El alcalde de Oleiros «abre a veda» contra Trump despois de que a xustiza avale a súa comparación entre Hitler e Netanyahu

A  Coruña.- O alcalde de Oleiros ordenou colocar nos paneis luminosos municipais unha fotografía dun xabaril co rostro do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e a lenda en galego «Ábrese a veda». En declaracións a Luzes-Público, o rexedor, Ángel García Seoane, Gelo para os seus veciños, xustificou os anuncios polos bombardeos de poboación civil en Gaza, Líbano e Irán.

«Hai fachas que me pediron que rectifique e que me retracte. De que teño que retractarme? A santo de que? O primeiro día desta guerra, Israel e Estados Unidos bombardearon unha escola infantil en Irán e mataron 165 nenas», explica o alcalde. «Un xabaril é unha besta, un animal que remove a terra e estraga as colleitas, o mesmo que está facendo Trump. É el quen está matando, e seguirá facéndoo ata que alguén o cace a el», engade.

O mandatario relata que ideou a campaña tras escoitar a mensaxe do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, o pasado mércores: «Non son do PSOE, pero pareceume unha reacción admirable e pregunteime que podía facer eu para apoialo». «A el, non ao seu partido», matiza. Gelo admite ser consciente de que a súa actitude podería custarlle represalias, pero afirma que non ten medo: «Morrerei defendendo as miñas ideas».

Medio dólar de recompensa por Trump

O pasado outono, García Seoane ordenou colocar nos luminosos municipais de Oleiros outra fotografía de Trump coa mensaxe en galego e inglés «Búscase. Wanted. Terrorista internacional. International terrorist. Recompensa: 0,50$». O rexedor xustificouno polo apoio de Trump ao xenocidio cometido polo Goberno de Israel contra os palestinos en Gaza, a persecución de inmigrantes nos EEUU e os ataques a embarcacións civís no Caribe. Cualificouno de asasino e de terrorista e lembrou que, tras perder as eleccións de 2021, intentara «un golpe de Estado no seu propio país».

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, no se despacho / J. O.

García Seoane é o líder de Alternativa dos Veciños, unha formación de esquerda independente que leva desde 1985 gobernando ininterrompidamente o municipio, onde consolidou un proxecto baseado na protección urbanística, o investimento en servizos sociais, a adquisición de superficies e inmobles para uso público e a protección da natureza e dos ecosistemas. A calidade de vida converteu Oleiros nun dos municipios de Galicia máis atractivos para vivir —e tamén dos máis caros— e atraeu as clases medias e altas da Coruña. Segundo os atlas de distribución da renda do Instituto Nacional de Estatística e da Axencia Tributaria, os ingresos medios por fogar en Oleiros superan os 47.000 euros anuais.

A pesar do cambio na estrutura social da poboación local, Gelo, que non considera un insulto que lle chamen comunista, arrasa nas eleccións incluso entre o electorado de dereitas. Nas municipais de maio de 2023 obtivo un 54,3% dos votos, máis do dobre que PP e Vox xuntos. Nas xerais de xullo dese ano, os de Alberto Núñez Feijóo e Santiago Abascal sumaron o 49,5% das papeletas, a unhas eleccións ás que Alternativa dos Veciños non se presentou —nunca o fai—.

O Mossad, a CIA e os espías españois

Exmilitante do Partido Comunista de España, amigo do falecido presidente cubano Fidel Castro e promotor dun rueiro que homenaxea o idioma, a cultura e a natureza de Galicia, á intelectualidade progresista e a políticos de esquerda de todo o mundo —incluída unha inmensa estatua de oito metros de altura dedicada ao revolucionario Ernesto Che Guevara nunha das avenidas máis transitadas do municipio—, García Seoane mantivo un discurso antiimperialista desde que fundou Alternativa dos Veciños en 1976.

«Israel e Estados Unidos bombardearon unha escola infantil en Irán e mataron 165 nenas. É Trump quen está matando, e o seguirá facendo ata que alguén o cace a el»

Asegura que foi espiado pola intelixencia española e polo Mossad, e mostrou as probas —un cable de 1991 da delegación da CIA en Madrid— que demostran que Estados Unidos tamén o tiña no punto de mira por burlar o bloqueo comercial decretado por Washington contra Cuba.

Tras a invasión de Iraq ordenada polo daquela presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, e a foto deste nas Azores cos seus homólogos José María Aznar (España), Tony Blair (Reino Unido) e José Manuel Durão Barroso (Portugal), o alcalde de Oleiros organizou o seu particular «Non á guerra» vendendo camisetas estampadas cun rolo de papel hixiénico decorado coa bandeira estadounidense e a lenda «USAme», e destinou o diñeiro a países invadidos polos EEUU.

Cable da CIA de 1991 no que se cita a Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros, pola súa relación co entonces presidente de Cuba, Fidel Castro

Ao ano seguinte emprendeu outra campaña contra o entón xefe do Estado de Israel, o ultradereitista Ariel Sharon, acusado de crimes de guerra en Palestina desde os anos oitenta. Gelo sostén que iso lle valeu unha chamada do embaixador dese país en Madrid, que o tería ameazado gravemente, aínda que o diplomático se apresurou a desmentilo.

Co inicio do exterminio de palestinos en Gaza en outubro de 2023 tras os atentados terroristas de Hamas o día 7 dese mes, os luminosos municipais de Oleiros tamén mostraron lemas contra o Goberno de Israel e o seu presidente, Benjamin Netanyahu, que aparecía nunha fotomontaxe, ao xeito do Trump-xabaril, xunto a Adolf Hitler, coa frase en galego «Mesmas bestas asasinas».

Sentenzas contra un lobby israelí

O pasado 31 de xaneiro, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña desestimou o recurso de ACOM contra a sentenza de primeira instancia que rexeitara un mes antes o recurso no que a asociación reclamaba a anulación da decisión do alcalde de comparar a Netanyahu con Hitler, que consideraba unha «distorsión do Holocausto», «un exemplo inequívoco de antisemitismo moderno» e de «odio contra os xudeus e o que representan».

No seu fallo, que xa é firme, a maxistrada Rosa Agrasso Barbeito nega ese argumento e lembra que a mensaxe contra o primeiro ministro israelí «nada refire sobre a condición de xudeu de Benjamin Netanyahu, nin se lle ataca por esta condición, senón pola masacre á que está sometendo o pobo palestino, manifestación que tamén recollen o presidente de España, ministros da nosa nación, membros da UE, a ONU e o Tribunal Penal Internacional». «Aínda que Benjamin Netanyahu sexa primeiro ministro do Estado de Israel, non hai un ataque ao pobo xudeu, ao Estado de Israel, nin sequera ao Goberno do Estado de Israel […]. O que non pode admitirse é que só se poida falar de xenocidio ou masacre fronte a nacionais cando se trata de israelís e non doutras razas ou nacionais doutros países», conclúe.

O alcalde valorou este xoves esa posición dos tribunais, lembrou que el non ten nada contra a cidadanía de Israel —«nunca ataquei o pobo xudeu», comenta—, e alerta de que Facebook borrou a publicación na que se facía eco da sentenza.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail