Louzán, as urxencias e a connivencia

Galicia, unha vez máis pioneira. Neste caso, na xurisprudencia administrativa. O Tribunal Supremo absolveu a Rafael Louzán do delito de prevaricación porque se é ben certo que o hoxe presidente da RFEF e daquela da Deputación de Pontevedra inventou un concurso público para darlle uns cartos a unha empresa determinada, foi para pagar unhas obras acordadas mediante «connivencia» (sic) dos involucrados. O «ti vai facendo» ratificado pola alta xurisprudencia.

Pero non só somos pioneiros na superación na Lei de Contratos pola vía dos feitos. Tamén o somos en terceira idade tecnolóxica. Os nosos vellos, e vellas, controlan que te cagas os trebellos, segundo o conselleiro do ramo. E se podes distraerte fedellando no aparato, que necesidade teñen de ir ao centro de saúde? Con mirar en Google que lles pasa e pedir o remedio por Amazon, amañado.

Igual de rauda foi a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez e/ou o presidente Rueda. Como o BNG e os seus secuaces tiñan ameazados aos funcionarios para que non emitiran informes a favor da instalación de Altri, nunha xogada mestra e secreta cambiou aos responsables de facer eses informes por xente menos sensible (unha delas, causalmente casada co director de Ence-Pontevedra), tal e como conta neste mesma web o compañeiro Juan Oliver.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail