A Xunta e os gobernos autonómicos do PP rexeitan solidarizarse con Ceuta e advirten de que non acollerán menores migrantes

A Coruña.- A crise migratoria de Ceuta activou unha fronte de rexeitamento entre os gobernos autonómicos do Partido Popular, e tanto naqueles nos que os de Alberto Núñez Feijóo gobernan en solitario como naqueles onde comparten o poder con Vox, comezaron a pechar filas contra unha eventual distribución dos menores migrantes non acompañados chegados á cidade autónoma desde Marrocos.

Mentres o Goberno de Pedro Sánchez prepara a activación dos mecanismos previstos na Lei de Estranxeiría para aliviar a presión sobre Ceuta, onde os populares tamén gobernan, varios executivos autonómicos do PP sosteñen que a responsabilidade corresponde exclusivamente ao Goberno do Estado e adiantan a súa negativa a asumir novas acollidas, ben apelando á saturación dos seus recursos, ben remitíndose aos acordos subscritos polo PP coa formación ultradereitista.

Durante a vaga masiva na que máis de 70.000 persoas cruzaron entre o 28 e o 31 de xullo pasados o paso fronteirizo entre Marrocos e Ceuta a través do espigón do Tarajal e do litoral que o rodea —cando menos 72 morreron no intento—, varias fontes calculan que había máis de 7.000 menores de idade. Tras o retorno voluntario da maioría deles, quedan na cidade 862 rapaces e rapazas, que permanecen acollidos oficialmente nos centros da cidade presidida polo popular Juan Jesús Vivas. As autoridades estiman que pode haber centos máis agochados.

Rexeitamento da solidariedade como posición política

O Goberno de Vivas xa advertiu de que a crise supera con moito a capacidade de atención que lle permiten os seus medios materiais e humanos, pero o seu partido, lonxe de ofrecerlle apoio desde as institucións onde goberna, fixou unha posición política que consiste en negarse a abordar a situación desde a solidariedade entre comunidades autónomas. Preguntado este martes sobre se os gobernos populares participarán na distribución dos menores, o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, sostivo que a entrada de persoas na cidade non fora «unha crise migratoria, senón de seguridade nacional» e que, polo tanto, «quen debe resolvela é o Goberno». Na mesma liña engadiu: «Non ten nada que ver con situacións anteriores. Que por onde entraron, volvan saír».

Devolver os menores a Marrocos a través do paso fronteirizo do Tarajal, como propón Tellado, é unha medida ilegal que contravén a obriga que a Lei de Estranxeiría impón ás autoridades, que deben abrir un procedemento individualizado coa participación da Fiscalía para comprobar se un menor o é realmente e decidir despois se debe ou non ser repatriado en función da súa situación particular e da protección dos dereitos que o amparan.

O secretario xeral do PP, Miguel Tellado, durante unha intervención no Congreso dos Deputados / Foto: PP

O argumentario do secretario xeral do PP, porén, atopa un apoio explícito nos acordos de goberno que o PP mantén con Vox en varias comunidades autónomas. Os pactos subscritos en Estremadura, Andalucía, Castela e León e Aragón incorporan un apartado específico sobre inmigración que rexeita de plano calquera política de distribución de menores estranxeiros non acompañados. O texto, practicamente idéntico nos catro casos, é taxativo:

«Non máis menores estranxeiros non acompañados. Rexeitamento frontal á política de inmigración do Goberno central. A Administración autonómica rexeitará de forma expresa a política de inmigración do Goberno de Pedro Sánchez e oporase por todos os medios legais, xurídicos e políticos a calquera mecanismo de distribución de inmigrantes ilegais, tanto maiores como menores de idade. Non participará en ningún caso en reformas normativas nin en acordos orzamentarios destinados a facilitar, financiar ou consolidar a súa entrada, acollida ou permanencia» en cada territorio.

Miguel Tellado, secretario xeral do PP, sobre os menores migrantes en Ceuta: «Que por onde entraron, volvan saír»

Os acordos van moito máis alá do rexeitamento á distribución. Xunto coa regra da «prioridade nacional» na recepción de axudas e na prestación de servizos públicos, tamén contemplan endurecer a política de retornos; promover a repatriación de menores; impedir a ampliación dos centros de acollida e reducir o gasto destinado a eles «ata o mínimo imprescindible»; eliminar o financiamento ás organizacións que atenden persoas migrantes; reformar as normas do padrón; prohibir o uso do burka e do niqab nos espazos públicos e suprimir os programas de ensino do árabe e da cultura marroquí, ademais de rexeitar «calquera inxerencia estranxeira ou intento de diluír» a identidade, os usos e os costumes locais.

Vox pide «deportacións masivas»

Castela e León foi unha das comunidades onde a crise de Ceuta puxo de manifesto o alcance real deses pactos cando se producen emerxencias como a actual. Fontes da Vicepresidencia primeira, dirixida por Carlos Pollán (Vox), lembraron este martes a Efe que o acordo co PP obriga a Xunta de Castela e León a opoñerse á distribución de menores e a calquera actuación que non sexa a súa repatriación inmediata. O propio Pollán reclamou ademais «deportacións masivas», outra medida contraria á legalidade, e anunciou o inicio da retirada de axudas ás organizacións que prestan asistencia ás persoas migrantes.

O silencio do presidente autonómico, Alfonso Fernández Mañueco, contrasta coa posición que mantivo ata hai apenas uns meses. Antes de selar o novo acordo con Vox o pasado 2 de xullo, o dirixente popular chocara coa formación ultradereitista polo seu discurso migratorio, cuestionara o patriotismo dos seus dirixentes e expresara publicamente o seu apoio e solidariedade con Ceuta e Canarias ante anteriores episodios de presión migratoria. Porén, non se pronunciou sobre a posibilidade de participar na distribución de persoas migrantes menores de idade.

O presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta de Castela e León

Unha situación semellante prodúcese en Estremadura. A presidenta, María Guardiola, tampouco fixou publicamente unha posición, aínda que fontes do seu Executivo citadas por El Confidencial aseguran que a comunidade non pode «asumir máis presión migratoria nin máis menores migrantes» e subliñan que o Goberno estremeño cumprirá o acordo acadado con Vox nesta materia. Deste xeito, outro dos executivos autonómicos do PP adianta que o compromiso político adquirido coa formación de Santiago Abascal pesará tamén sobre calquera decisión relacionada cunha eventual distribución, mesmo se iso supón non atender a necesidade urxente dunha institución gobernada polo propio partido, como a autoridade autónoma de Ceuta.

Segundo a axencia Efe, a Vicepresidencia e Consellería de Desregulación, Servizos Sociais e Familia, cuxo titular é o presidente do Grupo Parlamentario de Vox na Asemblea de Estremadura, Óscar Fernández Calle, asegurou que a Xunta de Estremadura non se fará cargo dos migrantes chegados desa cidade.

«Unha invasión tolerada»

O presidente da Xunta de Andalucía, Juan Manuel Moreno, mantén a mesma cautela ca Guardiola e evitou pronunciarse sobre a posibilidade de participar na distribución, aínda que o seu socio de Vox, vicepresidente segundo e conselleiro de Turismo, Xustiza, Desregulación e Administración Local, Manuel Gavira, cualificou o pasado domingo a chegada de migrantes a través do Tarajal como «unha invasión alentada por Marrocos e tolerada polo Goberno de Pedro Sánchez». Andalucía figura entre as comunidades cuxos acordos de goberno do PP con Vox incorporan ese compromiso expreso de rexeitar os mecanismos de distribución de menores migrantes.

No País Valencià, fontes do Executivo de Juanfran Pérez Llorca aseguran a Público-Luzes que non recibiron, polo momento, ningunha comunicación oficial do Goberno sobre unha eventual distribución. Porén, o portavoz do Consell, Miguel Barrachina, insinuou hai dous días que na comunidade «xa non cabe máis xente», aínda que acto seguido asegurou que a acollida suporía «desembolsos adicionais de recursos de todos os valencianos e de todos os españois para sufragar os gastos sociais, sanitarios e educativos para os que non existe ningunha planificación».

En Madrid, a conselleira de Familia, Xuventude e Asuntos Sociais do Goberno de Isabel Díaz Ayuso, Ana Dávila, asegurou o pasado luns que o Executivo rexional non asumirá a chegada de máis menores mentres o Goberno central non resolva, ao seu xuízo, o problema do control migratorio. Durante unha entrevista en Telemadrid, Dávila negou que o Executivo de Sánchez contactase con eles e adiantou o relato que ao día seguinte desenvolveu Miguel Tellado: pretende que as autonomías «asuman as incompetencias do Goberno» e Madrid non está disposta a facelo.

A Xunta de Galicia, presidida por Alfonso Rueda, tampouco confirmou que vaia participar na distribución de menores e cargou contra a xestión do Executivo central. Fontes da Consellería de Política Social sinalaron a Público-Luzes que «a política migratoria debe facerse desde o consenso, a coordinación e a regulación». «A incapacidade do Goberno central para xestionar as súas competencias e impulsar unha política migratoria ordenada está a derivar nunha crise sen precedentes. E o que non pode pretender é que sexan as comunidades autónomas as que solucionen sempre o problema», engaden. As mesmas fontes aseguran que a última comunicación recibida desde o Executivo sobre menores migrantes non acompañados foi para informar «do recorte dun 82 % no financiamento» das acollidas.

«O diñeiro dos españois, para os españois!»

En Aragón, o presidente Jorge Azcón tampouco fixo pública a súa opinión, aínda que desde a Vicepresidencia que dirixe Alejandro Nolasco (Vox) remitiron directamente a Público-Luzes á mensaxe difundida pola dirección estatal do partido nas redes sociais cando se lles preguntou pola súa posición. Nese chío afírmase: «Marrocos enviounos [aos migrantes] a Ceuta nun acto de guerra sen precedentes, coa submisión de Sánchez, que non protexe as nosas fronteiras. Os falsos menas, deportados; e os nenos, para a casa cos seus pais. O diñeiro dos españois, para os españois!».

Posteriormente, o Goberno de Aragón rexeitou participar na distribución e anunciou, segundo informou Efe, que utilizará «todos os instrumentos legais, xurídicos e políticos» ao seu alcance para opoñerse a calquera decisión que considere unha vulneración das súas competencias ou que comprometa a capacidade dos seus servizos públicos. O Executivo autonómico sostén que o Goberno «volve pretender resolver unha crise provocada polo seu fracaso en política migratoria mediante unha distribución obrigatoria» e afirma que Sánchez «non pode perder o control da fronteira e repartir despois a súa incompetencia entre as comunidades autónomas».

Fronte a ese rexeitamento

Fronte a ese rexeitamento, o Executivo central comezou a despregar os mecanismos extraordinarios para responder á situación. A ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, anunciou unha dotación adicional de 25 millóns de euros para a atención dos menores migrantes en Ceuta. Preguntado por Público-Luzes sobre se eses fondos servirán tamén para financiar as comunidades autónomas que participen na acollida, o seu departamento limitouse a sinalar que esa cuestión corresponde ao Ministerio de Xuventude e Infancia, e evitou valorar que os pactos de goberno entre o PP e Vox en varias comunidades prohiban expresamente esa medida.

O Ministerio de Xuventude e Infancia, dirixido por Sira Rego, si confirmou a este xornal que transferirá eses 25 millóns de euros á cidade autónoma para atender a situación de emerxencia e que xa habilitou, xunto co Ministerio de Educación, dous centros educativos para a atención dos menores, especialmente das nenas. Así mesmo, explicou que desde finais de xullo mantén unha coordinación permanente co Goberno ceutí e co resto das administracións para garantir a protección dos nenos, nenas e adolescentes migrantes, e que a ministra viaxará á cidade nos próximos días para supervisar a activación deses recursos.

O Ministerio de Xuventude e Infancia: «Todas as comunidades cumprirán a lei, sen excepción»

O departamento de Rego lembrou ademais que a resposta prevista polo Executivo pasa polo despregamento íntegro do artigo 35 da Lei de Estranxeiría, que contempla a acollida «vinculante e solidaria» por parte do conxunto das comunidades autónomas cando exista unha situación de continxencia migratoria extraordinaria, como a que afecta Ceuta desde agosto do pasado ano. E asegura que «todas as comunidades cumprirán a lei, sen excepción».

A citada norma tamén prevé convenios con organizacións dedicadas á protección de menores e a reagrupación familiar cando concorran as condicións necesarias para garantir o interese superior do menor.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail