Idade de ouro no espazotempo

A 1,5 millóns de quilómetros do teu iris, do seu café, do noso planeta, da vosa saudade, do meu astigmatismo, os humanos temos un ollo.

Un ollo de ouro.

En realidade, a capa de ouro é moi fina. Fina de átomos. Un aderezo, un topping de 600 átomos de grosor. Equivale ao ouro de 5 alianzas, din. Debaixo do ouro hai berilio, un metal lixeiro que é o que compón en verdade os espellos dese ollo. Berilio e ouro son os mellores materiais que coñecemos, a estas alturas do sapiens, para capturar a luz.

Hai un tempo, un cativo que coñezo preguntoume, así nun repente sen vir moito a conto, como debe ser: «Mami, con que se pode atrapar luz que non sexa unha cámara de fotos?». Pode parecer unha pregunta metafísica, pero non: levaba na man un portabechos. O neno referíase á luz coma quen fala dunha xoaniña ou dun saltón.

Supoño que non lle dei unha boa resposta, igual estaba escribindo un poema ou unha factura. Non son unha nai exemplar. De feito, agora estoume aproveitando da súa pregunta. Era unha boa pregunta.

As poetas e as nais falan da luz. De dar coa palabra, de daren a luz. As astrónomos tamén. O universo é escuro, frío. A luz é un poema en si: é información e beleza. Que arela capturala! Un telescopio é un ollo cíborg que se incrusta a humanidade para saír atrapar luz no espazotempo. Luz do pasado. Soa moi Terminator. Pero así é. Digamos que somos Principiator.

As poetas e as nais falan da luz. De dar coa palabra, de daren a luz. As astrónomos tamén. O universo é escuro, frío. A luz é un poema en si: é información e beleza. Que arela capturala!

Para este novo ollo de 6´5 metros –o diámetro deste novo telescopio espacial– e dividido en 18 hexágonos pregables coma origami, vaporizaron ouro nunha cámara de baleiro. Ouro por dúas razóns: a súa reflectancia e a súa non reactividade. Se o aluminio reflicte un 85% da luz que recibe e a prata un 95%, o ouro reflicte un 99%. Necesitamos que non se perda nin un fotón nunhas condicións extremas.

Mentres se construía, ao longo de 4 lustros, ese iris converteuse nunha nova icona dunha era estelar de descubertas. Órgano multihexagonal, podería parecer dun insecto, dun cíclope, dun enxeño imaxinado por da Vinci, Verne, Moebius, Le Guin. E con el queremos albiscar nada menos que o pasado, burlar o espazotempo, todo o visible e o invisible.

Porque ver o visible xa sabemos que é só unha pequenísima función do posible. Os ollos cos que eu leo isto no teu pasado e os ollos cos que ti o decodificas no teu futuro, eses ollos sapiens só ven unha cinta estreita de ondas electromagnéticas, o que chamamos «luz visible», flanqueada polo vermello e o lila do arco da vella. Pero a radiación electromagnética, como a cola dun papaventos, componse de moitas cintas: das ondas de radio, as microondas, o infravermello, o ultravioleta, os raios X, os raios gamma… A lonxitude da onda define o tipo de radiación. E todas esas cintas que non son luz visible, son naturalmente invisibles para nós. Pero non para os ollos de vidro que, como no conto de Castelao, nos inventamos.

A radiación electromagnética, como a cola dun papaventos, componse de moitas cintas: das ondas de radio, as microondas, o infravermello, o ultravioleta, os raios X, os raios gamma… A lonxitude da onda define o tipo de radiación. E todas esas cintas que non son luz visible, son naturalmente invisibles para nós.

Paul Geithner, que traballou neste enxeño espacial, explica que o ultravioleta e a luz visible emitidas polos primeiros obxectos luminosos no universo temperán, estiráronse debido á expansión do universo; por tanto, as «cintas de papaventos» que chegan ata nós a día de hoxe dende o pasado son radiación infravermella.

Os nosos ollos non perciben o infravermello. Só un ollo así pode percibilo. Un ollo crioxénico, hipersensible, glacial: o seu espello primario e composto opera a uns -220º C (e lonxe aínda da temperatura dun dos detectores MIRI, que baixa aos 7 º Kelvin, só 7 graos por riba do cero
absoluto).

Así que somos a especie que ri, canta, tortura, bota a perder os océanos, o amor e a atmosfera, pero é capaz de saír curiosear cunha córnea dourada polos arrabaldes do seu sistema estelar.

Sementamos esperanzas nese ollo. Subímolo a un balcón, coma quen planta nel un xirasol inmenso cun aquel de periscopio. O balcón é o punto L2 de Lagrange do sistema Sol-Terra, un lugar onde se equilibran forzas de gravidade e xa usado para outros observatorios espaciais: orbitan o Sol co período orbital da Terra, grazas ao tirón gravitatorio desta. Un balcón a uns 1’5 millóns de km da Terra.

O noso ollo-xirasol de ouro é o Telescopio Espacial James Webb.

Se poñemos un a carón doutro o Disco de Nebra, o Disco de Ouro da sonda Voyager e o Telescopio Espacial James Webb temos 3 obras da enxeñería e arte humanas que recorren a este metal precioso para deixar pegada da esperanza de conectar, de coñecer alén do firmamento.

O de Nebra é un disco de bronce de 32 cm, coma os discos de vinilo, con incisións de ouro que segundo se cre representan o Sol, a Lúa e 23 estrelas (serán as Pléiades/Setestrelo/Pita cos pitos esas 7 xuntiñas?). Ten 3.600 anos. Mil anos máis que Safo de Lesbos, e uns 400 menos que o poema de Gilgamesh. O Stellarium ou Google Sky Maps máis antigo do ceo? Os seus analistas queren ver unha emoticona chiscando un ollo. Realmente, non sabemos que significan eses puntos e semicírculos, pero si que o fondo hoxe verdoso foi azul violáceo, pintado talvez con ovos podres.

Se fose un mapa do ceo, e indicios hai, xa supón un claro intento de resignificarnos. De poñernos en perspectiva cósmica. O insignificante deste planeta a certas escalas e o raro desa manchea de sapiens africanos aos que se lles dará por escribir A derradeira pregunta, como Asimov, Cambiar de idea, como Aixa de la Cruz, ou por deixar soando A pregunta sen resposta, estilo Charles Ives.

Disco de Nebra ( 1600 a. de C.), Disco dourado da Voyager (1977) e Telescopio espacial James Webb (2021).

Entre o disco de Nebra e o Webb só pasaron 3.600 anos. A escala cósmica, un pestanexo. Reflexos nun iris dourado.

*

Agora fecho os ollos e leo
a pizarra negra dun firmamento
por estudar aínda.

Versos de Luísa Villalta. De Ruído, 1995. Un talismán que nos acompaña dende hai tanto. Neste 2022 Luísa foi honrada como nosa Señora das Letras, na reivindicación que fan desde A Sega do Día das Galegas nas Letras.

É a pizarra negra unha imaxe poderosa. A imaxe do proceder científico. Unha lousa é negra coma o firmamento, transmutada en encerado pode encherse de cálculos, ecuacións, diagramas que admiten o borrado ante mellores argumentos. Un encerado é a posibilidade de equivocarse e volver empezar.

Ese fragmento de firmamento levoume da man –como me levaron a nai e o irmán, de nena– ao amor polo saber, intuíndo nel o que aínda non sei. Vivimos nunha época na que nos gusta recoñecernos como curiosos ou curiosas. Cando escribía Curiosidade, en 2012, centrábame na escuridade como fonte de saber, nese camiño máis transitado do que parece entre poesía e ciencia, e na curiosidade como coidado polo que se ignora e paixón polo coñecemento. Coas consecuencias de saber mesmo cando non queremos saber. Tamén na curiosidade como un atributo despectivo asignado historicamente a gatos e mulleres.

Necesitei a curiosidade daquela nena amada e orfa cuxas células apenas chegaron ata hoxe para facerme irmá e filla dun universo máis grande cando perdín aos meus seres queridos. Aprendemos a loitar desde o loito. Para non querer acabarnos de rabia e dor. Para non querer acabar co mundo, para, pola contra, irmandarnos a el.

Tres dos conceptos máis desafiantes da ciencia actual levan adxectivos escuros: materia escura, enerxía escura e buracos negros. Explicarei os tres noutras entregas, pero o telescopio espacial James Webb, amais desas imaxes barrocas e fluídas de galaxias primixenias, estrelas, nebulosas ou atmosferas de exoplanetas, axudaranos no estudo dunha desas hipóteses: a da materia escura, da que intuímos a súa presenza, xa que non interactúa coa luz, grazas ao comportamento da materia que a rodea. Estímase que un 26% do que existe é materia escura e só un 5% materia bariónica, a materia da que todo está feito, incluídos o Webb, o teu gato e ti.

*

Un amigo topógrafo contoume que pola zona de Lourenzá ou Riotorto, en Lugo, atopárase hai anos a un home, xa maior, ao que chamaban Universo.

O señor Universo. E o mozo. Ou o bebé, na pía bautismal e no berce arborescente.

«Mira o Universo no colo da madriña, así feitiño!».
«Vou no equipo do Universo, non é o que mellor xoga pero aguante ten».
«Eh, Universo, vas botar pienso ao gando?».
«Universo, anda, depelícame aí unhas mazás».
«Que ve aquí, Universo?».
«Onde lle doe?».

Estas frases son inventadas, pero suspiro pensando que puideron pronunciarse algunha vez a uns ferrados de onde vivo.

Cada vez que penso no universo como semella ser en verdade (unha beleza letal, de física aínda tan descoñecida, un lugar/non-lugar tan baleiro no fondo, tan desconcienciado para a nosa conciencia), recordo que existiu algunha vez alguén que como Walt Whitman contivo o universo en si mesmo, e chamouse e cantouse a si mesmo como tal.

O universo non é humanizable, por moito que nos tente. É por iso quizais que 8.000 millóns de persoas nos sentimos, neste paradoxo, orfos de algo.

E buscamos o choque. Esta mañá, chocou un dardo, DART, contra o asteroide Dimorphus (no cinto de asteroides entre Marte e Xúpiter). Unha misión da NASA para desviar posibles ameazas (e posibles don’t-look-ups poboacionais). Sabemos poñer en órbita e desorbitar. É a primeira vez que modificamos a traxectoria dun corpo celeste. Que chocamos. Aprendemos a xogar á petanca co señor Universo.

*

Saímos de nós mesmos.

Iso é un cambio de idea, de paradigma. O eu ensimesmado da literatura, ás veces tenramente narcisista, dilátase como unha santiña e a santiña volve un planeta a medida que imos saíndo aos poucos del. Sucamos ese planeta en globo con Verne, cruzámolo en avión con Amelia, orbitámolo con Yuri e Valentina e todos os que pisaron a Lúa baixo o nome de Apolo, o deus do Sol e da poesía. Verémolo cos e coas que tripularán na misión Ártemis, irmá xémea de Apolo, deusa da Lúa e o terreo virxe.

Vémolo desde o ollo-cupola da Estación Espacial Internacional, 16 auroras ao día.

Todas falan da beleza deste planeta, das súas níveas páxinas árticas e antárticas, das nubes de amora, o azul dos abismos oceánicos, o ocre dos seus desertos, o verde dos seus blooms de fitoplancto e masas de bosque, os versos libres dos seus ríos. A sobreiluminación das súas noites e as zonas escuras. As auroras boreais desde o espazo como unha lembranza do escudo magnético en arabescos fucsia e verde. A frase máis famosa de Gagarin, Бога Нет («non che hai Deus» ou «non vexo a Deus por aquí»), en 1961, non desmerece a frase máis famosa de Valentina Tereshkova, en 1963: «Vexo o horizonte, unha tenue liña azul, tan linda. E a Terra! Que fermosa é!».

Esa perspectiva. A perspectiva do cosmonauta.

Cando o actor (T. Hanks) que encarna a Jim Lovell na película Apollo 13 (R. Howard, 1995) sabe que non pisará xa a Lúa, cae nunha especie de ensoñación: o momento no que fica prendado non é cando chanta a bota, ve a súa pegada, angaza cos dedos coloniais o regolito lunar… non. O intre do feitizo é cando ve a Terra nun inédito cuarto crecente. Cando é quen de tapar todo canto coñece baixo o polgar. Podería ser un xesto de poder, pero o é de fraxilidade. Todo o que ama e é, estaría aí. Como un píxel pintado ao mesmo tempo por Van Gogh, Maruja Mallo, Yayoi Kusama… e protexido pola pompa de xabrón dunha humilde atmosferiña.

Perspectivas de nós saíndo de nós: Earthrise (A saída da Terra), 1968; Blue marble (A canica azul), 1972; Pale blue dot (Punto azul pálido), 1990.

Co telescopio espacial James Webb da NASA, a ESA, a Axencia Espacial Canadense e máis, investimos en ver con outros ollos o que nos rodea e rodeou. En cambiar de perspectiva. En pasar páxina. E chegaron debuxos desta nova páxina: vimos campos profundos de galaxias, nebulosas, un Xúpiter igual pero distinto, composicións de gases noutros exoplanetas, galaxias bebés, tal e como eran hai miles de millóns de anos.

Coma se agora chegase á nosa praia unha botella cunha foto que sacaron ao señor Universo de Riotorto, con apenas 7 meses, e tardase varias maruxías en chegar a nós: agora os átomos do señor Universo xa se transformaron e compoñen outras melodías polo cosmos, pero velaí esa foto na que amosa un dente e ri.

Primeiro campo profundo do Webb | NASA.

*

Entrevistei a Begoña Vila Costas, astrofísica e enxeñeira viguesa que traballa no Webb, unhas semanas antes de perder a mamá. A miña nai non sabía situar a Polar nin era consciente de ter visto a Vía Láctea. Nunca se preocupara moito por iso, como tantas persoas sabias, abertas, cheas de brazos como galaxias espirais.

Mentres subía ao Planetario da miña cidade para falar dun enxeño que prolongará o noso cerebro
(unha extensión, que diría Marshall McLuhan), a miña nai silenciosamente despedíase de douradas neuronas no planetario privado do seu cranio. Mamá tivo o rostro marmóreo e divino dunha pietá e o humor negro dunha galega viúva toda a vida. Como irmá menor, foi unha Osa Menor toda a vida: coa Estrela Polar na puntiña do rabo, unha estrela pequena, que ninguén ve, que apenas brilla. Arredor da que xira a noite toda. Incluída a Vía Láctea, a nosa galaxia.

A todo o que nos sucede na nosa existencia podemos atoparlle o seu paralelo cósmico (quedaba embarazada do meu segundo fillo mentres detectabamos as primeiras ondas gravitacionais dun baile de furados negros, Guillerme o Conquistador adiantaba a famosa conquista tras avistar un cometa, o cal aparece bordado no tapiz de Bayeux, séc. XI)… Pero o certo é que o noso mundo esqueceu mirar o ceo: todos os nosos devanceiros dende hai miles de anos, de Safo a quen escribiron Gilgamesh, de quen graffitearon mans nas covas a quen pintaron de azul noite o disco de Nebra, de Rosalía á miña bisavoa parindo soa nos montes de Ortigueira, do meu avó cruzando o Atlántico con pencas e 15 anos a Prisciliano antes de morrer…todos entendíanse co ceo. Somos os primeiros que nos custa saber que di, xa non sabemos ler nel. Acendemos demasiada luz. Perdemos o entendemento co ceo nocturno. Por non ver nin vemos a galaxia na que vivimos, que na nosa cultura adopta a metáfora da lactancia.

O cometa no Tapiz de Bayeux, s. XI.

*

En Évora, nun encontro de mulleres de arte e ciencia hai apenas uns días, unha das asistentes preguntábame como encaixaba o dó, o loito, the grief, entre as claves do poético (había unha lista na que anotara a perspectiva, a curiosidade, a maternidade atonal, o dó, o canto, a ciencia dilatada no literario…).

Dixen que supuña que era a través do espazotempo. O espazotempo é un concepto clave na física do que sabemos e do que non sabemos. Dentro dun furado negro, na singularidade, o espazotempo é outra cousa. Nun poema podo permitirme o luxo de caer por ese furado negro e dobrar o espazotempo para falar coa filla que talvez rexeitei, para darlle a man a Enheduanna, aos irmáns Herschel e a Murasaki Shikibu, podo tragar palabras que non quixen dicir e volver falar con quen xa non me fala. Podo saírme deste postcapitalismo estresante e morredoiro, antimaterno, idadista. Podo amar o tempo que eu queira.

«Se algo pode acontecer, acontecerá nun tempo infinito».

Nalgún intre da luz que o telescopio Webb recolle no seu corazón de ouro, todos os teus seres queridos están vivos asemade. As voces dun disco abandonado, o home ou muller que labrou astros no bronce de Nebra, os nenos da nosa especie ou neandertais que pintaron as mans contra a caverna hai 35.000 anos, as criaturas extintas, a propia Terra nacendo a golpes, o Sol, as primeiras estrelas, as galaxias temperás, os ollos dourados dos que namoraches unha vez, sementes dun dente de león esparexidas, procesos irreversibles, a termodinámica do planeta, cantos de nai…

Unha idade de ouro para tomar perspectiva. E facer algo con ela.

Women observing stars, Chōu Ōta, 1936.

 

Río […Estíbaliz Espinosa… ], setembro 2022
Escritora, astrónoma amadora

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail