O papel dos medios nunha sociedade democrática

Non é concibible un modelo de sociedade, calquera que sexa a súa estrutura política, na que os medios de comunicación non teñan un papel preponderante e unha intensa capacidade para interferir, coas súas informacións e opinións, na vida política, económica e social dun país. Na práctica totalidade dos sistemas políticos, cando se trata de exercer a liberdade de prensa e o dereito a unha información veraz, atopámonos cunha realidade que dista moito de satisfacer estes ideais. Os cidadáns teñen dereito a unha información veraz e contrastada, pero a realidade que estamos vivindo non parece responder a esta esixencia democrática. Os obstáculos son de diferente signo, pero de idénticos resultados. O perigo provén do dirixismo dos propietarios e da opacidade dos gobernantes que se escudan na barreira dos segredos oficiais.

1. É posible, no mundo actual, unha comunicación veraz e libre? Albergo serias dúbidas sobre a posibilidade de dispoñer maioritariamente dunha información despoxada de ataduras e condicionantes. Vivimos nun mundo cunha capacidade ilimitada de emitir e lanzar ao espazo toda clase de noticias e comentarios. O Homo Sapiens que describe Yuval Noah Harari non pode abarcar todo o espectro de comunicacións que recibe dos diferentes medios de comunicación. A Galaxia Gutenberg viuse desbordada e case eliminada por outros medios audiovisuais que dispoñen dun potencial tecnolóxico capaz de almacenar –no espazo que acertadamente se definiu como a nube– o presente e o pasado de toda clase de información. As informacións algunhas veces son veraces e na maioría dos casos deliberadamente falsas. Noah Harari admite resignadamente que nos atopamos vivindo nunha terrible era dunha posverdade construída sobre a base de repetir ata o infinito a mentira. Mirando cara atrás sen ira, penso que máis ben con melancolía, pregunta: cando exactamente tivo lugar a era dourada da verdade? Dende logo, non no momento presente.

2. Impacto das plataformas dixitais. Información ou negocio? Tendencia ao monopolio. As plataformas dixitais concibíronse como un negocio e non como un instrumento ao servizo da comunicación e da información. Inexorablemente, romperon os principios ou regras do capitalismo, eliminando a liberdade de mercado, converténdose en monopolios personalistas. Teñen nomes e apelidos: Mark Zuckerberg, Bill Gates, Jeff Bezos e Elon Musk son os donos e señores destes inmensos poderes que deberían estar controlados polos gobernos coma calquera outra corporación financeira ou industrial. As manobras especulativas, e en certo modo aloucadas de Elon Musk, puxeron ao descuberto a fraxilidade e a insensatez de personaxes que se moven como figuras relevantes nas elites mundiais.

3. Os medios de comunicación respectan as regras dunha sociedade democrática? Os que exercen a titularidade dos grandes medios de comunicación poden dosificar e mesmo manipular a información. Con honrosas excepcións, non permiten que se lles escape o control das liñas editoriais e o nesgo da comunicación. Os principios reitores da ética xornalística incomódanos. Cando a falsidade ou a tendenciosidade das súas informacións os faga incorrer en responsabilidades civís ou penais, dispoñen dunha potente maquinaria legal para facer fronte ás reclamacións. Os grandes titulares que abren as portadas da maioría dos nosos xornais servirían para un mestrado de ética periodística nas nosas facultades de Ciencias da Información.

4. Os medios de comunicación ao servizo dunha política de bloques. Ante a invasión rusa, primeiro de Crimea, co silencio cómplice de toda a comunidade internacional e, de momento, da República Popular de Lugansk e da República Popular de Donetsk, moitos medios de comunicación situáronse a favor de posturas políticas, esgrimidas polos Estados Unidos e seguidas sen opcións propias pola Unión Europea. Pechóusenos o acceso aos medios de comunicación rusos e non podemos contrastar as informacións. Alguén no seu san xuízo pensa que a Rusia lle pode pasar pola cabeza bombardear unha central nuclear situada a escasos quilómetros da súa fronteira, cuxas consecuencias devastadoras a alcanzarían irremediablemente cuns efectos aínda máis desastrosos ca os de Chernóbil? Por favor, non nos tomen por idiotas.

Os medios de comunicación prestarían un gran servizo á paz mundial se intensifican, nos seus editoriais e artigos de opinión, a necesidade de suspender o envío de armamentos e incrementar as conversas diplomáticas.   

5. A presión dos medios de comunicación sobre os tribunais de xustiza. Pola miña profesión e por moverme dende hai moitos anos no mundo do dereito, preocúpame especialmente o aliñamento dos medios de comunicación ante conflitos políticos xudicializados ou cuestións relacionadas co avance e a conquista de dereitos. Nos meus dous últimos libros, El Gobierno de las togas e La guerra de los jueces (Catarata), denuncio os casos xudiciais relevantes que desembocaron en condenas incompatibles co sistema democrático e o principio da división de poderes. Entre outros moitos, merecen especial mención as condenas a moitos políticos nos xuízos dos ERE de Andalucía, o proceso aos independentistas cataláns ou a sistemática persecución xudicial contra o partido político Podemos e o no seu momento líder Pablo Iglesias. En todos estes casos a presión de moitos medios de comunicación condicionou e alentou o sentido das resolucións xudiciais. No noso país, a presión dos medios sobre os xuíces que instrúen ou xulgan casos de relevancia política supera as barreiras do permisible nunha sociedade democrática.

6. Os medios de comunicación ao servizo das grandes corporacións financeiras e industriais. A ninguén pode estrañar que os grandes poderes tecnolóxicos, industriais e financeiros teñan interese en controlar os medios de comunicación para preservar os seus intereses. Pero un sistema democrático esixe transparencia e responsabilidade, non só aos poderes públicos, senón tamén ás corporacións, asociacións e cidadáns. No debate entre a supremacía do público e o privado, non pode estrañar que os medios de comunicación financiados exclusivamente por fondos de inversión se decanten por unha cuestionable superioridade da xestión dos intereses públicos por empresas privadas, fronte á imperativa obriga dos poderes públicos, por mandato constitucional, de promover e fomentar as condicións favorables para o progreso social e económico. Nestes momentos impúxose un neoliberalismo desbocado que pretende acabar co Estado, coincidindo paradoxalmente co anarquismo máis ortodoxo. As consecuencias negativas destas teorías sófreas unha clase media traballadora, abocada a unha perda progresiva da capacidade de benestar e de acceso aos servizos públicos fundamentais como a saúde, o ensino, o desemprego ou as pensións.

Os medios de comunicación teñen a obriga de conceder espazos aos sindicatos e asociacións e abrir o debate, como xa fan algúns, publicando tribunas de personalidades do mundo da economía como Paul Krugman, Joseph Stiglitz ou Thomas Piketty, que rebaten, con análises científicas, a falsidade e a impostura política dos neoliberais.

7. A pluralidade informativa fainos máis libres? Incuestionablemente si. A realidade non é obxectiva por moito que así intentemos reflectila. A súa percepción é moi distinta  segundo a persoa que recibe a información.

Os grandes medios periodísticos tradicionais consolidáronse grazas á busca da obxectividade e da neutralidade. Sempre foron un escuro obxecto de desexo dos poderosos. Pero non só os intereses financeiros e económicos son un perigo para a liberdade de información, algúns gobernos pretenden subordinar a información á propaganda.

Ante a existencia inevitable das novas tecnoloxías da información, pódese e débese aproveitar a súa versatilidade. O exemplo máis potente e irrefutable da súa alternatividade atopámolo na enerxía nuclear. Naceu lamentablemente como unha arma de destrución masiva que nos debe avergoñar a todos como seres humanos, mais encontráronse alternativas para xerar enerxías que serven para o desenvolvemento da economía e da vida e mesmo se atoparon aplicacións na medicina. Non podemos darnos por vencidos e abandonar a loita, hai un espazo e unha obriga de reverter os efectos negativos da posverdade e do metaverso que ofrece a Internet e poñelos ao servizo da verdade e do pluralismo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail