A Coruña.- A ampliación do hospital da Coruña ía ser a infraestrutura estrela da cuarta lexislatura de Alberto Núñez Feijóo na Xunta. Cun investimento de 395 millóns de euros, pretendía resolver as graves carencias do maior centro sanitario da cidade, que xa ten medio século de antigüidade. É unha obra complexa e polémica, que inclúe expropiar unha trintena de vivendas do barrio de Eirís nas que viven un centenar de persoas. Polémica tamén porque o que moitos cidadáns, traballadores e usuarios da sanidade pública reclaman é un hospital novo, e non un vello parcheado nunhas condicións que os afectados aventuran dificilmente compatibles coa actividade sanitaria.
Feijóo anunciou os seus plans para o hospital da Coruña en 2018, e en 2021 asegurou que o primeiro edificio froito da ampliación entraría en servizo a principios do 2022. Cinco anos despois, e con Feijóo desde hai un en Madrid, as obras nin sequera comezaron, aínda que o seu orzamento xa tivo que ser revisado varias veces á alza. Ademais, o enfrontamento entre a Xunta de Alfonso Rueda (PP), sucesor en Galicia do presidente estatal do partido, e o Concello de Inés Rey (PSOE), ameaza con eternizar a parálise. En canto ás familias afectadas, aínda non saben cando perderán as súas casas, nin con que cantidades van indemnizalas, nin se a Xunta e o Concello prevén a darlles alternativas de realoxamento, nin como van poder refacer as súas vidas.
«Levamos anos vivindo unha tortura», aseguran. Entre eles está Lourdes Cordero, desde hai 30 anos médico intensivista no hospital. Ten tres fillas e hai 15 adquiriu unha vivenda co seu marido nunha zona próxima ao centro sanitario cunha hipoteca da que aínda quedan outros 15 anos por pagar. No seu día informáronse do plan de ampliación do hospital, que non afectaba á súa casa. Pero hai tres anos viron na prensa unha montaxe fotográfica da remodelación, na que o seu barrio desaparecía devorado polo proxecto. Aínda que ninguén lles informou de cando lles obrigarán a marcharse. «Non temos nin un só papel, nin un documento oficial, nada por escrito, nin sequera sabemos se existe unha taxación das nosas casas. Só o que o Concello e a Xunta nos dixeron de palabra: que temos que marchar», asegura.
O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) levantouse a principios dos setenta nun outeiro rochoso de difícil acceso situada sobre a ría á entrada da cidade. Franco inaugurouno en 1972 co nome dun falanxista local que conservou ata 2008. Durante anos foi o hospital máis grande de Galicia, e dos primeiros de España en realizar transplantes de ril, fígado e corazón. Xa se quedou pequeno hai vinte anos cando se emprendeu unha primeira ampliación que non resolveu moitos dos problemas de espazo e de accesibilidade, nin de deterioración de numerosas instalacións.
Agora a Xunta do PP e o Concello do PSOE falan do «novo CHUAC» a pesar de que, segundo os afectados, non se construirá un hospital novo senón que se ampliará o xa existente, mantendo moitas das súas limitacións. Unha acción que mesmo a conselleira de Infraestruturas da Xunta, Ethel Vázquez, considera «titánica». Obrigará a levantar enormes viadutos, a desviar durante anos o tráfico nunha das dúas principais entradas por estrada á cidade; a empregar maquinaria pesada para escavar sobre roca viva a poucos metros de quirófanos, despachos e cuartos; a derrubar edificios vellos e construír os novos en parcelas graduadas sen apenas continuidade; a reacoller aos doentes e ao persoal nas zonas que vaian entrando en obras ou sexan afectadas por elas… E a compaxinar todo iso cunha actividade hospitalaria xa tensa que terá de todo menos acougo e tranquilidade. «Van a deshumanizar por completo o hospital», advirte Cordero.
«Os cidadáns da Coruña deben saber o que lles espera, xa sexa como pacientes ou familiares, durante os anos que duren as obras, rodeados de ruído e cascallos, con estradas cortadas e po por milleiros», engade Óscar García, cuxa familia habita desde hai medio século outra das vivendas en perigo.
Como el, os veciños de Eirís e quen se opón ao proxecto alertan de que «encerrará» ao hospital nun «cinto viario» de difícil acceso, tamén para o transporte público, e sen posibilidade algunha de ampliación futura, «cunha elevadísima densidade de edificación» que danará enormemente a contorna. Os vehículos, ambulancias incluídas, circularán por pronunciadas costas elevadas a escasos metros das xanelas das habitacións dos enfermos nos novos edificios, construídos sobre unha gran pendente acantilada. E todo acabará redundando, ao seu xuízo, nun investimento moito maior da prevista.
En 2021, a Xunta elevou a 457 millóns de euros o orzamento de 395 millóns que Feijóo anunciara un ano antes. E hai unha semana, a conselleira de Infraestruturas falou nunha entrevista para La Voz de Galicia dun investimento de «máis de 500 millóns de euros». Son máis de 105 millóns máis do previsto inicialmente, un sobrecusto do 25% sen que se teñan iniciado as obras. Os veciños cren que esas cantidades se elevarán por encima dos 600 ou mesmo os 700 millóns, e denuncian que ese gasto só servirá para aumentar nun 15% as camas que xa ten o hospital.
«É absurdo non empregar ese diñeiro en construír un novo», afirma Roberto Lameiro. Rexenta unha gardería con 86 pequenos alumnos nunha zona pola que, segundo as montaxes fotográficas cos que a Xunta acompaña as súas notas de prensa, pasará un viaduto con piares de quince metros. Lameiro lembra ademais os cambios repentinos que sufriu o proxecto. En outubro de 2020, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) da Xunta aprobou un documento no que se recomendaba a opción de construír un novo hospital nos terreos públicos da antiga fábrica de armas, situados a 1.500 metros en liña recta do actual nunha parcela plana moito máis grande, mellor comunicada e na que non faría falta expropiar a ninguén. A véspera da Noiteboa dese mesmo ano, apenas dous meses despois de aprobalo, o Sergas desdíxose daquela decisión, atribuíuna a «un erro» e, sen máis explicacións, tombou a idea de construír un novo hospital e deu por bo o plan para ampliar o vello.
O Sergas non responde
Luzes-Público preguntou á Consellería de Sanidade da Xunta polas razóns que motivaron aquel abrupto cambio para saber en que consistiu o «erro» que levou a unha modificación tan substancial dun proxecto de semellante envergadura, pero non obtivo resposta. O certo é que poucas semanas despois de que se emendase a primeira decisión, en xaneiro de 2021, Feijóo e a alcaldesa da Coruña asinaron un convenio para darlle un respaldo ao proxecto que se presumía definitivo, e anunciaron que o primeiro edificio estaría concluído en 14 meses.
Transcorridos máis de dous anos, con todo, aínda non se moveu nin unha pedra. A Xunta culpa agora ao equipo de Inés Rey de enganala, modificando o convenio e aprobando en pleno, co único voto en contra dunha concelleira de Podemos, un distinto ao que Feijóo asinara. Supostamente, segundo a Xunta, o Concello pretendería facerse coa titularidade do hospital e os seus terreos, incluídos os que se expropiarán. O Goberno local, pola súa banda, ademite que modificou o texto, pero asegura que os cambios foron nimios e destinados só a adaptalo á legalidade. Luzes-Público tamén preguntou ao executivo de Inés Rey por esa modificación, pero fontes próximas á alcaldesa eludiron dar máis explicacións e atribuíron o agravio á proximidade das eleccións locais e á suposta intención da Xunta de desgastar ao Goberno socialista.
Mentres tanto, as trinta familias que xa viron desaparecer as súas casas nas montaxes fotográficas do que a Xunta e o Concello chaman «novo CHUAC», pero que non é outra cousa que o vello ampliado, seguen esperando a que alguén lles diga algo. Algúns foron chamados a reunións individuais en Santiago onde responsables do Executivo autonómico lles insinuáron a posibilidade de que accedan a parcelas nunha zona próxima, pero sen detallar onde exactamente, nin cando, nin por que cantidades, nin como nin onde terán que vivir mentres poidan facerse alí unha nova casa. E sen darlles absolutamente nada por escrito. «Infórmannos a través da prensa», ironiza Óscar García.
A Consellería de Infraestruturas da Xunta asegurou a Luzes-Público que «será sensible» cos afectados, e sinala que xa se buscaron «alternativas de emprazamento» para ofrecerlles «a posibilidade de recolocación das súas vivendas na mesma zona», en «terreos urbanizados pola Xunta no marco das obras»de ampliación do hospital.
«Os propietarios teñen a opción de rexeitar a posibilidade de realoxamento, o que lles dá dereito a obter o importe da valoración da súa vivenda, de forma que se lles facilite a adquisición dunha nova. Ademais, poden optar ao pago en especie co terreo máis o importe da valoración da vivenda, descontado o da taxación dos novos terreos», explican fontes do departamento de Ethel Vázquez, que engaden que nas próximas semanas se publicarán os documentos coa relación de bens e dereitos afectados e o proxecto de urbanización.
Pola súa banda, os afectados, que xa celebraron varias protestas e agrupáronse ao redor dunha plataforma cidadá, anuncian máis mobilizacións. «Dámoslles igual, nós e o resto. Nin unha resposta, nin unha mostra de empatía. Agora tocan eleccións, que se lles vexa o plumeiro», advirten. Aseguran que a súa causa conta co apoio dos profesionais sanitarios e das organizacións que defenden a sanidade pública, que alertan de que en plena crise do modelo sanitario polos recortes orzamentarios que a deixaron sen médicos, «non ten sentido un investimento millonario en cemento que supón a peor localización, orientación e alternativa» das posibles.