Aquelas listas de cousas sobre as que nevará

24 pensamentos decote sobre o entrelazamento ciencia-literatura-sociopolítica-arte, a xeito de calendario de Advento de 2025. Homenaxeando tanto as 24 sekki ou microestacións do Calendario nipón (con 72 kō en total, procedentes de antigos tratados de astronomía chinesa), como os Mintireiros Verdadeiros e outros calendarios agrícolas da Galiza, coa súa curiosidade polos cambios sutís nas estacións. Porén, máis que Xeórxicas virxilianas, Uránicas da Urania, os ceos e as súas correlacións terrestres, pois somos un pouco fillas rosalianas do asombro.

Tauro e Pléiades no Urania’s mirror.1824

5 DECEMBRO, 5 DE NADAL

Lugar: Galiza, un punto minúsculo nunha esfera que xira sen marearse. Data: Venres. Unha invención humana para non perderse na eternidade.

Benvido a este día. Non é un día calquera, aínda que para o universo sexa indistinguible do anterior. Para nós, estatisticamente improbables habitantes deste recuncho atlántico, é o único 5 de Decembro de 2025 que teremos. Todo o que suceda hoxe ten o encanto do irrepetible e o arrepiar do efémero.

☉ Hoxe o Sol decide amencer contra as 08:51 h. (camándula, arrastrando a luz entre as nubes). O ocaso será contras as 17:57 h. A breve paréntese do día -e non nos queixemos- abrangue 9 horas e 7 minutos; é a noite, o texto principal.

☾ A Lúa, onte tan amoreada e rufa de si mesma, hoxe comeza a dubidar. A autoestima xa non se leva? Lúa Xibosa Minguante (99% iluminada). Parece redonda, pero se te fixas ben, fáltalle un anaco no bordo dereito. Brilla sobre os tellados de lousa chovida coma se buscase algo que perdeu hai miles de millóns de anos..

Planetas e Ceo Profundo: Se a brétema galega tiver a cortesía de disiparse un pouco, veríamos un carrusel que non foi montado para nós.Venus arde no suroeste tras o solpor. Xúpiter segue por Xémini. Unha presada de diamantes azuis no leste son as Pléiades, ou Setestrelo ou M45. A súa luz tardou 444 anos en chegar ata os teus ollos. Saíu de alí cando aquí nos preparabamos para incursións piratas nas nosas costas, xusto a tempo para que hoxe ti a ignores mentres miras o móbil.

☄ Seguimos sen grandes cometas a ollo ceibe (que diría Ramón María Aller) por hoxe.

Iso si, celebramos a existencia (ou a lenda) de San Sabas, San Dalmacio e Santa Elisa. Parabéns a todas eles.

Di o refraneiro que As chuvias de Nadal non fan mal. Pero leva unha máscara no peto, non vaia ser o demo.

Aquelas listas de cousas sobre as que nevará

Para Belén Regueira, cun Cosmic Latte

É tempo de listas.

Moito me gustaban as listas. Non porque puxeran orde no caos, que non o fan, senón porque demostran a nosa conmovedora teimosía en tentar clasificalo. Como se o tempo fose andel da biblioteca, insistimos en facer inventario e balance. Cremos que se escribimos o que pasou, o pasado quedará quieto. Como se non tivésemos ducias de ducias de futuros por diante para reinventalo.

A piques de dobrar a esquina cara ao 2026, velaquí un pequeno inventario do prescindible e do imprescindible de 2025, todo xunto, como adoita estar na vida real.

Vimos auroras boreais rosadas e mencías. Eu só en foto aínda, pero a grande actividade do vento solar, as múltiples execcións de masa coronal interactuando co noso campo magnético, presaxian que poidamos velas tamén en 2026.

A bioluminescencia converteuse un tema do que é mellor non falar moito fóra. Mar de ardora? Iso que é? Aquí non temos diso!

Fronte a ardoras e auroras, 2025 estará aparellado a un apagón primaveral e ao repunte en vendas de radios de peto e candeas.

Asinouse un plan de paz en Gaza con cando menos 590 violacións de alto o fogo por parte de Israel, 357 mortos e case un milleiro de feridos dende que se firmou até hoxe. Un auténtico e xenuíno e benintencionado plan de paz.

Un golfo en América, que vai sen filtro porque parece saltarse a medicación, cambioulle o nome ao golfo de México. E de aí para riba. Para abaixo, vaia.

O CSIC iniciou 16 proxectos na Galiza, con 5 na Misión Biolóxica sobre bioloxía computacional, xenética vexetal e microbioloxía mariña.

No Centro de Supercomputación en Galiza, o CESGA, estableceuse a sede dunha futura 1HealthAI European Artificial Intelligence Factory, que se enfocará nunha soa saúde, conectando saúde humana, animal e ambiental. Porque necesitamos unha intelixencia artificial para decatarnos de que a saúde está interconectada.

Celebramos as Letras Galegas por vez primeira dedicadas non a unha persoa, un autor ou autora, senón ao grandísimo macizo inmaterial que é o canto popular das cantareiras, pandeireteiras, as cantigas e coplas, ao traballo de creación e mutación colectiva que entraña. Feliz día das letras, as ciencias, os dispositivos, cantos, insultos, axentes químicos, ecuacións fractais, galaxias infernais, partículas elementais…galegas! Adolfina e Rosa, Eva, as de Mens… e tantas outras. E tiven o pracer de compartir intres neste ano con grandes como Ugia Pedreira ou Olga Kirk.

Haber, houbo plenos na rúa Hórreo. E plans mineiros valorados en 45.000 millóns postos aos servizo dos de sempre: o lobby eléctrico, priorizando empresas externas por riba da sostibilidade e emprego galego. Porque no Ano Castelao -que son todos os anos en Galiza, sempre, vaia- habería que lembrar aquilo de que «A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid».

Mentres os humanos discutían leis no Parlamento, as patacas Agria da Limia, as Kennebec e a Fina de Carballo seguiron o seu propio calendario, indiferentes ao DOGA. As únicas filósofas que de veras nos quedan, seguiron a remoer baixo os cornos.

Minha Senhor Eucalipta cultiva o seu amor cortés con Don Lume Descontrolado e a falta de xestión cando cómpre xestionar e a xentiña anda máis á dixestión que á xestión.

En 2025 non se descubriu un escaravello no Amazonas que ten nas ás un debuxo sospeitosamente parecido á cara de Kafka, pero a natureza ten un sentido do humor moi seco e calquera día nos sorprende.

Se queredes algunha lista máis…, tédela aquí.

A cor do futuro (ou iso din) baila nas nubes

Din uns expertos alá por Nova Jersey, deses que poñen nome ao arco da vella, que a cor do 2026 será o Pantone 11-3201 ( no catálogo chámana Cloud Dancer, o Bailarín ou a Bailarina das Nubes). É esa cor do ceo de Compostela un martes calquera cando non chove pero tampouco abre. Unha cor que promete concentración e creatividade, equilibrio entre o dixital e o humano, praceres simples como durmir. Ou iso din en Pantone Color Institute. A cor segue a un marrón malvoso, o Mocha Mousse, unha paleta de benestar terrestre que foi a do 2025. Non lembro vela por ningures, de quitado a terra das macetas.

Igual para Zara Home, a tenda que nos enganou a todas ao facernos crer que venderían garabatas e roupa masculina, esta noticia é importante para decoración de interiores e outras transcendencias. Ou para as tendas de vodas.

A min paréceme curioso que a cor dun ano sexa a non-cor, ou a suma de todas, e que ademais se pareza tanto á paleta promedio do Universo, segundo a astrofísica: un branco beige denominado Cosmic Latte (ou café con leite cósmico, código hexadecimal #FFF8E7), e que Belén Regueira do Diario Cultural da Radio Galega e mais eu coñecemos ben, pois así o saboreamos un par de tempadas.

Cosmic Latte, a cor do Universo, parece a suma barista entre unha cunca de Mocha Mousse (cor Pantone do 2025) e unhas ghotas de Cloud Dancer (cor Pantone do 2026). Ignoro que significa, pero sospeitoso é.

Magufadas fóra! En realidade, Cosmic Latte xorde de promediar a luz de máis de 200.000 galaxias mediante espectroscopía. É dicir, o propio Universo conspira para parecerse a un salón de interiorismo desa moda acromática do luxo silencioso… Vivan as cores vivas!

Galicia Power, de Xosé Iglesias. 2016

É tempo de centolas. Se tivésemos que pensar nun kigo ou motivo de haiku xaponés para esta época na Galiza, a centola podería protagonizalo. O poeta e mariñeiro Xosé Iglesias compartía hai uns anos por estas datas esa foto das súas capturas, ao berro de Galiza Power. Alfredo Ferreiro propuña en redes escribir algún texto para a potente imaxe.

[Supoño que mercar nun arrouto unha centola viva de oferta e sufrir un doméstico melodrama ao sentila abanearse xa no carro, na neveira, e non ter nin agallas nin guerlas para metela nunha pota con auga fría para abrasala aos poucos nin querer someter aos nenos a semellante trauma e valorar seriamente mantela viva na bañeira con auga e sal [co maja que ti es, Maja brachydactyla, todo vai saír ben] e ir guindala ao Orzán de volta pola noite…supoño que todo iso conforma un carácter.

E tivo que ser o meu.]

Pero esa anécdota aconteceu anos despois. Cando vin esa foto mareira dun centolo ou centola ao Sol (Xosé Iglesias informou que se trataba dun macho), este poema foi o que daquela se me veu á cabeza (non ao estómago). Unha especie de cantiga infantil para ese crustáceo do Nadal:

DA NASA AO CEO

para Xosé Iglesias, Decembro de 2016

 

NON SABÍA se eras centolo ou –tola, pero andabas tan arrichado polo mundo!

Tiñas un fado punxente como risco á volta do arrecife

co teu aire de nebulosa crustácea,

un caldiño blindado en rosa dura coa vida xa resolta

aí, neses fondos polos que rebulías feito un

petróglifo

con patas,

pensando euquéseioqué

coas túas cousas centolas,

veludas, bicudas, repoludas,

nesa cabeciña que vale o que pesa.

 

Meu rei –eras rei-, será a túa unha existencia gloriosa

da nasa ao ceo

pasando polo sistema dixestivo dun sapiens.

Que honor, invertebrado!

Pois non sei eu que che diga.

 

Só agardo que tras esa foto

na que electrizas como unha neurona peluda

non vaias dereito ao estómago

de calquera imbécil sen estómago

que nos fai emigrar, pasar frío nas casas

esmolarlle a quen nos rouba.

En suma: a calquera que poida pagarte

e te devore sen moito aquel nunha cea chea

de autocompracentes sumas.

 

Véxote cosmonauta de abismos mellores,

así cho digo.

 

Robotiño articulado, Maja brachydactyla

a ver que polbo che metía o dente a ti!

Así contra o horizonte, non lle darías envexa

ao mesmo astro rei, que eu ben cho sei?

 

Cáncaro de lique, fucsia de albariño

cousiña brava da ría, moito río e ti non ris,

cacho de peito de serea, amor de Drake

anasa que te anasa…

 

Da nasa ao ceo, si,

quen o diría, meu rei,

pasando polo sistema dixestivo

dun –disque, a poder ser- sapiens.

 

Inédito, Estíbaliz…Espinosa, Nadal 2016

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail