Podemos pide no Congreso que o Tribunal de Contas investigue os contratos da Xunta con Eulen

A Coruña.- Unidas Podemos pediu no Congreso dos Deputados que o Tribunal de Contas investigue os preto de 140 contratos públicos adxudicados ao Grupo Eulen pola Xunta desde o ano 2009, cando Alberto Núñez Feijóo accedeu á presidencia de Galicia.

A irmá do novo presidente do PP, Micaela Núñez Feijóo, foi directora rexional para a comunidade desa empresa ata ao 2016, cando foi ascendida a directora para todo o noroeste do Estado, xusto despois de que a Administración galega outorgase no 2015 a Eulen o récord de adxudicacións na comunidade, con contratos por máis de 6,2 millóns de euros, tal e como contou Luzes-Público.

En total, entre o 2009 e o 2021, as empresas do grupo recibiron da Xunta adxudicacións por máis de 37 millóns de euros.

O deputado Antón Gómez-Reino, do grupo confederal de Unidas Podemos-En Común Podem-Galicia en Común, presentou unha petición na mesa da Comisión Mixta para as Relacións co Tribunal de Contas na que alerta «de indicios sobre a existencia de irregularidades nestes expedientes», polo que considera necesario que o Tribunal de Contas os examine.

Segundo afirma Gómez-Reino na súa petición, existen indicios de que Eulen obtivo «trato de favor con respecto aos seus competidores en numerosas licitacións públicas» por parte da Xunta e das fundacións, empresas públicas e entidades instrumentais dependentes, como o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), Augas de Galicia, a Fundación Deporte Galego, a Fundación Semana Verde de Silleda, a Fundación Cidade da Cultura e a Corporación de Radio e Televisión de Galicia, entre outras.

Sede de Eulen na Coruña / Foto: Street View

En moitos, lembra o deputado, a empresa obtivo contratas sen ser a proposta máis vantaxosa desde o punto de vista técnico nin económico e «mesmo sendo a que propoñía un prezo máis elevado nalgúns casos» e «gañando procedementos por exclusión das súas competidoras» sen que se xustificasen esas decisións. Tamén indica que existen indicios de que a firma da que Micaela Núñez Feijóo é directiva puido ter información privilexiada cando gañaba concursos con ofertas «axustadas ao prezo máximo de licitación» precisamente cando era a única que se presentaba a elas.

O deputado tamén apunta que na adxudicación de varios grandes contratos para servizos prestados en distintos lugares incumpríuse a Lei de Contratos Públicos que obrigaba a dividirlos en lotes, e que Eulen mesmo gañou concursos nos que a súa oferta fora declarada baixa temeraria, é dicir cunha oferta económica tan baixa que podería significar que non podería cumprila polo prezo estipulado ou facelo reducindo os salarios do seu persoal.

Así mesmo, destaca a coincidencia entre varias adxudicacións e os cesamentos e ascensos de altos cargos nos organismos adxudicatarios.

A semana pasada, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclamou ao Parlamento de Galicia que instase ao Consello de Contas a investigar os contratos da Xunta con Eulen, pero a proposta, apoiada polo PSOE, foi tombada pola maioría do Partido Popular.

Segundo fontes do grupo parlamentario de Unidas Podemos, non existe conflito de competencias entre o Consello de Contas e o Tribunal de Contas nin impedimento legal algún para que este investigue a actividade dunha administración autonómica. Ao contrario, xa que a lei lle encomenda con carácter xeral «a fiscalización externa, permanente e consuntiva da actividade económica do sector público», incluídas as comunidades autónomas, e «o axuizamento da responsabilidade contable de quen teña ao seu cargo o manexo de caudais ou efectos públicos».

As mesmas fontes engadiron que existe xurisprudencia do Tribunal Constitucional respecto diso que confirma esa función do Tribunal de Contas, e que esperan que a proposta salga adiante co apoio da maioría que apoia ao Goberno. Nese sentido, lembran que o PSOE acaba de presentar outra similar para que ese organismo investigue as contas da Deputación de Ourense, que preside Manuel Baltar, do PP.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail