Modus vivendi

Estou farta. Sei que non son a única. Empezarei polo final. Xa vai sendo hora de que neste país os políticos traballen. O único que se mostra no Parlamento é a fantástica dialéctica, o gran manexo que esta xente ten do insulto, a ironía, a súa erudición e o tremendo narcisismo da maioría dos parlamentarios. A ver, imbéciles: non se trata de vostedes, trátase de nós! Mentres vostedes estaban a desfacer os traballos da oposición, Valencia afogou. Dous centenares de persoas morreron por culpa da DINA, pero moitísimas delas morreron porque o goberno valenciano decidiu terminar co Grupo de Emerxencias que fora formado polo partido que gobernara, o socialista. Esa foi a única razón para eliminalo. Ignorar o «home do tempo», porque o narcisismo dos políticos é cego e arrogante, e pegarnos un tiro na sen.

Mais o PP valenciano tivo tamén esa ocurrencia de darlles 17 millóns de euros aos toureiros da comunidade porque os socialistas están en contra. E o mesmo fan os peperos noutras autonomías: retiran carrís bici, por exemplo, porque é cousa do socialismo. Esta actitude dos políticos peperos e voxeros de desmantelar o que fixo o goberno pasado xa non é unha broma ou un despropósito; agora converteuse nun crime. Esta merda de regulacións sen sentido, só por foder o contrario, estannos matando. Os cidadáns sufrimos porque estes mangallóns andan a foderse uns aos outros. Señores, non se trata de ver quen a ten máis grande! Trátase de traballar para a cidadanía, para todos os españois e desde todos os gobernos, xa sexan socialistas, peperos ou voxistas.

É tempo de cambiar a maneira de facer política neste país. Tanto berrar e insultar non axuda a ninguén. Trátase de traballar xuntos. Outro exemplo destes patróns que seguen os políticos é o caso de Errejón. Os da dereita andan tolos acusando de hipócrita o grupo de Más Madrid e Podemos, mentres a ningún pepero se lle ocorre pensar que se pode facer, como se pode lexislar para que este tipo de situacións non sexan o pan de cada día, como se pode protexer as mulleres… Non. O máis importante é seguir botando leña ao lume. Intentar resolver un problema tan grave, ofrecer medidas para aliviar ou corrixir o abuso e o acoso sexual das xentes que debían protexernos non é a prioridade. A prioridade é afogar todo o grupo parlamentario de Errejón.

Este modus vivendi de facer o mal é a caraterística más rechamante da dereita. O mesmo que sucede agora coa catástrofe anunciada de Valencia. A culpa vaina ter Sánchez por non estar aquí presente. A solución é acusalo e poñer un chaleco de emerxencias ou, como fixo o Rei, vestirse de Top Gun (non é que era Halloween?).

Ao Rei xa non lle diría nada, porque din que o problema o leva no sangue azul, no ADN, e que é un caso perdido, sen solución. Pero ao señor Feijóo diríalle: «Mire, escoite. Non se trata de gañar o posto de presidente tirándolle pedras a Sánchez, sen facer nada máis que sementar mentiras e quitar os lentes. Trátase de facer algo. Algo, señor Feijóo». Iso mesmo tamén se aplica ao tipo que goberna a Xunta. O señor Rueda, que no fondo é mais o señor Cuadrado. Como que é mellor que os nenos galegos falen inglés e non galego? Como se pode, señor Cuadrado, ser tan cadrado e tan cateto? 

Estou farta de escoitarlles burradas deste tipo aos políticos da oposición. Estar na oposición non significa non facer nada e cobrar o cheque. Estar na oposición significa ofrecer unha alternativa de goberno real á cidadanía. Non vai de borrar e desmantelar leis ou servizos que funcionaban ben. Tampouco de tirarlles os cartos aos toureiros carniceiros e facer leis para que os nenos poidan asistir ao sanguento e lamentable espectáculo da tortura dun animal. Señores da oposición, señor Mazón, fai falta ter principios, ter decencia, moral e dignidade para facer o seu traballo: o benestar dos seus ciudadáns. Fai falta tamén a súa desculpa a todos os valencianos. Fai falta ter a responsabilidade de admitir unha equivocación letal.

O demais, a palabrería ou o chaleco de emerxencia fronte ás cámaras, é parte do teatro que nos mata e non nos deixa progresar. Pero, sobre todo, este modus vivendi da dereita é tamén un crime que acabou por afogar dúas centenas de persoas. E outra cousiña: nestes tempos paga a pena escoitar «o home do tempo» porque (anoten, señores peperos voxeros cristianos!) o home do tempo é o único Deus.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail