A dereita ás portas

Desde hai un tempo insístese con gana na dereitización dos mozos de menos de trinta anos. Contrasta isto coa nula insistencia na esquerdización das mozas (nótese, de feito, canto máis raro soa esquerdizar que dereitizar; non digamos xa esquerdización fronte a dereitización). Non é casual. Os medios de comunicación de masas, apoiados nun epifenómeno elevado a grande acontecemento nas redes sociais, traballan arreo para o triunfo da dereita. Mais non son os medios da dereita, transmitindo o discurso falaz e incoherente de Feijóo, os que constitúen hoxe o triunfo futuro do PP. Son os medios supostamente progresistas os que insisten en facer desertar o electorado de esquerdas nun exercicio non poucas veces inconsciente, senón tamén deliberado en múltiples casos.

O 23-X amosou que non abondaba que o electorado de dereita fose mobilizado polos medios da dereita. Esta foi a grande conclusión que tiveron que extraer no espectro esmorecente do centroesquerda logo da crise do neoliberalismo. Non é algo novo. Vén de 2018, cando o PSOE se fracturou en dous e Sánchez, para afrontar a irrupción de Podemos, protagonizou unha sorte de revolta interna, democrática e esquerdista. Foi unha viraxe de éxito na conquista do poder, que non foi, con todo, capaz de rexerar o partido socialista. E para proba empírica disto que estamos a dicir, aí temos a elección de dous secretarios sucesivos hoxe investigados por corrupción.

Como queira que sexa, a lexislatura chega ao ecuador envolta nun framing machacón da dereita que a esquerda non sabe encarar. Sánchez segue apostando todo á «normalización», logo da anomalía da «nova política». Deulle bo resultado con Illa en Catalunya, onde o tema pintaba moito peor que en calquera outra parte do Estado. Farta do procesismo, unha boa parte da cidadanía catalá apostou polo retorno á orde do 78. E a día de hoxe, con independencia da calidade de xestión de Collboni ou Illa, iso é o que parece que vai obter a maior fracción de voto. No entanto, o independentismo perde a súa transversalidade, que facía posíbeis as maiorías parlamentares CUP-ERC-CiU, hoxe imposíbeis pola presenza dunha extrema dereita homologábel a Vox, mais de referente nacional catalán, Aliança Catalana (AC).

Mais Catalunya, xunto con Euskadi, é unha excepción. No resto da península reinan o PP e os herdeiros do vello PSOE, o que fai que Sánchez teña que encarar as vindeiras municipais e autonómicas nun escenario semellante ás europeas, onde as dereitas xa gañaron en España e no resto de Europa, en moitas ocasións configurando bipartidismos alternativos entre dereita e ultradereita. Perante isto, España segue a ser a excepción que resiste á dereitización que subalterniza Europa diante da segunda presidencia de Trump. Nesta tesitura, Sánchez, convencido das opcións de dereitización que lle brindaba a descomposición de Sumar pola esquerda, non vacilou en xirar á dereita co falso argumento de que nesta lexislatura Junts e PNV son imprescindíbeis e que non é posíbel unha política máis á esquerda.

Isto tense que explicar, pois confúndense demasiado a miúdo as batallas de posicións no vello escenario pre 15-M co novo contexto de emerxencia reaccionaria. Junts e PNV non teñen opcións ante a dereita e ultradereita nun contexto global que atenta directamente contra as minorías nacionais. Feijóo xa anuncia que vai liquidar a amnistía se chega ao goberno e, nas distintas comunidades autónomas nas que gobernan, PP e Vox marcan un ataque frontal e sen contemplacións ás linguas nacionais. Isto non é valorado suficientemente por Junts, «o partido de Puigdemont», que insiste en dar a Sánchez o que este precisa para poñer o PSOE no centro.

Velaquí o erro táctico do sanchismo: o centro esmoreceu e hoxe non existe xa un bipartidismo de centroesquerda e centrodereita. A influencia dos EE.UU. sobre Europa nótase xa coas ultradereitas marcando a axenda das dereitas e as dúas axendas de país. Sánchez vive no universo imaxinario Biden-Harris, un mundo no que aínda existe a alternancia bipartidista dentro dun mesmo paradigma neoliberal. E ese non é o caso despois de 2008 a escala global. O neoliberalismo é hoxe un modelo esgotado que se reinventa en clave autoritaria alén da compatibilidade democrática dos seus partidos. Trump non é demócrata nin o quere ser, igual que Meloni, Orban, LePen, etc. O propio PP deixa ás claras que non vai acatar a democracia se non é para lexitimarse mellor; algo que, polo demais, tamén declina.

Ante esta situación, Sánchez ten dous anos para evitar o que previsibelmente chegará se non fai políticas que marquen un espírito semellante ao de 2018. A esquerda chama á esquerda. Non debe temer a Sumar e menos aínda a Podemos, que aposta con éxito actual pola dereitización. Se quere pasar á historia coma outra cousa que o presidente do caso Koldo-Ábalos-Cerdán, máis lle vale que vire á esquerda a non máis tardar. É o que espera a única maioría posíbel en España e na escena internacional.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail