Ángela Vázquez Romero é empregada de Prosegur e delegada da CIG e o pasado mes de agosto sufriu unha agresión machista por parte doutro garda de seguridade, que a insultou, golpeouna e tratou de atropelala co seu coche cando facían a substitución das quendas de vixilancia nun edificio do campus de Ourense da Universidade de Vigo.
A Coruña.- Ángela, a vítima, está de baixa desde que foi agredida. Pero o seu agresor, en cambio, está a cubrir a súa baixa no posto que ela desempeñaba. A empresa, que se negou a activar o protocolo de acoso do seu plan de igualdade, alega que o que lle pasou foi un «incidente illado» que non constitúe «ningún tipo de acoso».
Ángela, divorciada e con dúas fillas ao seu cargo, vive agora co 75% do seu soldo porque a mutua de Prosegur se nega a recoñecer que a agresión foi un accidente de traballo, e o Instituto Nacional da Seguridade Social limítase a dicir que non pode pronunciarse sobre o tema ata que se resolva o xuízo contra o seu agresor.
Pasaron máis de tres meses desde a agresión, como se atopa? Mal, está a ser moi duro. Teño dúas fillas menores e viven con medo. E eu tamén teño medo. Non podo esquecer os seus ollos, desorbitados, mentres tentaba atropelarme e me chamaba «zorra» e «puta». Esa imaxe non se me vai da cabeza. Sei que teño que seguir batallando, son unha persoa forte, pero non desexo a ninguén o calvario polo que estou a pasar.
Por que a atacou o seu compañeiro? Non o sei. Coñézoo desde hai anos e tiñamos unha relación cordial, aínda que sei que falaba mal de min ás miñas costas. Ese día reincorporábame das vacacións, e cando lle daba a substitución nunha quenda, empezamos a falar de traballo. Nun momento dado referiuse a outros vixiantes dicindo que se non lles daban horas, pois que puxesen ás súas mulleres «a facer de putas». Díxenlle que non tiña que falarme nese ton e entón empezó a chamarme «puta» e «zorra» e a dicirme «a mamarla».
El alega que vostede bloqueou a porta do garaxe onde estaban para impedir que saíse. Si. Non podía tolerar esa falta de respecto, cara a min e cara aos meus compañeiros. Son delegada de persoal. Mido 1,58 e el 1,80 pero levo anos neste traballo, levo uniforme e sei ben cando debo manterme firme. Aínda que sabendo o que pasou despois, non se se volvería facelo.
E que pasou? Cando bloqueei a porta do garaxe e lle pedín expicacións, acelerou e golpeoume coa defensa do coche á altura dos xeonllos. Logo baixouse, empuxoume e quitoume o teléfono apertándome a man, porque eu estaba a tentar gravar o que ocorría. Insisto en que non podo esquecer os seus ollos, a súa cara de trastornado insultándome e berrando «a mamarla!» mentres facía xestos dunha felación. Despois meteuse outra vez no coche, chamou ao inspector [o supervisor de ambos] e, coma se de súpeto recuperase a calma, díxolle que eu non lle deixaba saír do garaxe. Mentres falaba eu gritáballe ao inspector “Enrique, socorro, auxilio!”. Tentei recuperar o móbil do asento do copiloto, pero pechou o portelo e acelerou cara adiante e cara atrás, arrastrándome polo garaxe. Entón fíxenme pis encima. Estaba aterrorizada, porque me dei conta de que non quería asustarme, quería facerme dano de verdade.
Ninguén a auxiliou? Tras a chamada ao inspector chegou un compañeiro, pero me dixo que só viñera a abrir o garaxe, que esa era a orde que lle deran. Eu pedinlle que chamase á policía ou que me deixase falar co supervisor, pero el non quería facelo, estaba obsesionado con cumprir coa orde do inspector. Ao final conseguín o seu móbil e chamei á policía.
O seu agresor tamén a denunciou a vostede, di que golpeou o seu coche e que lle rompeu un retrovisor. É mentira. O meu compañeiro viu que o coche estaba en perfecto estado. E están as gravacións das cámaras de seguridade do exterior, que tamén o demostran.
O atestado di que estaba vostede en estado de choque e que tiveron que chamar a unha ambulancia. Creo que tiven un ataque de ansiedade, non podía crer o que me estaba pasando.
O atestado non recolle nada sobre a agresión. Non podo entendelo. Viñeron seis policías, díxenlles que el me sacara fotos mentres me agredía e vin como un dos axentes se achega a el, pedíalle o teléfono e mirábaas. Cando volveu pregunteille se as vira, e díxome que si. Non entendo por que non o reflectiron no atestado, porque tampouco mencionan que viron as feridas e os negróns. Un dos policías mesmo me dixo que o meu agresor estaba a responder como responden habitualmente os agresores, aparentando tranquilidade e coma se lles sorprendese a situación. Non sei por que os axentes non teñen reflectido todo iso no atestado. O meu pai era policía, eu crieime nunha comisaría e sei que ás veces tentan quitarse de encima os problemas. É a única razón que podo entender.
Hai dous partes de dous centros médicos que indican que chegou vostede con lesións físicas e psíquicas por violencia de xénero compatibles coa súa versión da agresión. No punto de atención continuada déronme un tranquimazín, pero no centro médico do Carmen o médico non quería explorarme. Atendeume porque a persoa de administración que estaba de garda díxolle que tiña a obrigación de facelo.
Ninguén da empresa a acompañou? Non. Tiven que volver andando a polo meu coche. Ía mexada, soa, chorando, dopada polo tranquimazín… Cruceime con Enrique, o inspector, pero díxome que fora ao campus só para comprobar se o servizo estaba garantido, coma se non tivera pasado nada. Díxenlle que quería contarllo, que tiña o parte de lesións. Pero nin sequera quixo velo.
Ninguén de Prosegur a chamou para interesarse polo que lle pasou? Non. Ao día seguinte da agresión chamoume o inspector, pero só para para saber se ía poder cubrir a miña quenda.
E desde entón ninguén da empresa se puxo en contacto con vostede? Non.
Entón Prosegur negouse a activar o seu protocolo de acoso sen nin sequera escoitala. Prosegur é puro márketing, o que lles importa é a imaxe, e se activasen o protocolo de acoso significaría que me dan algo de veracidade. Un compañeiro da Coruña sufriu outro caso de acoso e tampouco activaron o protocolo, e iso a pesar de que foi sostido no tempo e de que tiñan todas as probas que demostraban que dicía a verdade. Cando saíu a sentenza dese caso dixeron que lle impuxeran unha sanción grave ao agresor, pero non o despediron, nin quixeron explicar que sanción lle impuxeran. Foi unha pantomima.
Prosegur asegurou hai meses que abrira unha investigación interna sobre o seu caso que encargou a un consultor externo. Comunicáronlle as conclusións? Non. Nin sequera creo que sexa certo que abrisen unha investigación. Unha empresa externa? Que empresa? Quen é ese consultor?
Quere dicir que ese consultor non a chamou? Non, non me chamou ninguén.
Ninguén da empresa a contactou para coñecer a súa versión na investigación dos feitos? Non, de verdade que non.
Vostede cre que o sector da seguridade privada é machista? Ao cento por cento. Ata o punto de que situacións de acoso convértense en normais. Compartín quendas con tipos que se insinuaban, que tentaban meterme man, que me dicían que querían ser infieis coa súa muller…
Cantas vixiantes de Prosegur hai en Ourense? Eu son a única. Somos 33 vixiantes e eu son a única muller.
Dá a impresión de que quen as contrata pensa que o seu é un traballo para homes. Non é así. Levo 22 anos traballando, estiven con xente facendo botellóns, con xente drogada, e sei que moitas veces o que importa é ter astucia, pericia, psicoloxía… Non fai falta estar cuadriculado nin facer pesas para resolver os problemas que ten que resolver un vixiante.
A Universidade de Vigo, que é o cliente da súa empresa, interesouse por vostede? Non. O pasado día 4 houbo unha manifestación no campus de Ourense para reclamar á Universidade que retire ao meu agresor do seu posto alí, e algúns profesores nin sequera sabían que a agresión existira. Tamén nos diriximos por carta ao reitor, pero non se ten dignado a responder.
Que lle diría vostede a outras persoas que pasasen por unha situación similar? O que lles dixen ás miñas fillas. Que agora mamá vaise defender para que isto non volva pasarlle a ninguén.