Ana Corredoira é gandeira e rebéntalle que lle pregunten se o campo ten futuro. E non só porque o proxecto empresarial que ela desenvolve permitiulle permanecer na súa casa, na súa aldea, e dar continuidade ao labor dos seus pais e facer a vida que lle gusta. Tamén porque entende que o seu traballo é esencial para o futuro dos demais, para todas nós. Para garantirnos a subministración de alimentos sans e de calidade, para asegurarnos que hai poboación vinculada ao territorio, para que haxa alguén que coide dos nosos ecosistemas e combata en primeira liña a emerxencia climática.
Ana ten unha cooperativa, As Vacas da Ulloa, na comarca do mesmo nome en Lugo, dedicada á produción de lácteos ecolóxicos baixo a marca «Sen máis» e que forman dúas ganderías da zona. Granxa Maruxa e A Cernada, a granxa que fundaron e explotaron os seus pais, dos que asegura que o aprendeu case todo. Aínda lembra o día en que o seu pai sentou á mesa á familia e díxolles que ían producir leite ecolóxico.
Xa atopou resposta a aquela pregunta que se facía cando tiña doce anos? Que son as vacas ecolóxicas? Si, atopeina, aínda que a día de hoxe sigo indagando e pensando como é e como debe ser este modelo. No sector primario temos o reto e a responsabilidade non só de dar resposta á demanda cada vez máis esixente dos consumidores e consumidoras, senón tamén á emerxencia climática, que nos afecta a todas como sociedade pero que ás que vivimos a pé de territorio suponnos unha loita de primeira man.
Como lembra aquel día en que o seu pai chegou a casa e dixo que ían empezar a producir leite ecolóxico? Foi incrible. Cando es pequeno tratas de buscar a similitude entre o que ves en casa e na túa contorna. E eu vía e vivía en casa cousas que non vía nin atopaba na miña contorna. Non era fácil escoitar aos nenos e nenas da miña idade falar das súas granxas, de como se vían eles e elas nesta actividade. O discurso era sempre: «Para fóra, para fóra».
«Para fóra» quere dicir emigrar. Exactamente. As nosas expectativas eran formarnos, estudar e marcharnos á cidade. E eu vivín ese punto de inflexión con moitísima ilusión. Lembro chegar ao instituto e contalo aos meus amigos e ás miñas amigas, coma se fose un secreto. Hoxe revívoo como un dos momentos máis importantes das nosas vidas. Unha das cousas que máis me engancharon de todo isto foi concibir a gandería da maneira en que o facía o meu pai, con ese carácter de innovación, de non conformarse, de ir sempre un paso máis aló… Entendendo que podemos facer cousas boas e que lle podemos dar moitísimo valor ao que facemos. Para min segue sendo un momento superilusionante, e cando o revivo volvo sentirme como aquela nena que ía na furgo ás feiras co meu pai e atendía o posto. A el non lle gustaba tanto iso de falar e comunicar, iamos os dous pero eu era a que estaba en primeira liña, contándolle a todo o mundo o que faciamos.
Fala vostede de innovación, e resulta curioso que a innovación se asocie á contorna urbana, mentres ao rural o identifican co atraso. Vostede dálle a volta a iso: o rural, o ecolóxico, é innovador. Totalmente. Temos que busar ese equilibrio entre tradición, entre coñecemento tradicional, que é imprescindible para o noso modelo de produción, e innovación, é dicir co desenvolvemento que nos proporciona non só mellor calidade de vida senón que tamén nos permite mellorar en eficacia e eficiencia. A innovación hai que poñela en valor como un elemento transversal do noso traballo e que afecta a moitísimas áreas. Non é só desenvolvemento tecnolóxico, senón que tamén se dá no ámbito social. Temos que buscar novas fórmulas de cooperación, de asociacionismo. Iso tamén é innovación: fórmulas que nos permitan desde o rural, cos déficits e limitacións que temos, impulsar proxectos dunha maneira distinta, tamén desde a parte social.

A actividade agrícola sempre tivo esa efervescencia do asociacionismo, do cooperativismo, o apoio mutuo, a solidariedade… Si, neste caso xorde por necesidade. No rural a máxima de que a unión fai a forza cobra moitísimo sentido porque somos poucas. Lamentablemente estamos a perder moitísimo capital humano, que é o recurso fundamental e imprescindible. Poderemos ter o mellor proxecto do mundo, que se non hai persoas detrás, por moita intelixencia artificial, por moita tecnoloxía, por moita innovación que poñamos sobre a mesa, se non hai persoas eses proxectos non saen adiante. Somos moi poucas e temos que enteder que para facer cousas do tamaño que temos aquí, que ao final somos unha industria pequena, sería impensable facelo a título individual. Non é que nos poñamos todas con proxectos individuais a transformar, a envasar e a comercializar. Esa atomización tampouco creo que sexa funcional nin útil para o sector. Pero temos que ver o que pasa máis aló das nosas leiterías, porque é a única maneira de reverter valor engadido sobre o primeiro elo da cadea.
O sector do leite leva décadas en crise polos baixos prezos en orixe. É sanguento, porque o contexto da estrutura de custos que hai agora non é o mesmo que o que había hai trinta anos. Aínda que a situación, a incapacidade e a falta de empoderamento que temos como produtoras primarias segue aí, o contexto cambiou moitísimo. Pásanos a nós, pero pásalles tamén aos produtores de carne, de horta… Non temos capacidade de negociación, non temos capacidade de decisión, non temos peso na cadea alimentaria e estamos moi condicionados ao que deciden e executan os outros elos. É unha cadea na que a forza se aplica en sentido contrario: a forza está na distribución e aplícase cara atrás. Nas prácticas de distribución a gran escala, os produtos frescos sempre foron produtos reclamo, sempre se utilizaron con esa connotación. Estamos nun momento de debilidade e de dificultade agravado pola escalada de custos de produción que están a experimentar todos os sectores produtivos polos custos da enerxía e nun contexto de crise xeneralizada no que a capacidade que temos para xerar empatía nos consumidores é máis limitada. O que máis medo me dá de todas estas mobilizacións é que estamos asentadas nun discurso que probablemente agora mesmo non chega á sociedade para xerar empatía e que pode empezar a xerar rexeitamento. Porque a situación xeral, o contexto económico e social, é malo, non só para nós senón para a sociedade en xeral. Agravado nunha crise sanitaria que vai envolver todo o panorama social durante moitos meses máis.
Escoiteille dicir nalgunha conferencia que os agricultores sofren desde hai tempo unha agresión xeneralizada, non violenta pero agresión á fin e ao cabo. Estamos discriminadas desde moitas áreas, non só desde o público. Estamos discriminadas polo simple feito de habitar un territorio, o rural. Como individuo eu teño as mesmas necesidades que unha persoa que vive nunha cidade ou unha contorna urbana. E non estou a falar de lecer, senón do acceso a servizos básicos como educación, sanidade, comunicacións… Se queres instalar unha empresa no rural necesitas o mesmo tipo de servizos que unha empresa que se asenta nunha contorna urbana. Estamos en desvantaxe competitiva por ese motivo, porque non estamos en igualdade de condicións. A perda de servizos no rural vén ser un abandono progresivo, lento, por parte da Administración, por parte das entidades públicas, é algo que forma parte tamén das decisións políticas, de como se decide promover o desenvolvemento e o crecemento social. E levamos moitas décadas nas que o que se foi promovendo é un éxodo masivo cara a contornas urbanas ou periurbanas porque foi aí onde se situaron os puntos fortes produtivos, ou aqueles puntos polos que se quixo apostar. Porque logo están as decisións de cada país: Queremos ou non posicionar a produción primaria como algo estratéxico a nivel de Estado? Probablemente aquí errouse moito nas políticas agrarias e alimentarias nese sentido. E a discriminación tamén se estende a outros servizos que parten da iniciativa privada. Aquí estamos discriminados en termos de loxística de transporte, de paquetería. É algo anecdótico, pero simboliza moi ben a situación.
Como se vincula ese proceso de abandono con que a gran política da Unión Europea, que é a política agraria, se teña centrado durante décadas case en exclusiva en garantir a subministración de alimentos baratos? Describiuno moi ben. A síntese é o que temos agora despois desas tres décadas. As políticas agrarias non se enfocaron para a solución, primeiro, dun dos grandes retos que temos como sociedade, que é seguir proporcionando alimentos seguros e de calidade, e, doutra banda, que esa produción de alimentos teña unha connotación de sustentabilidade para previr e tratar de conter a emerxencia climática. E da que somos parte da solución, aínda que ás veces nos sitúen como problema. Chegar á conclusión de que a produción de alimentos non é sostible é unha aberración. Dicir que a agricultura ou a gandería son actividades que non son sostibles e que poderían desaparecer é unha auténtica aberración. A alimentación é inherente á vida. Por tanto, a produción de alimentos debe ser un obxectivo prioritario como sociedade. O obxectivo non pode ser xerar grandes cantidades de alimentos a baixo custo. Ese é un problema do Primeiro Mundo. É o discurso da abundancia. Moita xente pode dicir que o único do que tes que preocuparte é de levar algo de comer á boca tres veces ao día. Claro, como nós temos un acceso super rápido e barato á comida, o discurso sitúase nese plano. Pero, que pasa co sur do noso planeta? O discurso é moi distinto. A nosa forma de consumir ten un impacto ecolóxico no noso territorio, pero ese impacto é moito maior naqueles territorios onde se producen alimentos a baixo custo, cunhas connotacións sociais, ambientais e económicas brutais. Eu escoitei nunha entrevista de radio, que me fixo sentir unha dor inmensa, que a entrevistada viña dicir que nesta tendencia na que estamos agora sobre a alimentación xerada en torno ao veganismo, é máis ecolóxico comer un legume non ecolóxico producido no Terceiro Mundo que comer un chuletón producido en Galicia ou na Serra de Madrid. Ese discurso cada vez ten máis altofalantes, moitos máis dos que temos nós. A produción animal está no punto de mira, e debemos ser conscientes de que como sector temos moitos retos, tamén que a nosa comunicación chegue á sociedade. Ou achegamos produción e consumo ou imos ter un problema moi grave.
Ademais de en a defensa do territorio e do asociacionismo, o seu proxecto tamén se asenta sobre a idea do empoderamento da muller campesiña. Para min é unha parte moi importante tanto deste proxecto como de todo o que fago a nivel de iniciativas sobre o territorio. É necesario continuar esa senda de visibilización dun traballo de moitísimas décadas de moitísimas xeracións de mulleres. O problema non é que non esteamos aí, porque representamos o 50% da man de obra que está detrás da produción de alimentos, pero ese potencial pérdese porque non estamos alí onde se toman as decisións. A nivel do cooperativismo agroalimentario seguimos sen estar nos consellos reitores. Somos o 50% da man de obra, pero se nos fixamos nos postos de maior rango, como presidencias, etcétera, en Galicia non chegamos ao 4%.

A nivel administrativo, tampouco. Cantas alcaldesas, cantas conselleiras de Agricultura? O feito de lograr unha maior representación nas estruturas políticas, sociais e económicas é un reto porque é unha necesidade. Se queremos que realmente se produzan cambios significativos nos modelos produtivos e que a compoñente de futuro siga aí, se queremos que as novas xeracións, sobre todo as mulleres, vexan un escenario de futuro e de posibilidades, que a súa capacidade pode contar, necesitamos cambiar esa imaxe. Do noso rural e do noso modelo produtivo. É fundamental visibilizar referentes, e os referentes non teñen por que ser casos de gran éxito, pero si coñecer a realidade da túa comunidade. Sempre o digo: ás escolas habería que levar a realidade de cada comunidade. Se no colexio non se fala da gandería e a agricultura como profesións, os rapaces non os van a concibir dese xeito. Seguirán pensando que a súa nai é ama de casa, cando se cadra leva o paso dunha gandería. As mulleres son as que máis limitacións e dificultades van atopar para quedar ou incorporarse a proxectos agrogandeiros, probablemente porque non atopen referentes nos seus territorios. E porque a visión de que o rural é atraso non é exclusivamente urbana, tamén está moi imbricada no ADN rural. Agora non tanto, igual é porque xa levo uns anos aquí e a xente toma un pouco máis en serio o de que vin para quedarme, pero ao principio… Cuidadito!
O di porque vostede fixo unha carreira universitaria e iso é sinónimo de irse? Claro, víano como un fracaso, ou como unha obrigación, porque o meu pai morrera. Non cabía a opción de que eu vise neste proxecto, na miña vida aquí, o meu futuro.
E vostede si o vía. Xa o sabía cando se foi a estudar Bioloxía? Nunca foi unha viaxe de ida e volta, realmente. Formeime porque creo na formación como unha ferramenta de valor engadido, porque así mo inculcaron os meus pais. Entendían que era necesario que aproveitásemos as posibilidades de formación que nos podían ofrecer, que foron oportunidades que por outra banda eles non tiveron. Non foi unha viaxe de ida e volta porque eu nunca me marchei. Nin eu nin tampouco o meu irmán, que está a facer un doutoramento. Depositou a tese fai quince días e traballa a tempo completo facendo a xornada de dúas persoas. Está a perderse a cultura do traballo. Se cadra soa un pouco raro, un pouco tradicional, pero é a realidade. A nós inculcáronnos a cultura do traballo e do esforzo. E este é un medio de vida que significa esforzo, sacrificio e dedicación? Si que o é, pero tamén é a maneira de implicarte e adquirir un compromiso real co que fas.
Por que estudou Bioloxía? Sempre fun muller de ciencias, o meu irmán tamén, é químico. Ao meu pai teríalle gustado que fose médica, pero eu non lle vía sentido. Pensei en Veterinaria, pero sen demasiado interese. No tramo do bacharelato tiven unha profesora de Bioloxía que me marcou bastante, moi motivadora e inspiradora. Da bioloxía gústame todo, paréceme unha carreira tan ampla, tan bonita, tan fermosa… Estudei tantas cousas tan distintas, pero tan correlacionadas e tan aplicables ao territorio: Edafoloxía, microbiología, bioquímica… Fixen Ambiental e Molecular.. Todo un mundo.
No rural facer unha carreira é case sinónimo de emigrar, non se entende que un campesiño ou un gandeiro poidan acceder a unha formación universitaria para quedar. Eu formo parte dunha xeración á que se nos dicía «Fórmate para marchar». Dicíancho os dous veciños gandeiros, as dúas veciñas… Na miña casa nunca escoitei iso, ao meu pai custáballe moito dicirme que tiña que quedarme, facíao con moito tacto porque tiña un pouco de medo de que non me fosen as cousas todo o ben que el quería ou entendía que me merecía. Sempre teño ese ton de agradecemento cara a el non de maneira despectiva cara á miña nai, porque á miña nai téñoa aquí comigo e podo agradecerlle todos os días o que significa para min e os valores que me transmitiu. A el non o teño aquí para agradecerllo. E probablemente nunca lle agradecín o suficiente o feito de converterme na muller que son. O meu pai foi unha das persoas que máis me axudou a empoderarme, o que me obrigou a enfrontarme aos meus medos. Eu pensaba que era capaz de facer todo o que me propuxese. É a maior mostra de afecto e de agarimo. El pensaba que eu era capaz de facer todo. Que eu tiña catorce anos e había unha auditoria de Sanidade? Pois veña, enfróntaste a tres auditores que veñen despelexarte viva, porque es capaz de facelo. Pero como non o vas a facer se sabes de que vai todo, se levas anos mamándolo? Probablemente son o que son grazas a esa enerxía e sobre todo a ese orgullo. Tamén hai que recuperar a autoestima. A xente que vivimos no rural estamos nun nivel baixísimo de autoestima, xente derrotada, esgotada, contando os días para a xubilación… Iso é super triste. E aínda por riba, xente que se quedou soa, porque a maior parte da xente da miña idade marchou.
Ve vostede algunha diferenza nas características da España baleirada e da Galicia baleirada? Hai unha iniciativa non sei se política ou soamente asociativa e reivindicativa, Galicia Baleira, que vén facerlle unha chiscadela a todo ese movemento da España rural. Isto non ten nada que ver coa realidade de, por exemplo, Teruel, ou da Laponia do sur. As zonas interiores de Lugo e Ourense son as que maior parecido teñen a nivel demográfico, pero temos unha realidade social e de estrutura do territorio moi distinta. A conexión da vida cultural co rural tamén está a permitir que certas comarcas estean a rexurdir. A Ulloa está a converterse tamén en receptora de xente, nos últimos anos instalouse aquí xente de fóra atraída polo movemento que hai a nivel de produción, polos proxectos, polo movemento asociativo, polo movemento cultural… O Festival Agrocuir [un evento que se celebra desde hai anos na comarca e que ten por obxecto reivindicar a diversidade sexual e de xénero na contorna rural] foi como un punto de encontro para poñer en valor esa diversidade, de reivindicar desde o rural o discurso de que somos un espazo aberto, comprensivo e acolledor. Temos que recuperar o discurso integrador porque somos deficitarios en man de obra e porque probablemente una das opcións que temos de fronte ao futuro sexa converternos nun territorio integrador, tendéndolle a man á poboación inmigrante, a colectivos que poidan atopar un espazo que sexa o máis parecido a un fogar. Nós agora temos a un traballador senegalés que se instalou aquí na Cernada, e que é agora o noso veciño. É un reto, e é un exemplo de que o rural é un espacio acolledor, moito máis que as cidades.

Que foi de Campanilla, a súa vaca preferida de nena? Ai, a miña Campanilla! Xa nos deixou. Estou a ver agora una das últimas imaxes, aquí no prado xunto á casa. Campanilla deixounos, viñeron outras e sigo tendo o mesmo problema, e é o que me custa despedirme delas. Agora tamén teño un compañeiro de traballo que é un rapaz moi novo, aínda que é un rapaz urbano, que vivía en Barcelona e que veu aquí, ten familia. Sabía que quería vacas desde que era un neno e formouse para traballar en granxas. É o discurso da esperanza. Hai xeracións que sen ter un vínculo directo co rural, aprecian e valoran o sector e queren formar parte del. Tamén temos que poñernos as pilas para aproveitar ese potencial, porque é moito.
Paréceme moi metafórico un truco que vostede usa para vencer o medo escénico en charlas e conferencias, que é imaxinarse ao seu auditorio como vacas. «Todos sodes vacas», di. Para min a vacas son parte da miña familia. Non as recordo dentro de casa, pero si as cortes, antes de reformala. Traballamos con seres vivos e iso implica un nivel de esixencia brutal, de garda as vinte e catro horas do día. É lóxico. Non é que a min me apeteza traballar moitísimo, pero é que teño un rabaño de cen vacas e son a miña responsabilidade, teño que garantir as súas condicións de vida. Non é un discurso nin poético nin bucólico do rural, tamén hai que romper con ese exceso de discurso literario. Que é bonito vivir en contacto coa natureza? Por suposto, é unha experiencia agradable que nos reporta moitísimos beneficios a nivel persoal e profesional, por suposto, pero tampouco disfracemos demasiado o discurso para que o compre a cidade. Porque estará a comprar fume, e cando se dea conta de que é fume, se cadra non lle gusta. Tratemos de vender as cousas como son. Isto é un paraíso? Si que o é, eu non cambio a vida aquí por nada do mundo. Tamén porque é a miña casa, claro. Por que decido volver e quedarme aquí? Porque para min isto significa casa. Tamén ten ese compoñente. Eu defendo o apego non só ao territorio, tamén o apego ás relacións persoais, que para min son importantes no meu día a día. Promocionar profesionalmente tendo que deixar atrás a túa vida, para min non é un éxito. E que nos vendan esa imaxe de que o progreso e o desenvolvemento profesional ten que pasar por ese individualismo de ser o mellor, a túa mellor versión, chegar máis lonxe, promocionar constantemente… Facer ese camiño en solitario non me parece un éxito. E lamentablemente é o que se nos foi inculcando ás xeracións máis novas. Nalgúns casos leva á frustración,. Hai moita xente que decide irse porque se quere ir, pero moita outra se marchou empuxada polo que se esperaba que fixese, porque a sociedade do momento no que lle tocou tomar a decisión de coller ou non a maleta, impulsábao a facelo así, porque se entendía que ese era o camiño do éxito. E hai que ter moito coidado cos camiños do éxito.
Como a identifico na entrevista? Gandeira, labrega, bióloga? Gandeira, si, labrega. Perfecto. Ás veces póñennos etiquetas, e unha das que máis me cabrea é a de emprendedora. Miña nai! Coidado coa palabra emprendedora! É un termo que surxe de como creamos expectativas. Cando me poñen ese título xérase un expectativa ao redor do meu traballo, e a vida non é iso. Nin podemos estar constantemente innovando nin facendo cousas novas, hai que poñer un pouco en valor o exercicio das boas prácticas. Cona, se algo funciona, se algo está ben, pódese copiar, non necesitamos ser todos superinnovadores e superdistintos. Non. Hai que poñer en valor que hai que facer as cousas ben. E iso tamén crea comunidade. Se algo funciona a nivel de sector, o bo sería que o fixésemos máis ou menos todos.