Alfonso Rueda, cento e pico días á sombra de Feijóo e sen proxecto para Galicia

A inacción do presidente da Xunta está a borrar o seu escaso perfil político.


A Coruña.- Cando Alberto Núñez Feijóo deixou Galicia para liderar o PP, o seu substituto prometeu que as cousas non ían cambiar. E se de algo non se lle pode acusar a Alfonso Rueda é de mentir niso. Tal é o grao de continuísmo na Xunta de Galicia nos cento e pico días que transcorreron desde o cesamento de Feijóo que mesmo dá a impresión de que o seu sucesor segue sendo vicepresidente, e non presidente do Executivo galego.

Alfonso Rueda sempre mantivo un perfil moi baixo. Concelleiro en Pontevedra, a súa cidade natal, desde os 27 anos, e man dereita de Feijóo desde 2003, ocupou praza ininterrompidamente desde 2009 en todos os gobernos da Xunta, á que chegou como segundo ao mando a partir de 2013. Pero nas enquisas sempre apareceu como un perfecto descoñecido para os galegos. En febreiro deste mesmo ano, pouco antes da caída de Pablo Casado e a subida de Feijóo, apenas un 50% da poboación o identificaba como o seu vicepresidente e conselleiro.

Amable, pulcro e ata fotoxénico, co punto xusto de timidez e moi pouca capacidade para a impostura e para saírse da cortesía no debate público cos seus opositores, o problema de Rueda é que, a pesar de todo iso, non encanta. E non só por falta de carisma, que tamén, senón porque esa estratexia seguidista á que se abrazou está a sementar a idea de que non ten máis proxecto para Galicia que seguir o rastro de Feijóo.

Mantivo íntegro cos mesmos conselleiros e conselleiras ao último Goberno do expresidente, coa soa incorporación á Vicepresidencia Segunda de Diego Calvo, o home de confianza do líder na provincia da Coruña, e o ascenso á Vicepresidencia Primeira de Francisco Conde, asesor de cabeceira de Feijóo en materia económica e quen xa ocupaba a Consellería de Economía.

Os cambios de Rueda tan só consistiron en substituír ás persoas máis próximas a Feijóo e que traballaban para el nos segundos e terceiros banzos da estrutura autonómica e que se foron a Xénova con el.

«É un presidente accidental que vai camiño de converterse en presidente insustancial», afirma Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e líder da oposición. «E o problema é que con todo o que está a pasar, Galicia non pode permitirse unha lexislatura de transición», engade.

«É un presidente accidental que vai camiño de converterse en presidente insustancial», afirma Ana Pontón

Galicia é a segunda comunidade coas pensións e salarios máis baixos e coas peores cifras demográficas, a primeira en datos relativos de mozos que a abandonan e a sexta na que máis medrou o paro. A sanidade está colapsada con médicos en folga denunciando unha situación insostible; o curso vai arrincar outra vez con menos profesores e máis colexios pechados e coas familias sen saber aínda a estas alturas que libros deben comprar para os seus fillos. E os concellos que non son do PP seguen denunciando que a Xunta lles obriga a prestar servizos sociais que non son da súa competencia sen facilitarlles o diñeiro necesario para financialos.

Cando Rueda cumpriu cen días á fronte da Xunta, o PP celebrouno asegurando que liderara unha «transición modélica», en palabras de Paula Prado, secretaria xeral do partido en Galicia. Ten toda a razón porque a saída de Feijóo apenas provocou movementos nin debates internos, aínda que parece algo lóxico dado que aquela saída repentina non foi un trompazo, senón, ao contrario, un ascenso. Alguén ousaría cuestionar a sucesión designada por quen máis manda agora no partido?

Fronte á potencia dos perfís propios que mostran os líderes autonómicos das comunidades gobernadas polo PP, como Isabel Díaz Ayuso (Madrid), Alfonso Fernández Mañueco (Castela e León), Juan Ramón Moreno Bonilla (Andalucía) e mesmo Aurelio López Miras (Murcia), Rueda, con todo, e a pesar de que goberna coa maior porcentaxe de votos de todos parece renunciar á idea de gañarse o título de barón.

Feijóo e Rueda, nunha imaxe de arquivo

Durante este verán prodigouse en actos compartidos con Feijóo, desde a Festa do Albariño ás romarías populares do PP, apoiando o discurso estatal do líder fronte ás políticas do Goberno de Pedro Sánchez e Yolanda Díaz pero sen ofrecer alternativas para a comunidade que preside. O Diario Oficial de Galicia dos últimos dous meses, en plena crise inflacionaria e da enerxía, parece obra dun Goberno en funcións máis dedicado a liquidar os asuntos correntes que a propoñer, lexislar e executar estratexias e ideas propias.

A oposición, claro, aproveita o oco que deixa a inacción de Rueda. O BNG de Pontón presentou un plan para investir 1.000 millóns de euros de partidas non utilizadas dos orzamentos da Xunta para apoiar ás familias e empresas a superar a crise con axudas directas, subidas de pensións e gratuidade nos servizos públicos de transporte. O PSdeG, que lidera Valentín González Formoso, reclamou recuperar a gratuidade dos libros de texto coa que acabou Feijóo e tenlle cruiticado a Rueda a súa inanidade fronte aos incendios deste verán e o colapso da sanidade.

A única resposta do presidente galego foi seguir o discurso estatal de Feijóo e culpar de todo ao Goberno e a Pedro Sánchez, mesmo en cuestións que son de exclusiva competencia da Xunta: se non hai suficientes médicos non é porque a Xunta leve trece anos recortando o orzamento sanitario, senón porque Moncloa convoca poucas oposicións para cubrir prazas de médicos internos e residentes (MIR). Se os escolares galegos non saben que e con que van estudar este curso, a responsabilidade é do Ministerio de Educación. Se os galegos ven obrigados a sufragar na súa factura da luz o custo de transportar fóra de Galicia a electricidade que se produce en Galicia, a culpa tamén é de Madrid. No discurso de Rueda dá igual que a Xunta teña transferidas desde hai anos todas as competencias en materia de industria, tamén enerxética.

O último debate produciuse ao redor da decisión do Goberno de promocionar a gratuidade no transporte público, xa estea en mans do Estado, as autonomías ou os concellos. A medida está a funcionar, parece que goza de aceptación cidadá e o decreto que o recolle permite que as comunidades participen nela cofinanciando o 20%. En Galicia, Rueda negouse a aplicala alegando que a norma é «confusa», e só se prestou a financiala naquelas cidades onde o transporte público depende da Xunta e non dos concellos que, curiosamente, non están en mans do PP.

Talvez sexa casualidade. Ou non. Porque precisamente a primeira meta volante que terá que superar Rueda se quere manterse á fronte da Xunta son as eleccións locais previstas para dentro de oito meses. Feijóo foise de Galicia sen un só alcalde do PP nas sete grandes cidades da comunidade. Vigo, A Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo están en mans do PSOE, Pontevedra é do BNG e Ourense, do independente sui generis Gonzalo Pérez Jácome. O municipio máis grande gobernado polo PP non pasa de 30.000 habitantes, e das catro deputacións provinciais só ten unha, a de Ourense, do tamén sui generis Manuel Baltar.

Parecería que Rueda o ten fácil para mellorar ese pobre rendemento. Pero no partido empeza a render certa alarma. Máis aló da promoción persoal do presidente nos medios públicos, sometidos a unha manipulación descarada no seu favor, e nos medios privados «concertados» con diñeiro público, non existe unha estratexia que distinga a Rueda cun perfil, proxecto e políticas propias.

«As municipais de 2023 van ser o termómetro para medir de verdade como estamos», asegura unha fonte do PP galego, que dá por descartado que Rueda adiantará as eleccións xerais previstas para 2024 para facelas coincidir coas xerais. «El mesmo é consciente, como todo o partido, de que sen o tirón de Feijóo non vai revalidar a maioría absoluta», conclúe.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail