Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Hai uns meses volvín ao Reina Sofía. Viñeron a Madrid uns amigos galegos que querían ver o Guernica e pareceume a escusa perfecta para unha sobremesa de sábado sen bares. Cando entramos na sala na que vive o cadro, quen propuxo a visita apartou de nós. Pasaron uns minutos e arrimeime a el: César tiña pel de pita e os ollos húmidos. Estar fronte ao cadro provocoulle unha emoción que fixo tremer os cristais que envolven o museo. Sentín envexa: non lembraba as miñas propias emocións cando descubrira a obra de Picasso. Coñecíaa por tantas imaxes que me convencera de que xa a vira de verdade. E maldicín o cine, os libros de arte e a televisión por roubarme emocións.
Recordei canto me sorprendera unha secuencia presidida polo inmenso Guernica en Hijos de los hombres (Alfonso Cuarón, 2006). Estaba a ver unha película cunha proposta de xénero fantástico que se recreaba no símbolo da barbarie da guerra. Non daba crédito, pero nesa potente historia as pinceladas coas que o director mexicano debuxa a historia e o personaxe interpretado por Clive Owen son tan grises, tristes e pesimistas como as do cadro de Picasso.
Unha manchea de películas, curtas e documentais retratan o Guernica. Desde o documental de Robert J. Flaherty (unha produción de 1949 do Museo de Arte Moderno de Nova Iorque), pasando pola curta que lle valeu a licenciatura en cinematografía a Kusturika en 1978, ata a comedia de Miguel Monzón, El robo más grande jamás contado (2002), na que Manuel Manquiña (Zorba, «el Greco») forma parte dunha banda de inútiles que planea roubar do Reina Sofía o Guernica. E aquí en 2018 seguimos a agardar polas anunciadas -e xa malditas- películas de Carlos Saura e Peter Greenaway.
En 2017 o Guernica fixo 80 anos. Na festa que lle organizaron na súa casa vin a curta de Alain Resnais e Robert Hessen, de 1950. Non sabía que existía, pero empurroume a curiosidade polo que puidera imaxinar sobre o cadro o director de Hiroshima mon amour. E o que descubrín fascinoume: a pintura é a desculpa para contar a historia do bombardeo da vila vasca. Unha ficción impregnada pola voz da actriz coruñesa María Casares a recitar un poema de Paul Eluard. Paga a pena, e moito, ver esta peza en branco e negro de trece minutos.
O Guernica é tamén inspiración para as series. Na súa primeira tempada, a patrulla de El Ministerio del Tiempo viaxa a 1981, cando alguén anda a poñer atrancos á chegada do cadro a España, así que os protagonistas tentan impedir que mude o curso da historia. Diante da pintura, Javier e Pablo Olivares deslizan un emocionante diálogo escrito coa sensibilidade dos verdadeiros admiradores da arte.
Sobre a orixinalidade do Guernica tamén falan os expertos en arte. Uns din que o cadro é copia de fotogramas da imprescindible El Acorazado Potémkim (1926). Outros falan da inspiración do pintor en fotos de mulleres e nenos fuxindo da guerra que apareceron na prensa da época. En realidade, Picasso nunca puxera un pé en Guernica, pero si coñecía ben o filme de Resnais. Eu aposto pola épica de mirar a pintura como un inmenso fotograma.
Moi sedutora é a teoría de José Luis Alcaine, quen ve todo o Guernica na coñecida secuencia da estrada da película Adiós a las armas (1933), de Frank Borzage. Aínda que o autor da novela na que está baseada a cinta, Ernest Hemingway, renegou con crueldade desa escena. A min faime gracia pensar que os amigos Picasso e Hemingway argallaron esa vinganza pictórica nunha noite de whiskis e puros.
Onte, paseando, vinme sen contalo diante do Reina Sofía. Ía frío na rúa e entrei ao museo. E aí estaba de novo cara a cara co Guernica. Mirándoo, fóiseme o tempo, sentín un calafrío e emocioneime. Ao chegar a casa escribín no caderno: «Hoxe vin por vez primeira o Guernica».
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán