O discurso do odio

Meterse na conta de X de VOX hoxe en día significa estar disposto a ler mensaxe tras mensaxe en contra da inmigración. Que se son todos asasinos, violadores, ladróns e traficantes de seres humanos… Que se o outro día houbo un ataque contra unha muller española e o atacante era marroquí… Nunca parecen observar patrón algún entre os homes españois, ou entre os homes en xeral, que exercen violencia contra as mulleres de maneira sistemática. Non, soamente podemos xeralizar cando o atacante non é un home branco e beneficia a narrativa trumpista á que nos queremos acoller.

O odio aos inmigrantes, e en particular aos homes non brancos, non é cousa nova. Nos Estados Unidos, Trump e os do seu grupo levan anos esbardallando contra os males dos inmigrantes sudamericanos. Gran parte da súa campaña do 2016 baseouse precisamente en construír un muro entre México e os Estados Unidos en 2016, e a do 2024 en mandar de volta os millóns de inmigrantes ilegais que segundo el residen no país. Agora, sendo presidente, o que está a facer é arrestar xente mentres se dirixen aos xulgados para regularizar a súa situación no país, e pechalos en Alcatraz e no que se coñoce coma Alcatraz dos caimáns, unha nova prisión (campo) en Florida, illados da súa representación legal e das súas familias.

Trump militarizou o servizo de inmigración e aduanas. Deulle un poder case ilimitado á hora de arrestar a quen queira e amezou con facer ilegal un dos métodos orixinais de adquisición da nacionalidade (nacemento no territorio do país), o que deixaría aberta a posibilidade de arrebatarlle a nacionalidade a calquera que se lle opoña.

Todo esto fíxoo coa excusa de salvagardar a seguridade (pureza racial) dos Estados Unidos, fiando unha narrativa de odio e desprezo cara aos inmigrantes, acusándoos de ser violadores, traficantes de seres humanos, asasinos, vagos e violentos. Desde hai un tempo, pero bastante máis descaradamente nos últimos meses, VOX estase aferrando á mesma narrativa, a chamada Teoría da Gran Substitución, á cal os partidos de extrema dereita, os fascistas de teclado e os racistas de bar levan anos subscribíndose.

Segundo esta teoría, os inmigrantes (non-brancos) están levando a cabo unha grande invasión dos países occidentais, coa intención de substituír a súa poboación (branca), impoñer os seus costumes e violar as súas mulleres. Parece ser unha teoría nacida do medo de que as nacións que sufriron a colonización e o imperialismo pretendan facer o mesmo que se lles fixo a elas en Europa e Estados Unidos. A solución a esta imaxinada ameaza é tachalos a todos de criminais e asegurarse de que non se cree comunidade algunha ou sentimento público positivo na poboación de orixe europea.

Ninguén nega que entre os inmigrantes haxa criminais e violadores, porque os hai. Da mesma maneira que os hai entre os españois, ou os americanos, ou os franceses, ou os ingleses. E non escoitaredes a ninguén dicir que hai que pechalos a todos. Non hai proba ou estudo científico ou estatístico que demostre que as taxas de criminalidade son maiores entre inmigrantes do que o son entre os europeos ou americanos. O único que logra esta narrativa inventada é fomentar o odio e a discordia.

É moi sinxelo coller un grupo marxinalizado, un grupo distinto á maioría do país, e acusalos de ser intrínsecamente inferiores. É unha maneira perfecta de atopar un inimigo común e unificar ideoloxicamente os votantes. É unha estratexia tan antiga que xa aparecía na novela de George Orwell, 1984, e hai que admitir que funciona, como xa vimos no caso americano. Ao xeralizar desta maneira respecto dun grupo de persoas, ao falar de determinismo biolóxico ou cultural, de que «son todos así», é moi fácil chegar á conclusión de que a única maneira de solucionar o problema é desfacerse do grupo enteiro, e todos sabemos a onde leva iso.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail