Alfonso Rueda: de perfil baixo a perfil propio

O poder de predición dos Simpson está hoxe fóra de toda discusión. Desde o asalto ao Capitolio no 2021 ata a iluminación do Nadal de Málaga, a popular serie fixo as delicias do público adiantándose a numerosos acontecementos da historia recente. Con todo, en Galicia temos a nosa propia versión literaria na poesía de Rosalía de Castro. Nela aparecen a saúde mental, a violación, o tomar a xustiza pola man, o encaixe en determinados estereotipos de xénero, a pobreza, o abuso dos que teñen diñeiro, a emigración… Dá igual o tema, seguramente a escritora galega por antonomasia xa o dixo antes. E díxoo ben.

Tanto é así que a chegada á presidencia da Xunta de Galicia de Alfonso Rueda (Pontevedra, 1968) parece o inicio dun dos seus poemas máis famosos: “Este vaise y aquél vaise, e todos, todos se van“. Foise Núñez Feijóo, o seu antecesor, e levou con el moitas persoas daa corte, porque Madrid pode ser España e España, Madrid, pero alí cada vez se fala máis con acento galego. O seu eterno delfín quedou.

Destacado Alfonso Rueda era un coñecido descoñecido en Galicia ata que herdou de Feijóo a presidencia da Xunta

Alfonso Rueda era un coñecido descoñecido en Galicia. De feito, nas anteriores eleccións presentouse como número 3 por Pontevedra. Case non chega nin ao podio. Parecían non gustarlle os focos ao home que ostentara a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 2009 ao 2020, a de Presidencia, Xustiza e Turismo de 2020 a 2022 e a vicepresidencia da Xunta do 2012 ao 2020, ademais de ser secretario xeral do Partido Popular de Galicia do 2006 ao 2016.

Queda máis que claro que cando Feijóo o nomeou o seu sucesor, o actual presidente da Xunta non era novo por alí. Con todo, a campaña do partido para os comicios do 18 de febreiro céntrase, principalmente, en potenciar a súa figura. O seu posto dálle visibilidade, pero non a suficiente. A sombra de funcionario gris que arrastra é demasiado alongada, e a penumbra que proxecta o hiperliderado do seu antecesor, demasiado ancha.

As voraces sombras de Rueda

A referencia a Delibes podería cambiarse, en Galicia, por outra do mestre Agustín Fernández Paz: as voraces sombras de Rueda. En 2010 o escritor vilalbés, dous anos despois de recibir o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, rexeitou o Premio da Cultura Galega da Xunta remitindo ao manifesto Rosalía de Castro nunca aceptaría este Premio. Nel denunciábase que o Goberno galego lexislara por vez primeira en contra da nosa lingua, algo ao que non se atreveu nin Fraga unha vez sentado no Pazo de Raxoi. Ese mesmo Fraga que lle dixo a un novo Mariano Rajoy que se quería prosperar en política tiña que facer dúas cousas: casar e aprender galego.

Á vista está que Rajoy seguiu o consello a medias. Rueda, xa casado, terminou de poñelo en práctica unha vez erixido presidente, pois ata ese momento as súas redes sociais estaban en castelán. O presidente galego mesmo se manifestou en contra dunha suposta «ditadura lingüística» na nosa comunidade da man da asociación Galicia Bilingüe, agora integrada en Falamos Español.

Rueda móvese con comodidade nos segundos planos, como se preferira pasar desapercibido

Foi precisamente o seu perfil baixo o que interesou a Feijóo alá por 2005, cando lle encomendou reconstruír o partido tras o Prestige, a marcha de Fraga e a perda do Goberno galego. Naquela época, Rueda era o presidente de Novas Xeracións de Pontevedra e fora xefe de gabinete de Xesús Palmou e director xeral de Administración Local da Xunta, desatendendo o consello do seu pai: «Non te metas en política».

Quizais aí radique o seu querer pasar desapercibido e a súa comodidade nos segundos planos: o seu proxenitor, concelleiro, senador e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, caeu en desgraza ao aliñarse co vicepresidente José Luis Barreiro no enfrontamento que este mantivo co presidente da Xunta Fernández Albor. Fiel a Barreiro, afiliouse a Coalición Galega e foi o seu número 2 nas listas de 1989 por Pontevedra. O seu fillo Alfonso votoulle e mesmo fixo de interventor para o partido, pero non saíu elixido.

 

Poucos anos despois, a principios dos 90, Rueda «o novo» xa formaba parte do PP de Galicia. Licenciouse en dereito, sacou as oposicións e exerceu como secretario municipal de diversos concellos ata que a vocación política chamou á súa porta. E ata agora.

No ámbito privado, o presidente da Xunta tivo dúas fillas coa súa noiva da universidade e este Nadal releu Ollos de auga, primeiro libro da triloxía do tristemente falecido Domingo Villar. Tamén é amante do running, polo que a foto correndo na xornada de reflexión non será forzada. Estivo a piques de deixar a política porque sentía que non dedicaba á súa vida familiar o suficiente tempo. Os que o coñecen din del que é unha persoa que gaña no trato directo.

O presidente do PP ten un aura de bonhomía que non é innata como a de Rueda, pero que loce moito máis que a do seu escudeiro.

En contra do que as súas proxeccións públicas dan a entender, afirman que é moito máis afable e ruador que Feijóo, que se movía ben no discurso de masas, pero que tivo que traballar moito a súa imaxe máis próxima para os e as votantes. A xogada saíu ben: o agora presidente do PP a nivel estatal ten ao seu ao redor un aura de bonhomía que non é innata como a de Rueda, pero que loce moito máis que a do seu eterno escudeiro.

Quizais por iso comezaron a mobilizar o autobús preelectoral xa en outubro e volvérono sacar no vídeo de felicitación de Nadal do PP de Galicia, porque «saber facer / a propia casa / fai tamén pobo», escribiu María Reimóndez no seu poemario Galicia en bus.

Alicerces feijooístas

O presidente da Xunta necesita levantar a súa propia casa sobre os alicerces feijooístas, evitando o ladrillo importado de Madrid, que aparece no vídeo facendo un cameo nun cartel no que pode lerse «Gústame a froita». E isto a pesar de que Rueda afirmou en decembro que non ía falar en «clave nacional» nesta campaña, para engadir despois que Pedro Sánchez era «o seu gran rival».

O que está claro é que o político que avanzou na súa carreira como segundo de Feijóo ten como reto debuxar perfil propio e asentar a súa figura como líder sen depender de ninguén. Xa non son Os dous de sempre, que diría Castelao (salvando todas as distancias co argumento da novela): é só Alfonso Rueda, o candidato do Partido Popular de Galicia, sen tutelas nin tutías. Disposto a ser presidente da Xunta por méritos propios (as enquisas din que roza a maioría absoluta) e non só porque este vaise y aquél vaise, e todos, todos se van.

Sobre todo, porque din dos galegos e as galegas que sempre queremos volver.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail