A Coruña.- O Partido Popular de Galicia iniciou unha campaña nas súas redes sociais que identifica como propio o envío de medios institucionais da Xunta a València para colaborar nas tarefas de axuda aos afectados pola DINA. Nas mensaxes colgadas na conta do PPdeG en Facebook, aparecen vídeos e fotografías de Alfonso Rueda, presidente do Executivo autonómico e do partido na comunidade.
«Calquera intento de sacar unha vantaxe partidista neste momento ou de crear un clima para obter algún rédito de tipo político ten que estar absolutamente descartado», di Rueda nunha das gravacións desde a sala de prensa da Presidencia da Xunta, nun post titulado «Galicia con Valencia» que engade no seu texto: «Toca implicarse a tope e arrimar o ombreiro con València, sen buscar rédito político».
A Xunta anunciou o pasado luns o envío a València de 200 profesionais, entre bombeiros, expertos ambientais, policías especialistas en actividade subacuática e funcionarios dos seus servizos de emerxencia, ademais dun centenar de vehículos, material de rescate, drons e equipos de excarceración, iluminación e salvamento.
Ao pouco tempo, o PP empezou a colgar na súa conta de Facebook varios posts con imaxes e vídeos do dispositivo, nos que a imaxe do partido e da Xunta parecen confundirse. Só o vídeo do convoi galego viaxando cara a ao seu destino acumulaba á hora de peche deste artigo máis de 436.000 reproducións.
Algúns dos posts obtiveron comentarios críticos que lamentan o uso partidista da axuda institucional: «Os do PP pensan que é grazas ao seu partido, pero esa axuda é de todos os galegos». «As boas obras non hai que refregárselas na cara a ninguén para logo esixirlle lealdade, en procura de sometemento«, di outro.
Luzes-Público consultou ao PP sobre as críticas á campaña, pero ao peche desta información non obtivera resposta.