San Simón, Lugar da Memoria: entre o terror e a beleza

Estamos aquí, en San Simón, neste Lugar de Memoria, convocados polo futuro. A memoria, a memoria activa, a memoria democrática, a memoria fértil, responde a unha excitación creativa fronte á excitación destrutiva.

A memoria activa, a memoria solidaria, móvese cara adiante. Porque o seu obxecto principal de rescate é a esperanza.

A deusa da memoria, no mundo clásico grego, de nome Mnemósyne, era dunha natureza, dunha calidade, moi especial. Era a deusa da memoria, si, mais era tamén a nai das nove musas. Da música, da danza, da poesía, da historia, da comedia, a traxedia, as artes… Esa conexión entre a memoria e a excitación creativa ten moito que ver co que hoxe honramos. Nun día en que celebra reunión o pasado e o presente para custodiar, para protexer a gramática do futuro. Se estamos aquí é, en primeiro lugar, por unha urda de memoria afectiva que non puido ser destruída.

Benvida Mnemósine para que nos acompañe cunha primeira  lembranza, a das madriñas de San Simón, esas mulleres solidarias, esas antígonas que foron quen facer e dicir  na práctica, en tempo desapiadado, o que a heroína grega de Sofocles respondeu ao tirano Creonte cando este lle dixo: «Tes que saber que xamais o inimigo, nin sequera morto, é amigo».

(E como se parece esta voz dese narciso tirano ás instrucións reservadas do «director» do golpe do 36, dos textos de maior vileza na historia universal da infamia… Só lembrar, e é dabondo, o arrinque da Iª Instrucción: «Se tendrá en cuenta que la acción ha de ser extremadamente violenta para reducir lo antes posible al enemigo…», asinado o 25 de maio e dirixida a quen serán os xefes desta feroz sublevación contra a legalidade democrática).

Aquí quíxose executar a derrota da humanidade. Aquí, en Galicia, a guerra, como noutras partes, foi unha cacería humana.

Creonte: «Tes que saber que xamais o inimigo, nin sequera morto, é amigo».

O que Antígona respondeu: «Tes que saber que nacín non para competir con outros en odio, senón para compartir o amor».

Quería comezar con esta lembranza da xente solidaria, da xente que apostou a cabeza en tempos desapiadados. En San Simón e moitos outros lugares. As moitas mulleres que, aturando desprezo e malleiras, ían ás portas dos infernos con comida e coidados. Unha bágoa nos seus rostros, podía, por un intre, limpar o mundo.

Aquí quíxose executar a derrota da humanidade.

Aquí, en Galicia, a guerra, como noutras partes, foi unha cacería humana.

Hai quen defende que esquecer é bo para a saúde. O que chaman esquecemento é unha «represión dos recordos». E este é o verdadeiro problema…O franquismo foi un réxime excepcional pola súa crueldade. O que Paul Preston chamou «o holocausto español».

Os nazis utilizaron o termo untermenschen, subhumanos ou infrahumanos, para denominar a todos quen querían someter, explotar, asoballar e exterminar. E así foron tratadas as xentes dos pobos de España que defenderon a legalidade democrática e republicana, os dereitos, as liberdades. Eran tamén tamén tratados como subhumanos.

Si, aquí quixeron executar a derrota da humanidade.

E non podemos dicir que non tiveran éxito na produción industrial da morte e do medo. Un terror máis alá do terror. A Maquinaria de Facer Desesperar, que non parou até a morte do ditador e aínda máis alá.

Esquecer este horror, sobre todo no ensino da historia, non só é un erro na transmisión do coñecemento. É unha subtracción. Unha represión. Unha avaría que pon á xente nova nas mans do negacionismo e do autoritarismo. É un negacionismo pegañento que encola todos os outros negacionismos. O da violencia de xénero. O do cambio climático. Na desmemoria, todo se enche de malas herbas. Ou todo se baleira, todo seca. Por iso o mellor hábitat da memoria é a escola. O lugar dos porqués, das casualidades. Sen ensino democrático non hai democracia. E sempre será mellor o «exceso» de memoria que a desmemoria.

¿Por qué España?. Así titulou Albert Camus un texto inesquecíbel, no que respondía, xa na posguerra, a algúns intelectuais acomodados que lle reprochaban que non afrouxase na denuncia polo que estaba a ocorrer en España, o abandono letal dos que primeiro e máis loitaran contra o fascismo en Europa. Os poderosos mandaron as conciencias de vacacións. Houbo en España arredor de trescentos campos de concentración, e de escravitude de traballos forzados, polos que pasaron, calcúlase nas últimas investigacións, perto dun millón de persoas.

¿Por qué España?. E foi aí onde Albert Camus deixou dito: «Por vez primeira, os homes da miña idade enfrontábanse coa inxustiza triunfante na historia».

Si, moitos mandaron as conciencias de vacacións. E aínda hai na propia España quen non a trouxo de volta.

Dicía Martin Luther King, tamén da estirpe de San Simón: «Máis que os actos da xente ruín, dóeme a indiferenza da boa xente».  Ese verso de Lois Pereiro: «A indiferenza mata».

Non, non é tan doado decretar sine die a suspensión das conciencias. Nin que a inxustiza se sosteña para sempre triunfante na historia.  Nin atar un pobo tan reprimido ao longo da historia xustamente porque demostrou amar a liberdade.

Podemos preguntarnos por que estamos aquí e facelo dun xeito que penso sería do agrado daquel valente Camus que se preguntaba nos anos 40, rematada a II Guerra Mundial, por que se abandonou a España.

Por que estamos aquí despois de tanto tempo, de tanto negacionismo, de tanta amnesia retrógrada, de tanta produción de mentiras e desmemoria.

Estamos aquí porque non conseguiron a derrota da humanidade.

Todo o mellor que podemos imaxinar, na educación, na saúde, na igualdade, no urbanismo, no naturismo e no medio ambiente, na pluralidade lingüística e nacional, na cultura, na cooperación internacional, na decencia común, todo iso estaba nos obradoiros do traballo e a imaxinación da República.

A memoria, como o bo barqueiro, rema de costas cara adiante. Pertence a unha vangarda incesante. Vai coas musas, coas antígonas, coas madriñas. Porque eses mortos e mortas, eses prisioneiros, eses untermenschen eran custodios da mellor madeira da humanidade, da memoria fértil, do «acordo secreto» entre xeracións, da gramática do futuro.

A resposta de porque estamos aquí está na illa. A illa protexeu a memoria, mesmo cando a quixeron borrar ou expulsar.

Nun mundo desapiadado, pode haber mortos, e de feito hai moitísimos, que xacen como desaparecidos no descoñecido, baixo os cascallos dun horizonte esnaquizado, ou en foxas do abandono e gabias de esquecemento, ou como escribiu Paul Celan nunha «tumba no aire».

Cando alguén é desterrado, o destino é o exilio. O exilio, do latín exsilire, significa expulsión: «saltar cara á fóra». A perda do chan. Un xeito de morte civil. E semella un pesadelo histórico, como un asañamento expulsivo, que a estas alturas se lle queira furtar aos descendentes do exilio e con cidadanía española o dereito inalienábel ao voto. Agardemos que este despropósito non saia adiante porque ten o trazo dunha amputación democrática.

O termo contrario de exilio sería asilo, de asylum, e do grego ásylou, que na súa orixe significaría lugar sagrado, que non pode ser violentado.

O maior dos medos humanos, e animais, é quizais o do medo ao abandono. Non queremos ser expulsados, perder o chan, nin de vivos nin de mortos. É unha dor extrema, que entrelaza o persoal e o colectivo.

No «acordo secreto» entre xeracións, o non dar consentimento á inxustiza, hai un pacto principal: non nos abandonaremos. Nin mortos nin vivos.

Quixeron facer de San Simón, cando o converteron en campo de concentración, un lugar de desarraigo, un maldito sitio triste, unha Marca de Medo.

Quixeron facer de San Simón, cando o converteron en campo de concentración, un lugar de desarraigo, un maldito sitio triste, unha Marca de Medo. Malia negacionismos ou maquillaxes, a colonia penitenciaria foi un inferno, con crimes onde a ferocidade era a lei, e con períodos exterministas. Xa rematada a guerra, entre o 1 de xullo e o 3 de agosto de 1941 contabilizáronse 251 persoas mortas. A maioría persoas idosas, tratadas como farrapos.

Castigaban a xente, mais tamén o territorio, a natureza. Calquera podía e pode ver que as illas de San Simón pertencen á psicoxeografía da beleza. No corazón desta terra, no leixaprén do mar, neste berce de sentimento oceánico, latexa un dos máis fermosos poemas de amor endexamais escrito, a célebre cantiga medieval de Mendiño, un poema de desacougo e esperanza que atravesa os tempos. Un poema no que o desexo loita, e malia todo, non desfalece, mantense á espreita: «Eu atendend’o meu amigo! Eu atendend’o meu amigo!».   

San Simón é hoxe un punto cero da memoria fértil, da excitación creativa, dende o que trazar as novas coordenadas dun mundo que aborrece o dominio da Maquinaria de Facer Desacougar, dunha constelación de xentes e pobos que queren exercer o dereito a soñar sen medo.

En tempos en que nos inqueda ese novo DDT do Despotismo, a Depredación e o Terror, no que non falta o narcisismo tirano coa súa política de arenga permanente e o dereito internacional de espada e a prepotencia do tecnofeudalismo para facerse co control das mentes, sentimos San Simón como un lugar sagrado, como un almeiro, onde o levedo da memoria activa nos protexe.

«En cada liberación, aínda que sexa tardía, ou postremeira, hai beleza», escribiu John Berger, outro gran escritor solidario que encarnou a nobreza humana na loita antifascista.

Si, penso que hoxe é un día de liberación. Penso que é un día de beleza.


Texto da intervención do escritor Manuel Rivas no acto de declaración das illas de San Simón como Lugar da Memoria, celebrado o pasado día 24 de setembro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail