A comunidade galega destaca pola produción de materias primas como leite, uva e carne, pero a escaseza na transformación destes bens impide que o ciclo de produción se complete e creza o valor engadido dos mesmos.
A industria agroalimentaria está considerada sector estratéxico en Galicia. A covid-19, ao contrario que noutros ámbitos, non orixinou tantos estragos nas súas vendas principalmente pola alta demanda en alimentación e a actividade constante das fábricas. Os problemas, segundo as expertas, veñen de antes, e están relacionados coa utilidade final dos bens e servizos. Aínda que goce de boa saúde, o sector primario sofre un déficit na transformación dos produtos. Os ciclos de produción non se pechan e o valor engadido vaise fóra do territorio galego cara outras empresas e países.
A esfera dos lácteos é a que máis destaca por iso, cuxa produción aumentou durante o período de confinamento. Galicia é a primeira rexión de leite do estado ao producir máis do 40% de toda a elaboración de España e tamén figura entre as primeiras a nivel europeo. Factura máis de 1.000 millóns de euros e, con todo, só a empresa Río é a compañía galega que figura na clasificación das máis grandes do país, e isto débese ao gran peso das multinacionais. Algunhas empresas xa se venderon a través de investimentos exteriores como Larsa e Leima. Nas tres últimas décadas Galicia perdeu o 90% das súas explotacións polo baixo prezo da materia prima e só o 45% da mesma expórtase.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
«Non facemos transformación láctea, só envasamos a brik» conta a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Villalba. «É unha industrialización moi básica e é necesario cambiar para crear valor engadido. Fomos vendo a perda de peso no sector agrario, gandeiro e forestal». A cuestión tamén abrangue ao sector cárnico. Tenreira Galega é unha das grandes insignias da comunidade, pero vende toda a carne ao corte ao non realizar transformados. De feito, para mellorar a súa situación debido á caída das vendas pola hostalería, apostará pola innovación, produtos elaborados e pola internalización.
No ámbito madeireiro, Ence é unha empresa pasteira en Pontevedra que elabora o produto primario necesario para realizar bens de papel, pero esas instalacións e fábricas non están fincadas en Galicia, polo que os procesos seguintes na cadea están externalizados e polo tanto, non se xera emprego.
No sector vitícola penetraron unha gran cantidade de adegas externas e algunhas galegas xa foron compradas, polos que as compañías externas son as grandes beneficiarias dos fondos de reestruturación do viñedo. A intención dos grupos adegueiros é explotar os campos e exportar a produción ao seu país comprando as propiedades, por exemplo, as de Ribeira Sacra, Rías Baixas, O Ribeiro e Valdeorras.
Unha das grandes cuestións que sofre o sector primario en Galicia, segundo explica o sindicato, é que se deixou de traballar con madeira. Desapareceu a pequena industria do moble e os serradoiros e fábricas tradicionais como Mobles Hermida, en Lourenzá (Lugo), pecharon e 200 persoas quedaron sen traballo. Villalba fala de «desmantelamento» e abandono dos montes galegos, cuxas consecuencias son visibles a curto prazo: os grandes incendios de cada verán na comunidade galega. A elevada cantidade de biomasa favorece a propagación das chamas, incentivadas polas plantacións de eucalipto e piñeiro, dúas variedades moi pirófilas. Se os terreos alternasen cultivos constituíndo un paisaxe mosaico o resultado non serían os miles de hectáreas calcinadas. Ademais, as actividades económicas relacionadas co medio rural, se non existe un apoio por parte das institucións, terminan morrendo, posto que a xente nova abandona estes lugares en busca doutro futuro. O círculo do abandono.
A profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, María Cadaval, explica a Público que estas empresas pertencen a unha primeira xeración industrial que se remonta aos períodos do franquismo, a máis contaminante, e que está centrada nas primeiras fases do proceso produtivo e non na de bens e servizos finais. Ao non crear un produto listo para vender, é a competencia internacional a que desvía a produción. «A primeira xeración industrial ten que morrer», sostén Cadaval. «Vanse materializar mortes importantes: perda de renda, emprego e poboación».
Con todo, hai que destacar neste apartado a excepción da industria conserveira e os produtos do mar, que dan traballo directo a 70.000 persoas, como, por exemplo, Jealsa, Rianxeira ou Frinsa, así como a xigante Pescanova. Do sector cárnico, destaca Coren, a maior cooperativa avícola de Galicia que superou con fartura a covid-19 polo volume de pedidos. «Aquí non hai problema de vendas», explica o secretario xeral de CCOO de Industria, Víctor Ledo, xa que o sector conserveiro foi catalogado estratéxico durante a pandemia. Con todo, os seus persoais aínda reclaman unha mellora nas súas condicións laborais, con contratos temporais e parciais, que se viron empeoradas pola covid-19. «Deron a talla durante o confinamento e para as conserveiras, que a maioría son mulleres, é 8 de marzo todos os días», continúa Ledo.
O sector industrial en Galicia xera o 18,5% do Produto Interior Bruto (PIB), aínda por debaixo do obxectivo europeo, pero as expertas sosteñen que Galicia ten capital suficiente para constituír unha industria sostible e xenerosa co medio ambiente. Para iso, advirten da necesaria intervención e participación pública para aplicar políticas industrializadoras e elaborar así novos proxectos orientados á transición enerxética e ecolóxica. Galicia xa conta cos recursos naturais, capital físico e humano para iso.