A chegada de VOX ás institucións significou un cambio non pequeno para o conxunto da sociedade española. Vociferan abondo e conseguen, en máis ocasións das desexadas, impoñer axendas mediáticas e chantaxear a algúns gobernos -Murcia, Andalucía, Madrid-, retirándolles o seu apoio se non se aproba esta ou aqueloutra medida. Ultimamente mesmo volven co do «pin parental».
Está claro que unha das frontes dilectas da tal organización política é a que ten que ver co desexo, o sexo e o xénero. Véxase canto se expresan en cuestión de diversidade afectivo-sexual, identidade de xénero, dereitos e reivindicacións LGTBQ e dereitos e liberdades das mulleres. Entran nisto como un trebón: non hai violencia de xénero, non; as mulleres asasinadas por varóns teñen para eles a mesma consideración que todos os outros asasinatos cometidos no ámbito familiar; englóbanos todos baixo a etiqueta de violencia doméstica.
Non hai violencia de xénero, non; as mulleres asasinadas por varóns teñen para eles a mesma consideración que todos os outros asasinatos cometidos no ámbito familiar
Non diriamos nada se só fose cuestión de nomenclatura, pero a cousa vai máis aló. É a negación dunha violencia que emerxe da desigualdade, da discriminación e da subalternidade das mulleres; da preeminencia dos varóns upada secularmente por poderes relixiosos, políticos, militares e económicos. Preeminencia que o feminismo fixo retroceder e que eles queren, a toda costa, recuperar e perpetuar.
Tanto lles teñen os datos dos órganos oficiais, pois predican contra a realidade sementando ventos (os que logo recollerán tempestades). Segundo datos do CGPJ, no trienio 2016-2018, 151 mulleres foron asasinadas polos seus maridos, parellas ou exparellas; fronte a elas, no mesmo período, 22 varóns asasinados polas súas mulleres, parellas ou exparellas.
Segundo datos do CGPJ, no trienio 2016-2018, 151 mulleres foron asasinadas polos seus maridos, parellas ou exparellas; fronte a elas, no mesmo período, 22 varóns
Os de VOX tampouco dubidan en imputar a maioría de asasinatos e outros delitos a persoas «non-nacionais», ás que, sen datos nin comprobación algunha, cualifican de delincuentes. Os datos están aí; no período sinalado, o 64,9 % dos agresores eran españois, fronte ao 35,1% de agresores «non-nacionais». Nesa mesma liña, deron canta matraca quixeron co tema das denuncias falsas.
O 64,9 % dos agresores eran españois, fronte ao 35,1% de agresores «non-nacionais»
Desde hai tempo, impórtalles coar a cuña do «pin parental». Resulta que as autoridades académicas, o profesorado e as autoridades dos centros escolares non son quen de fixar currículos, deseñar actividades complementarias e extraescolares para a formación do alumnado. Era boa!… Son os país (e as nais?) os que deciden a que actividades acoden ou non os seus fillos. Non vaia ser que nos centros escolares aprendan a pensar algo distinto do que idean uns pais integristas.
Os esforzos despregados para patoloxizar e criminalizar a libre expresión dos corpos e dos desexos sexuais, a autodeterminación do xénero e calquera transgresión das normas impostas polo nacional-catolicismo, indícanos que neste terreo estamo a xogarnos cousas importantes: cuestións relacionadas coa organización social, as relación interpersoais e a felicidade individual. Liberdades que obscenamente queren subxugar.
Outro campo de combate importante é o da provocación, ao que non lles debería entrar ninguén para non lles dar pé. Queren incendiar e sementar dúbidas, ventos, mentiras e golpear simbolicamente en lugares sensibles.
Un último exemplo: Converter o 8 de Marzo, en Día das Vítimas da Covid-19. Merece una liña?: non, nada.
Un territorio máis complexo é o da creación dunha realidade virtual paralela a través de Whatsapp, Telegram, Instagram, etc. «Adoutrinando», con máis ou menos sutileza, os seus seguidores. O uso de técnicas desinformativas, converten temores en feitos, manipulando fantasmas colectivos, promovendo o espallamento de teorías conspirativas e dotando doutro sentido as palabras incansablemente repetidas. Procuran, evidentemente, crear unha comunicación particular cos seus simpatizantes, a LEDP, Lingua da Extrema Dereita Populista, segundo explican Jorge Gaup e Germán Labrador Méndez neste artigo na revista CTXT.
Está claro que os «interfectos», non son unha broma, poden vestir de demócratas e non o son. Non teñen présa, queren gañar forzas e, polo de agora, confórmanse con usar métodos simbolicamente violentos. O traballo para toldar o clima político nas institucións, o insulto, a mentira, a teima en apoñer adxectivos descualificadores ao Goberno de coalición, as organización de nacionalismo periférico, as organización que fan traballo social de base, as ONG que non lles gustan, as organización feministas, as organización que defenden dereitos e liberdades LGTBQ, o traballo de acollida e solidariedade cos migrantes con e sen papeis… Unha longa listaxe que pon en evidencia que cando falan de unidade, de españois, de…, non están pensando no que a maioría das persoas pensamos ao usar estas palabras, senón na xente que eles consideran que son «verdadeiros españois».
A convivencia, na diversidade e pluralidade da nosa sociedade, non é cousa que lles interese. De aí o traballo destinado (boa parte del, fóra de foco) a tensar e dificultar ese ben, non sempre fácil, que é a boa coexistencia.