Máis Viñetas! Máis alá!

Imaxe: Cartel do Viñetas desde o Atlántico 2023, de Manel Cráneo. © Viñetas desde o Atlántico.

 

No mes de marzo o director do Viñetas desde o Atlántico, Miguelanxo Prado, dimitía e a BD galega espertaba de súpeto do seu pacto do letargo. O gran pope do cómic atlántico marchaba pegando un sonoro portazo a dous meses das municipais e a catro do festival. O golpe final foi a rolda de prensa na que debullou os problemas: falla de entendemento cos gobernos postvázquez, un orzamento conxelado, intentos de privatización e un exceso de burocracia que, na súa opinión, dificultaba a organización.

A xestión de Prado ten partidarios e críticos —en privado—. Alén diso, o balance final é satisfactorio: creou o festival, levouno a ser dos máis importantes do estado, fixo medrar no colo do festival a xeración máis exitosa da BD galega, e, por riba de todo, evitou que o Viñetas se convertera só nun circo de chocalleiros e vendedores de trapallada marvelita.

Tamén se fixeron cousas menos ben: o festival debería ter entidade xurídica propia para non depender dos vaivéns políticos —tal vez a través dunha fundación—, non se modernizou, non houbo relevo xeracional, faltou máis (si, máis e máis variada) presenza galega e portuguesa e hai anos que faltan ideas frescas. Por outra banda, vinte e cinco anos dirixindo un evento son moitos e, obviamente, hai clarescuros: significaron estabilidade, unha visión clara, solvencia e unha liña ascendente; pola contra, e sei que isto é debatíbel, ninguén debería manter dúas décadas e media a dirección dun evento público.

Viñetas é o que é grazas a Prado e á xente que pasou polo seu equipo, sen dúbida. E é lóxico que despois de anos de erros e desleixo institucional rematara por cansarse. O de Prado non foi unha arroutada, como el explicou, xa levaba meses pensando na dimisión, por tanto, o movemento foi feito con premeditación e aleivosía. O disparo era contra o barco da alcaldía, pero deulle de cheo á chalana da banda deseñada. Cadaquén teremos unha opinión sobre o asunto. Eu só agardo que servira para acender as alarmas e que alguén nese goberno se dera conta da xoia que é Viñetas.

Atopar unha solución será difícil porque as sombras do traballo e a figura de Prado son longas. Por sorte saiu o festival adiante. Tres meses intensos de reunións, nomes e ideas, (xa saben as que sempre saen nestes casos: máis manga, máis cosplay, máis influencers, máis cousas para vender, máis privado e máis Comic-Con). Esquivouse esa bala neoliberal. Non foi doado, pero semella que salvaron o evento e gañaron o tempo preciso para repensalo e reorganizalo.

Recoñezo que fun pesimista nesta interinidade de transición, mais agora son un esperanzado optimista. A chalana aínda flota e habería que aproveitar isto para unha refundación, reconstruír canto antes, aproveitar o moito bo do anterior e enriquecelo con ideas novas e mantendo o espíritu. Este ten que ser necesariamente un ano de transición, hai que ser comprensivos e vogar a favor. Poñamos as esperanzas en que se solucione definitivamente esta transición, que ninguén caia nesa terríbel idea de privatizar o evento e enchelo de chamáns dixitais e monecos funkopop espantosos.

Pecho pensando que, en xeral, nestes meses, faltou reflexión, autocrítica e algunha análise seria do tema nos medios e no sector, que apurou a pechar filas sen pensalo moito, como se un evento destas características fóra só un proxecto persoal e personalista. Sobrou ruído e aldraxados xurando non volver. Au revoir, pechen ao saír!

Eu si irei, coma sempre, con máis ganas de BD que nunca e moitas esperanzas no futuro, nun Viñetas que manteña a súa entidade e personalidade e que medre para ser un dos grandes festivais de Europa.

Máis Viñetas! Máis alá!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail