Santiago.- «Moura somos os ecos dos cantos druídicos elevados na Idade Antiga, megalitos en visión caleidoscópica, guitarras como arpas de bardos e pés bailando ao redor do lume no último cantil do planeta. Un aquelarre de néboa psicodélica progresiva con raigames folk e mitoloxía galaica, empregando o galego como voz ritual comunal que persegue un transo colectivo».
É mellor que a banda galega Moura se defina a si mesma. E non porque sexa inclasificable, senón porque a súa música, as súas letras e os conceptos ás que ambas se refiren soan moito mellor nas súas propias palabras.
Moura e os divertidísimos MFC Chicken do canadense Spencer Evoy pecharon o pasado mércores o último concerto do Outono Códax Festival de Santiago, centrado na música negra -soul, jazz, swin, brass, blues- e patrocinado polas adegas Martín Códax, ás que dá nome o trobador do século XIII autor dalgunhas das cantigas de amor máis representativas da lírica medieval do país.
«Non queriamos soamente facer rock en galego, senón que as melodías, os arranxos, dun modo sutil ás veces pero outras de forma máis evidente, tamén bebesen da cultura e da tradición deste país», conta Diego Veiga, guitarra, letrista e voz da banda, tras a proba de son previa ao bolo, para explicar o por que da fusión de rock progresivo e psicodélico cos ritmos galegos tradicionais, o folclore patrio, as cantigas e os romances de cego.
Veiga é natural de Boimorto (A Coruña), aínda que pasou sete anos en Madrid, onde desenvolveu varios proxectos relacionados coa música indie. «Sempre me interesaron a historia e a etnografía, inculcoumo o meu pai desde pequeno e de feito síntome un etnógrafo afeccionado. Ao volver á Coruña, Moura foi un reencontro con esa parte miña, a forma para poder explotala de maneira creativa», conta.
Moura acaba de publicar o seu novo disco, Axexan, espreitan, un de cuxos temas, Romance de Andrés d’Orois, está baseado na tráxica historia do seu bisavó, un tratante de gando asasinado cando regresaba a casa dunha feira.
«Que cantaban os cegos? Historias truculentas indo de pobo en pobo, eran o telexornal da época. E que mellor que un romance de cego para contar a historia truculenta da morte do meu bisavó?», narra Veiga.
O músico defende a necesidade de que Galicia aprecie e exporte a súa propia cultura. «Para o territorio que ocupamos, os galegos temos unha tradición cultural vastísima, inmensa, e iso sen gozar nunca da capacidade plena para desenvolvernos como pobo, como país. Boa parte da nosa cultura conservouse grazas a xente de fóra: Ruth Mathilda Anderson nos anos vinte; máis tarde Gustav Henningsen, Steffan Mörling, Carmelo Lisón…».
Nese sentido, Veiga asegura que festivais como o Outono Códax, que cumpre doce edicións cun cartel representativo de distintas tradicións -de Big Chief Monk Boudreaux a Nastasia Zürcher pasando por Bart Davenport, Jesper Lindell Band, La Perra Blanco e John ‘Papa’ Gros, entre outros-, son máis que necesarios.
«Aínda que a raíz é a música negra, desde o principio apostamos por diferenciarnos traendo artistas únicos, bandas e nomes que nunca estiveran en España nin en Galicia», afirman Martín Calviño e Fran Villasenín, promotores do festival.
Ambos coinciden en que a aposta de Martín Códax polo Outono permitiu consolidalo como unha referencia no circuíto estatal, e destacan que hoxe en día non sería posible mantelo sen un patrocinador comprometido: «Só coa venda de entradas sería imposible cubrilo», afirman.
O patrocinador, que realizou unha programación de actividades paralelas como catas e ceas musicais, tamén se mostra satisfeito: «O resultado foi bestial, en case todos os concertos practicamente estaba todo vendido», afirma Jorge Pallarés, director de márketing de Martín Códax.
«Somos unha adega galega que aposta pola cultura galega, pero de maneira integradora, para poñer en valor o que se fai en Galicia pero tamén para traer a Galicia o talento nacional e internacional», conclúe.