A loita polos mellores camarotes do Titanic

Houbo un día en que os trens británicos deixaron de ser puntuais. E o que é peor, pasaron a ser inseguros. A simbólica botella de leite desapareceu das portas das vivendas, e as vacas, fóra do control veterinario, viraron tolas. Pecháronse moitas residencias onde tiñan fogar a xente máis desvalida. Os sindicatos foron esmagados e despezados como chatarra do «colectivismo». Proclamouse que a «sociedade» non existía. E renegouse da Unión Europea polo que puidera haber nela de rescaldo da política de Benestar.¶ Foi Margaret Thatcher quen fixo de altofalante deste movemento extremista, un capitalismo fanático que se deu en chamar neoliberalismo. A lingua da «Dona de Ferro»  actuou como un desaparafusador da cohesión social e da memoria da igualdade e do sentido do común.¶ O que pode facer ou desfacer un goberno non só atinxe ao tempo en que goberna. Pode estragar a mellor herdanza e deixar entupido o futuro para moitos anos.¶ No novo programa dos laboristas británicos inclúense, entre outras medidas, a participación dos traballadores no capital e na xestión das empresas, rematar coa segregación social no ensino, incrementar os impostos aos privilexiados para recompoñer as cachizas do benestar e dos servizos sociais, e mesmo recuperar para o sector público.¶ Jeremy Corbyn define ben a pretensión deste fanatismo das elites. Por unha parte, «a maior caída salarial dende que se construíron os trens de vapor». Por outra,  converter o país nun «paraíso fiscal offshore para os súper ricos».¶ Ese estar «offshore» é o obxectivo das elites de moitos países. E ese pretendido paraíso é un inferno para os demais. Xa hai experiencias dabondo para saber onde nos leva ese capitalismo extremista e os seus ben mantidos cérberos da política, da economía e da propaganda. Mauricio Macri, paradigma dese neoliberalismo bacana, que ía facer rica a toda a clase media, deixa Arxentina, potencia agropecuaria, en estado de «emerxencia alimentaria» e cunha débeda impagábel.¶ Mais a realidade para o poder cheto/posh/pijo/bling-bling que mangonea o mundo semella hoxe un asunto secundario. Os colegas de Macri aínda dirán que o problema son os pobres resentidos, os teimosos descamisados,  que non saben votar. E eles seguirán ao seu, loitando polos mellores camarotes do Titanic.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail