A última (pero non derradeira) lección de Feijóo

Diante do cadro, A derradeira leición do mestre, o óleo no que Castelao recreou a estarrecedora estampa do asasinato de Alexandre Bóveda que xa debuxara no álbum Galicia mártir, Alberto Núñez Feijóo deu unha mostra máis, que non a derradeira, desa súa liña de discurso consistente en coller o porco polo rabo cando ve un rabo, aínda que non haxa porco. No que era a dor pola morte dun amigo, de tantos como lle mataron e da barbarie fascista que se cebou en todo aquel que na década dos trinta do pasado século pensara na mellora da vida da xente, Feijóo viu «un homenaxe aos mestres e á defensa da educación fronte ao fanatismo» e «unha ensinanza en liberdade como medio de promoción dos valores democráticos», ademais de como «unha advertencia do que xamais debe volver pasar e un alegato contra a inxustiza».

Por se non desviara o tiro bastante, nun alarde de erudición, Feijóo precisou que «cando pintou esta obra, nas guerras europeas en 1945, é posterior á guerra civil española», esquecendo, ou máis ben ignorando, que a estampa orixinal foi debuxada en plena guerra civil. Escoitando a Feijóo, alguén que descoñeza a orixe do cadro, podía pensar que a derradeira lección que o mestre daba aos pequenos era andar con coidado para non tropezar e non caer, ou non deitarse se a herba está mollada, para non coller catarros. De ter que comentar un cadro como Los fusilamientos del 3 de mayo, o presidente sinalaría que non é conveniente situarse enfronte duns fusís, sobre todo se levas unha camisa branca que fai que destaques no conxunto, e por suposto, mellor non andar de noite por descampados.

Ai temos, outra vez (pero non a derradeira) o discurso feijoano de prestidixitación en estado puro. O pano que mostra cunha man distrae do que saca da manga. Que o cominan a xustificar en sede parlamentaria os recortes en persoal sanitario? El escoita «persoal sanitario» e resolve que está a favor, e proclama que por suposto, defenderá a médicos e enfermeiras das insidias da oposición en calquera ámbito ou tribuna. Que toma unha decisión claramente lesiva para a maioría da poboación? El está a favor da poboación, e é precisamente por defendela porque non ten outra que adoptar esa medida, que a oposición, de estar no seu lugar, tomaría con moita peor intención e pésimo resultado.

Menos mal que o cadro volverá para a súa casa, Bós Aires.

 

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail