A política de Caín e o estupor progresista

«E Caín matou a Abel. Así comeza a Historia da Humanidade…». Esa afirmación apodíctica, ao estilo do que non ten volta, é unha trabe do pensamento do célebre xurista nazi Carl Schmitt, que encontrou cómodo acocho na España fascista.

Un aleuto pensador alemán contemporáneo, Markus Gabriel, impulsor do chamado Novo Realismo, afirma: «O motor da historia é o progreso moral». No tempo retrofuturista e distópico que estamos a vivir, a de Gabriel, nado en 1980, catedrático de filosofía en Bonn, semella unha afirmación pouco realista, mais el ten a valentía de non achantar e volve sacar a cabeza para remachar. «O motor da historia é o amor, o ben».

Isto dito hoxe nun programa televisivo de prime time seguramente provocaría unha gargallada xeral. E na cháchara non faltarían os comentarios burlóns: «O progreso moral? O amor? Este filósofo está sen sulfatar!».

Alfredo González Ruibal, doutor en arqueoloxía, acaba de publicar un deses libros que xorden coa natureza do máis necesario. Tierra arrasada é unha viaxe pola violencia dende o paleolítico até os nosos días. Baseado en pescudas de campo mundo adiante, en lugares bélicos da antigüidade ou moi recentes, este tratado da guerra, de ser lido, podería abanear as conciencias máis inconscientes. Dá moito que pensar. Por exemplo, a constatación de que «o exercicio da guerra é universalmente masculino dende que fai a súa aparición». Mais despois de percorrer esa cadea de infernos, este gran detective da historia da violencia que é González Ruibal chega, entre outras, a esta reflexión final: «A historia, malia todo, non é unha foxa común». É dicir, o que prevaleceu ao longo dos séculos en grande parte do mundo: a capacidade de encontrar alternativas ao enfrontamento armado mediante a negociación e a cooperación.

Non, a historia do mundo non comeza co crime de Caín. O que está a ocorrer é que Caín, o cainismo, apadriña non só os señores da guerra en noxento exercicio, como Netanyahu e Putin, senón que inspira como influencer un número crecente de políticos que envelenan e amomian as democracias. A política como prolongamento bélico, onde impoñer a dialéctica amigo / inimigo. O estado de excepción permanente. A ferocidade no discurso. E todo ese nefasto arsenal teórico. Na política española sáenlle a Caín epígonos como cogomelos.

Nunha democracia non amomiada, deberiamos estar a debater os problemas na perspectiva do avance. Por exemplo, facer fronte aos «intercambios desesperados» nos que vive unha parte da cidadanía: velaí o custo da vivenda. Mais cada apertura ou paso adiante acaba sendo debatido como accidente. Ou medidas inclusivas, como a amnistía do procés, tratadas como catástrofes maiores. Así, imos de accidente en accidente. Até que é o accidente o que ocupa de seguido a actualidade na pantalla. E cunha linguaxe de sinistro total, de quen berra cada vez máis forte na beira do abismo.

Mentres non ocupe o poder, mentres non derrote o inimigo, esa vai ser a estratexia do cainismo campante. Como primeiro efecto, no espazo progresista vívese no desconcerto. No abraio que causa a intimidación semántica e o secuestro da realidade. Hai unha primeira alternativa, unha resposta inmediata: o novo realismo. Hai un magnífico lugar onde traballar para construír unha sociedade mellor, inclusiva, cooperativa, non cainita: o mundo real.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail