A pena e a ira

En 2015 Pixar estrea Inside Out, unha película de animación distribuída por Disney. Conta as peripecias dunha nena preadolescente, Riley, vistas dende o seu interior, protagonizadas polas súas emocións que toman corpo e vida propia, e que se aquendan e compiten para manexar a súa «máquina» cerebral e orientarlle a conduta. Tivo bastante éxito de recadación, de público, e varios premios aquel ano como o Oscar e Golden Globe a mellor película de animación. Ten, na miña opinión, un potencial didáctico como recurso educativo que foi pouco aproveitado, xa que incorpora no guión as últimas teorías da neurociencia de xeito moi comprensible para a infancia. Sobre como funcionamos as persoas reaccionando ao que nos sucede na vida, e a dificultade que temos tantas veces para entender o que sentimos, saber por que o sentimos e aprender a usalo para ter a mellor vida posible. Moi especialmente na adolescencia, mais tamén durante o resto da vida, alegría, pena, ira, noxo e medo son instrumentos que podemos aprender a identificar e manexar: a tese da película é que unha vida mentalmente saudable e feliz acadase combinando equilibradamente as cinco emocións. Todas son útiles, ningunha hai que desbotar, de ningunha hai que abusar.

Perder é unha das situacións que máis veces afrontaremos co paso do tempo. Perdemos relacións porque as persoas próximas marchan ou se distancian por motivos diversos. Perdemos cousas que nos importan, oportunidades que non sabemos aproveitar. Tamén perdemos cando desilusionamos ou nos desilusionan, cando non se cumpren as expectativas, nosas ou que outras persoas poñen en nós. Xestionar esa frustración que supón non ser quen de facer o que agardan de ti, non ter o que queres, o que precisas, o que che fai feliz (real ou imaxinadamente), pode que sexa das cousas importantes que aprendemos na infancia e que marcan como seremos de maiores. Dúas emocións xestionan principalmente a frustración que nos produce perder: a pena e a ira.

Segundo o dicionario da RAG, a pena é o sufrimento moral producido por un suceso adverso, un desengano etc, mentres que a ira é un enfado violento, acompañado dunha forte reacción agresiva. Sen ánimo de rectificar á Academia, outra forma posible de definilas sería que ambas emocións conteñen sufrimento moral. Que a primeira está acompañada por unha reacción pasiva que se desenvolve cara dentro (a RAG defínea pola sensación de quen a sofre) e a segunda por unha reacción moi activa que se desenvolve cara fora (o dicionario defínea polas consecuencias que provoca no exterior).

Coa pena o noso ser emocional acepta a inevitabilidade desa perda. Non hai que facerlle, non ten volta atrás. Preparámonos para renunciar e seguir adiante. Proporciona un tempo de interiorización necesario para pechar unha etapa e continuar coa nosa vida. Mais tamén pode cronificarse e paralizarnos. Coa ira resistímonos a aceptar, revolvémonos contras esa realidade indesexada que se nos impón. Cremos que está na nosa man, que algo podemos facer para evitala ou para cambiala ou polo menos para compensala, para vingala. Proporciona unha enerxía necesaria para superar obstáculos e non desistir antes de tempo. Mais pode volverse violencia innecesaria, caos e destrución. Ser capaz de analizar e diferenciar cando a cousa ten ou non ten remedio, para non virte abaixo por cada pequeno contratempo da vida, para non enlazar penas ate caer na depresión. Mais tamén para non desgastar a enerxía inutilmente pelexando polo imposible e para evitar facer dano a persoas próximas ou incluso descoñecidas por nada.

Non sorprenderá por tanto que a aprendizaxe da resposta emocional ante a perda forme parte importante na construción dos roles de xénero tradicionais. As mulleres socializadas na aceptación da perda, na renuncia as propias metas que acompaña a abnegación, e na pena como emoción ligada a todo iso. Os varóns en cambio na valoración das propias metas por riba das de outras persoas, en non darse por vencidos, rebelarse ante as dificultades e na ira como emoción ligada a iso. Non significa que as mulleres non sintamos ira nin que eles non sintan pena. Oxalá as criaturas viran máis aos pais chorar e as nais enfadarse e aprenderan algo diferente. Porén, penso que ese desaxuste está lonxe de resolverse, porque non abonda con que as mulleres nos enfademos máis e choremos menos (as mulleres non choran, as mulleres facturan diría Shakira). Trátase tamén -se cadra fundamentalmente- de que os varóns se enfaden algo menos e choren algo máis, que aprendan a aceptar o que non ten remedio, sintan pena, fagan o dó, e pasen páxina, que entendan que so si é si, que a vontade das mulleres vale tanto como a súa e que a tentación e a provocación que perciben viven en realidade arriba, na súa cabeciña e de alí as deben desaloxar.

Se elas avanzan, cambian, e eles se estancan, se encastelan, incapaces de adaptarse a ese cambio, os desaxustes serán máis e máis complicados de resolver e traerán sufrimento a todas e todos. Por moito que cambiemos o código penal.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail