu irmán como cos de Rueda, Eulen suma máis de 60 millóns de facturación á Administración autonómica.

No caso de Sargadelos –a compañía de cerámicas propiedade de Segismundo García, que ameazou recentemente con pechala por un conflito coa Inspección de Traballo–, contratou como asesora a Eva Cárdenas, parella de Feijóo e irmá de Ignacio Cárdenas, entre decembro de 2020 e o verán de 2022. Nese período, Sargadelos facturou 48.233,67 euros a catro consellerías, unha fundación e unha empresa pública ás que vendeu diversos artigos ou coas que colaborou en actividades e conferencias. É unha cantidade lixeiramente superior á que gastou a Xunta nos tres anos anteriores e na media rexistrada desde 2022, cando Cárdenas deixou a empresa e domiciliouse en Madrid con Feijóo.

No caso de Allworks Vestiario Laboral, propiedade ao 50% de Antonio Illodo, esposo da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, obtivo outro medio centenar de adxudicacións a dedo de nove consellerías e organismos da Xunta. Prado é unha da persoa máis próximas ao círculo de confianza de Feijóo en Galicia desde que lle acompañou nas listas das autonómicas de 2009. Ata que o seu marido fíxose coa metade da empresa en 2020, Allwork só obtivera dous contratos da Xunta, en 2019, por 1.717,87 euros.

Illodo entrou no capital da compañía o 13 de marzo dese ano, o día antes de que o Goberno decretase o estado de alarma pola covid. Desde entón e ata o final da pandemia, a socidad multiplicou a súa facturación vendendo equipos de protección individual e outro material á Administración autonómica de Feijóo, primeiro, e á de Rueda, agora, por valor de 194.574,04 euros.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail