Saramago e a Galiza

Houbo profusión, días atrás, de artigos, comentarios e saudosas recordacións de Saramago co gallo do centenario do seu nacemento. Inevitabelmente, foi tratada a súa relación coa Galiza. Vou traer, pois, aos nosos días unha información que tiven ocasión de publicar canda o seu falecemento, en concreto nun artigo do extinto Xornal de Galicia, o 19 de Xuño de 2010, publicado con posterioridade –xunto co resto de artigos meus neste xornal que morreu de morte matada– nun libro que dei en titular Outramente…

Foi en marzo de 1995 cando coñecín Saramago na Coruña. Veu da man de Pilar Vázquez Cuesta, na altura catedrática de Lingua e Literatura Portuguesa na Universidade de Salamanca, e axiña organizamos un acto ad hoc con ambos na benemérita Libraría Couceiro da Praza do Libro, xa desaparecida. Como presidenta que era entón da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, tocoume actuar como anfitrioa, cousa que fixen moi gostosamente, pois tiña lido a aquela altura Memorial do convento, que ía xa pola 9ª edición. O local da libraría encheuse –vinte e tal persoas–, mais o acto non deixou de ser un encontro moi grato entre socios da agrupación, profesores e algúns entusiastas da literatura portuguesa. Na dedicatoria da novela con que moi xentilmente me agasallou, declarábase «amigo e irmão» da Galiza e dos galegos.

O local da libraría encheuse –vinte e tal persoas–, mais o acto non deixou de ser un encontro moi grato entre socios da agrupación, profesores e algúns entusiastas da literatura portuguesa. Na dedicatoria da novela con que moi xentilmente me agasallou, declarábase «amigo e irmão» da Galiza e dos galegos

Segundo «fascículo». Xa galardoado co premio Nobel (1998), volta o escritor á Coruña, a un acto organizado polo «Club Financiero» que consistía nunha mesa redonda con el proprio, Xosé Manuel Beiras, Ignacio Ramonet e Mª Antonia Iglesias, como moderadora. A expectación, enorme; a «bicha» ou cola de aspirantes a asistiren daba varias voltas ao edificio. Eu sorría para min lembrando a primeira estadía coruñesa, cando o escritor aínda non era un «personaxe». Agora, cumpría velo e gabarse de telo visto e ouvido. Máis naturalidade e camaradaxe reinaron nun outro encontro ao que asistín, neste caso na festa do Avante!, organizada anualmente, como se sabe, polo Partido Comunista Português.

Saramago, quizabes máis «galego» do que el admitiría, tamén sucumbiu ao engado español, nomeadamente após a persecución sofrida na súa terra baixo presidencia de Cavaco Silva e sob pretexto da publicación d´O Evangelho segundo Jesus-Cristo. Agora opinaba tranquilamente que Portugal debera ser unha comunidade autónoma de España. Lonxe parecían ficar aquelas clarividentes palabras do epiloguista da súa A Jangada de pedra, Luís Rebelo de Sousa, cando a xulga como o libro da «nossa utopia», a condensación dos valores e as esperanzas do 25 de abril, «reafirmados na convicção de uma autenticidade nacional, capaz de resolver os próprios problemas sen diluir e perder a sua identidade». O quid da cuestión, fálese da Galiza ou fálese de Portugal.

Saramago, quizabes máis «galego» do que el admitiría, tamén sucumbiu ao engado español, nomeadamente após a persecución sofrida na súa terra baixo presidencia de Cavaco Silva e sob pretexto da publicación d’«O Evangelho segundo Jesus-Cristo». Agora opinaba tranquilamente que Portugal debera ser unha comunidade autónoma de España

Fica, en fin, o grande escritor e a súa lúcida obra, con Nobel ou sen el. Outra cousa é que, hai trinta anos, probabelmente fósemos máis os seus leitores do que hoxe, o que converte a tan traída e levada lusofonía nun belo propósito sen concreción por ambas as partes, a Galiza e Portugal. Máis un «beneficio» da sacrosanta globalización…

P. S. No meu artigo inmediato anterior, incluín unha crítica do filme As bestas en que, a teor do por min lido, me refería a unha unanimidade crítica positiva. Rectifico. Nestas datas, tiven ocasión de ler unha crítica que no seu día me pasara por alto. É a de José Luis Losa, espectador do filme en Cannes.

Concordo plenamente con ela e satisfaime facelo por ter escrito a miña sen coñecer esta. Fique, pois, por se alguén quer completar a súa curiosidade leitora. Eu continúo sorprendéndome da facilidade con que galegas e galegos de hoxe admitimos como «natural» e «neutra» a ollada que españois, europeos ou «occidentais» proxectan sobre nós. En pleno século XXI.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail