Un raio de esperanza ou as nubes de Ruisdael?

O recente triunfo nos Países Baixos dun candidato liberal europeísta provocou a primeira derrota de importancia, aínda que por un resultado máis que axustado, da extrema dereita nos ciclos electorais recentes do continente. A Geert Wilders, o osixenado líder islamófobo, saíulle mal a aposta por derrubar o goberno de coalición que lideraba o seu partido para forzar novos comicios dos que saír con maior forza parlamentaria.

Na República Checa, o empresario Andrej Babis volverá ao poder, de xeito que consolidará a fronte euroescéptica prorrusa do húngaro Orbán e o eslovaco Fico. A partir de decembro xa estará no poder e no 2026 traerá aínda más dores de cabeza nos Cumios Europeos en Bruxelas. Porén, un raio neerlandés de políticas construtivas e europeístas, afastadas do negacionismo climático e da intolerancia contra minorías migrantes, relixiosas ou sexuais, brillará na Haia.

Aínda así, a situación política na Unión Europea non está para botar foguetes. Botando unha ollada ao pasado observo semellanzas entre a actualidade e o ciclo político revolucionario do 68, a posterior reacción conservadora dos setenta que desembocou nas ondas desreguladoras e neoliberais da seguinte década. Durante a crise económica da pasada década houbo un xiro á esquerda en moitas das sociedades europeas. En España xurdiron As Mareas e Podemos, en Portugal o Bloque de Esquerdas emerxía como nova forza mentres Os Verdes e Die Linke en Alemaña chegaban a un terzo dos apoios parlamentarios, Syriza acadou o poder en Grecia e o Movemento 5 Stelle dáballe unha patada ao corrupto sistema político italiano.

Na UE esgotouse a época do pacto verde; é o tempo da desregulación e dos negocios pseudoverdes. Velaí a precariedade laboral dos dispositivos ante o lume ou a macrocelulosa de Altri.

Pero estas formacións comezaron a perder forza, ben polos seus erros políticos, pola persecución do establishment contra elas aproveitándose de medios de comunicación e da xustiza até equiparalas aos partidos que viñan substituír, ou ben, tamén, pola incapacidade para trocar dun xeito efectivo o sistema que provocara unha crise sen igual nun século. Desenganadas, as sociedades europeas viraron cara á dereita. Primeiro foi a recuperación das socialdemocracias que nalgún intre semellaron mortas; logo, o conservadorismo tradicional impúxose na maioría dos gobernos e, paseniño, a ultradereita naceu como bastón de apoio até que agora son a verdadeira ameaza, á fronte de varios países e con capacidade para marcar os temas da axenda política. Só en Francia os insubmisos de Mélenchon resisten ao invasor.

Este ciclo tamén o comprobamos fóra de Europa, nos Estados Unidos de Donald Trump, quen preme o acelerador da desregulación financeira e climática, por moito que o proteccionismo arancelario agoche esa deriva. En Xapón vai gobernar unha ultranacionalista admiradora de Margaret Thatcher, referente do presidente arxentino da motoserra. Por Brasil pasou Bolsonaro, só freado grazas á volta dun verdadeiro animal político cargado de carisma coma Lula da Silva, mais, algo ao norte, Bukele no Salvador exerce como faro desa extrema dereita gozosa da man dura das porras e do anarcocapitalismo das criptomoedas

O novo goberno dos Países Baixos pode actuar de canario na galería da política europea, se se abre un novo ciclo político ou se a idade do orco desregulador fica connosco un bo tempo.

En Bruxelas vivimos claramente este xiro desregulador en favor das grandes empresas. Baixo o mantra da simplificación das normas para gañar competitividade, a Comisión Europea impulsa normas coas que eliminar ou erosionar lexislacións aprobadas no último lustro que introducían esixencias medioambientais ao sector privado. Os chamados paquetes Omnibus —así os bautiza o equipo de Von der Leyen— están a reducir requisitos ao sector da automoción, ás grandes multinacionais e á industria pesada. Populares, extrema dereita, ultranacionalistas e mesmo liberais e socialdemócratas votan a favor.

Como na famosa escena do Señor dos Aneis onde o mal chegaba anunciado por un capitán das tropas de Saurón coa rotunda proclama «remata a idade dos homes, chegou o tempo do orco», na UE poderiamos dicir que se esgotou a época do pacto verde; é o tempo da desregulación e dos negocios pseudoverdes. Exemplos destes dous fenómenos temos dabondo en Galicia, na precariedade laboral dos dispositivos ante o lume ou coa macrocelulosa de Altri.

O novo goberno dos Países Baixos pode actuar de canario na galería da política europea, se se abre un novo ciclo político ou se a idade do orco desregulador fica connosco un bo tempo. Porque nun país politicamente tan virado á dereita, onde a hexemonía dos mercados e a extrema bancarización da economía están no ADN fundacional neerlandés, os raios de esperanza son moitas veces abeirados ante nubes negras pintadas por Ruisdael.

[Imaxe de cabeceira: pintura Raio de Luz, de Jakob Ruisdael]

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail