Avante Lisístrata!

A foto de 1875 mostra a celebración do cambio da condición legal de servas a obreiras en Gran Bretaña, gañando o dereito á folga. Unha das pancartas reza «os patróns teñen riqueza, nós temos o poder da reprodución». A carga da reprodución, o poder da reprodución, segue nas mans e nas costas das mulleres incluso cando nos incorporamos masivamente á produción.

Cento vinte anos despois, a conferencia da ONU en Beijing de 1995 marcaba obxectivos do planeta na redución das diferenzas de xénero, da violencia contra as mulleres e nenas, da capacidade de decidir sobre o propio corpo. Obxectivos que hoxe semellan papel mollado cando ollamos por todo o mundo datos de feminicidios, trata, explotación, violacións, mutilacións e desigualdades que arrepían. E na «casa», malia declaracións políticas e campañas publicitarias, as enquisas do uso do tempo non mostran avances no equilibrio de xénero do traballo reprodutivo, os recortes do Estado de Benestar fan que as administracións reduzan o seu papel nese espazo, a fenda salarial e das pensións non se reduce e o teito de cristal azóugase para agocharnos o alén.

Como sempre ao redor do 8M, estes días os medios resaltan os datos da desigualdade e mostran canto motivo temos para protestar. Porque os compromisos coa igualdade para as mulleres son os primeiros en decaer, resultan irrelevantes para os gobernos -nomeadamente pero non só- da dereita, tan prestos en situarse nas fotos do politicamente correcto como remisos en dotar os recursos e servizos necesarios e defender os dereitos conquistados. De xeito que o movemento feminista reméxese -na súa diversidade- contra a compracencia do «moito» que se avanzou e ante a impotencia do difícil de avanzar.

A folga é o instrumento das oprimidas para advertir: o que tedes dámosvolo nós, cheguemos a un acordo xusto, porque a vosa riqueza non pode estar baseada na nosa explotación, na nosa abnegación, na nosa renuncia, na nosa morte

Desta volta, propónsenos algo máis que ocupar a rúa por unhas horas. Na liña doutras accións como #metoo, propias dunha sociedade mediática, queremos ter impacto, producir un shock. Mostrar ao mundo e a nós mesmas, a magnitude dos poderes das mulleres, do da produción e do da reprodución. Trátase ao tempo dunha advertencia: sen nós o mundo párase, desaparece. A folga é o instrumento das oprimidas para mostrar o poder, advertir, ameazar os patróns, o sistema capitalista-patriarcal: o que tedes dámosvolo nós, cheguemos a un acordo xusto, porque a vosa riqueza non pode estar baseada na nosa explotación, na nosa abnegación, na nosa renuncia, na nosa morte.

Así que o xoves paramos. Paramos no traballo remunerado, algunhas dúas horas, outras o día todo, moitas non podemos parar porque estamos no paro, ou porque conformamos un exército precario carente de dereitos reais mínimos. Paramos no traballo non remunerado, a non facer a compra, cociñar, pasar o ferro, poñer a lavadora, levar ás fillas ou netas ao cole… cos límites que ten parar a vida sen servizos mínimos. Paramos como acción política, para ser vistas e oídas, para ser noticia, ocupar portadas e crear unha onda de presión que faga mudar algo, que leve algo por diante.

A Lisístrata de Aristófanes convoca as mulleres para ocupar a acrópole e facer unha folga de sexo até os varóns restaurar a paz e o diálogo. Lonxe do puritanismo. Transgresión e humor, as mellores armas do feminismo

É unha folga de mulleres. Os varóns solidarios teñen neste día a oportunidade de calar, de coidar o que non coidan acotío, atender, entender e cambiar: poñerse un veo na cabeza por un día e oxalá -algúns- para sempre. Cando Lisístrata pide silencio ao comisario para lles explicar o por que da folga, el bérralle: «calar eu porque ti o digas, zorra, que levas un veo na cabeza? antes morro». «Pois se é un obstáculo», resposta ela, «colle o veo, pono na túa cabeza e logo cala».

Unha folga de mulleres. A Lisístrata de Aristófanes, na Grecia de hai 2500 anos, convoca a diversidade das mulleres, beocias e corintias, espartanas e atenienses, novas e vellas, para ocupar a acrópole e facer unha folga de sexo até os varóns restaurar a paz e o diálogo. Lonxe do puritanismo da linguaxe ou a acción, co sentido do humor que dá a conciencia das dificultades do camiño. Transgresión e humor, as mellores armas do feminismo.

Lisístrata estará entre nós o xoves, porque como daquela, se xuntamos aquí as mulleres, as dos beocios, as dos peloponesos e nós, todas xuntas salvaremos Grecia. Avante Lisístrata!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail